Inicio > Montañismo, Sendeirismo / trekking > Travesía Cordiñanes – Caín (pola Canal de Culiembro). Outubro 2006.

Travesía Cordiñanes – Caín (pola Canal de Culiembro). Outubro 2006.

2006 Outubro 15

Fotos de Travesía Cordiñanes – Caín (pola Canal de Culiembro). Outubro 2006.

Ordenando papeis en casa (que é un eufemismo de “tirando lixo acumulado durante anos”), atopeime cunha libreta de notas miñas dunha viaxe na que durante 10 días estivera de travesías en solitario por Picos de Europa, tomando como campo base a Vega de Urriellu. Sorprendeume o achado xa que non tiña a menor lembranza dese episodio, seguramente porque naquela ocasión fóra sen cámara, e a miña feble memoria non foi quen de reter algunha lembranza sen o apoio dalgunha refrescante fotografía… O caso é que, entre as páxinas da devandita libreta topeime cun par de folios con anotacións doutra saída posterior que, a diferencia da primeira, si lembraba, grazas a que nesta ocasión tomara algunhas fotografías.
Comparto agora as fotos e unha montaxe feita de aquela, xunto coa reseña dun percorrido que nos levara 3 días dende Cordiñanes a Caín; nesta ocasión eramos 3 “camiñantes”: Beni, Lurdes e eu.
Notas tomadas por min.

Primeiro día, 13 de outubro de 2006. De Cordiñanes ó Jou sin Terre.

Chegaramos a víspera para durmir nun pequeno albergue de poucas liteiras que se atopa preto de Cordiñanes, pero do que xa non lembro o nome. Xunto con nó-los 3 viña Doris, que adicaría estes 3 días a facer algo menos duro do que o resto tiñamos previsto.
Ás 08:30h da mañá iniciamo-la ruta dende Cordiñanes pola Rienda de Asotín para, tras acada-la Vega de Asotín, entrar na Canal de Asotín onde tomamo-la canle á esquerda por Argayo Berón. Dende aí rodeamos a Torre Jermosa para, pasando pola fonte, chegar ata Collado Jermoso ás 12:30h. Xunto ó refuxio botamos pouco tempo e aínda que non lembro ben se cambiamos algo de plan respecto da ruta a seguir por mor das recomendacións do garda do refuxio, o caso é que continuamos polo Hoyo del Llambrión para ascender á Torre de la Palanca, cumio que acadamos ás 15:30h. Continuamos pola aresta cara ó Oeste ata que practicamente remataba a súa pendente, para seguir uns fitos descendentes xunto a un vivac que sinala o descenso cara ó Hoyo Grande Cimero, ó que chegamos abaixo ás 19:00h; deberiamos ter arrodeado o Picón polo Oeste, peo fixémolo pola súa parte superior, Sur – Este, seguindo uns fitos que ían cara á Collada Blanca). Dende o fondo do jou ascendimos cara á Horcada de Caín por unha pendente fácil pero de forte inclinación, á que chegamos ás 19:50h. O descenso cara ó Jou sin Terre era fácil e cando o acadamos, ás 20:10h, montamos a nosa tenda Vaude sobre unha rocha plana con vistas á cara Oeste do Picu Urriellu.
Unha noite sen vento colaborou en que non tiveramos problemas coa tenda, xa que ó só poder acampar sobre rocha, era imposible poder colocar piquetas coas que asegurala.

Segundo día, 14 de outubro de 2006. Do Jou sin Terre ó Pando Culiembro.

Ás 10:10h da mañá arrancamos cun fácil ascenso cara á Horcada de Don Carlos, que acadamos en media hora. O descenso ata o fondo do Jou de Cerredo resultou moi delicado e perigoso e levounos 45 minutos. Logo proseguimos arrodeando o Jou Negro polo Sur – Este para meternos no Jou de los Cabrones, cara ó refuxio da Vega de Urriellu, no que resultou un longo e pesado tramo. Chegamos ás 13:20h ó refuxio J. R. Lueje, e tras unha hora de descanso iniciamos un descenso, seguindo fitos por un trazado sinuoso de rocha no que resulta fácil perderse e que ten 2 pasos delicados asegurados cun pasamáns de corda, no que resultou unha moi montañeira e preciosa ruta ata subi-la Cuesta del Trave polo bordo alto do Jou Lluengo, onde chegamos ás 15:40h.
Tras 15 minutos de descanso baixamos por prados de forte pendente cara á Majada de Amuesa, á que chegamos por erro ás 16:30h, xa que de non ter baixado tanto poderiamos ter collido unha diagonal directa cara ó Collado de Cerredo, sen necesidade de ter baixado toda a Cuesta de Trave. En todo caso, aproveitamos para coller auga, xa que na Majada de Amuesa, a uns 50 m dende o Collado de Cima, en dirección a Bulnes, hai un abrevadeiro de animais que ten unha tapa metálica para as persoas.
Tras decatarnos do noso erro, levounos un tempo reorientarnos e como non había fitos dende o fondo da Cuesta del Trave ata o Collado de Cerredo, non acadamos este ate as 18:30h.
Dende aquí se comeza un vertixinoso descenso pola Canal de Piedra Bellida, que tampouco tiña máis que 2 fitos no primeiro tercio da mesma e algún máis xa cáseque ó seu final. Esta canle salva uns 1.000 m de desnivel cunha fortísima pendente que esixe moita atención e coidado e que, dada a súa lonxitude, faise moi dura. Neste tramo Lurdes pasouno moi mal xa que estaba agotada, e costoulle continuar ata o seu remate, aínda que tivo a súa recompensa cando nos topamos cunha fermosa campa de verde herba, xa no Pando Culiembro que acadamos ás 20:30h. Nós acampamos no prado coas últimas luces do día, logo de pasar unha primeira cabana en mal estado.
Desta dura xornada quedounos para sempre o auténtico significado do coñecido dito:

o que non te mata,

faite máis forte.

Picos de Europa- Travesía de Cordiñanes a Caín a través do Macizo Central, pola Canal de Culiembro. Outubro de 2006. from trepadasecordadas@gmail.com on Vimeo.

Terceiro día, 15 de outubro de 2006. Do Pando Culiembro a Caín.

Logo da paliza da víspera, xa nos quedaba pouco, así que tras desmota-la tenda iniciamo-lo descenso ás 10:00h, por unha pendente de herba delicada por mor da súa gran inclinación. Atravesamos tamén algún tramo de bosque ata chegar ó fondo do Pando Culiembro e pasa-lo río Cares pola Ponte Viella ás 10:50h. En 15 minutos ascendimos pola outra beira xa do río para conectar coa Ruta do Cares e proseguir por ela co resto do turisteo ata Caín, onde chegamos ás 12:15h.
Para voltar a polo coche en Cordiñanes tivemos que coller un taxi (aínda conservo a tarxeta que nos deron), así que o malo desta ruta é que non é circular; o bo é que faravos máis fortes! 😁 se non vos mata… 😉