Inicio > Alpinismo > Tentativa de ascensión ó Espigüete (Palentinas – Fuentes Carrionas – León). Semana Santa de 1998.

Tentativa de ascensión ó Espigüete (Palentinas – Fuentes Carrionas – León). Semana Santa de 1998.

Fotos das Palentinas (Fuentes Carrionas - León).Semana Santa de 1998. A nostalxia pódese definir como un sentimento de tristeza que produce a lembranza dun tempo pasado ou de algo querido; e, sen dúbida, algo así foi o que experimentei cando fai uns días achegámonos ó Carrión, rexurdindo do fondo da miña memoria algunhas borrosas lembranzas da que coido que debeu de sé la miña primeira visita a eses lares: corría a Semana Santa do ano 1998 e o meu Club Alpino Ourensán (daquela todavía Club Alpino Manzaneda) programaba unhas actividades de montañismo e sendeirismo en Fuentes Carrionas; e alá fun… 🙂

Nesa época todavía era habitual que levase a miña libretiña, feita cutremente a man reutilizando follas de revistas a modo de portada, e na que tomaba nota tanto das rutas e tempos que facía, como das impresións, recomendacións e cousas que aprendía en cada viaxe; agora en cambio, grazas ás cámaras dixitais, as miñas notas son fotográficas, en vez de quirográficas. As formas cambiaron, pero a esencia sigue sendo a mesma: sempre aprendendo…

As saídas á montaña, incluso en inverno, todavía facíanse coas tendas de campaña, aínda que xa se impuñan as restricións e desaparecían os lugares nos que tradicionalmente acampaban ou vivaqueaban os/as montañeiros/as… eu aínda non era consciente, pero estabamos asistindo ó final dun tempo…

Corredor Noreste do Espigüete (Fonte: http://www.elmaquis.net/escaladas/webesinvernales/espiguete-norte.htm)Vendo as fotografías e notas daquela actividade, sospeito que debiamos de estar tentando subir ó Espigüete pola chamada vía do Corredor Noreste, aínda que no noso caso en lugar de meternos polo corredor á esquerda da cova, penso que íamos en dirección contraria cara ó lado dereito. -Que por que?… ¿Sería menos complicado?- Vai ti a saber… 🙂 Supoño que era o plan previsto polos compañeiros que daquela nos guiaban…, nos ensinaban…, nos presentaban ante as montañas…

Resumo a partir de extractos das miñas notas do ano 1998, da tentativa de ascenso ó Espigüete pola súa cara Noreste.

Notas miñas e dossier do Club Alpino Manzaneda, do 199809/04/1998

Durante a viaxe caeran varias nevaradas e o ceo estivera encapotado, pero tivemos sorte e puidemos prepara-lo noso campamento baixo o sol, aínda que con moito frío. Estabamos montando as tendas nun prado cando o seu propietario chegou visiblemente anoxado e conminounos a pasarnos á outra beira da ponte, onde ó parecer si que podíamos instalarnos (en todo caso paréceme lembrar que posteriormente pasouse por aló a Garda Civil e púxonos unha multa -ó Club- por non estar permitida a acampada…).

Estamos na beira dun río ou encoro, e xunto ó nacemento do mesmo, posto que hai unhas fontes de onde xurde a auga abondosamente (Neli di que debe de sé-lo nacemento de Fuentes Carrionas). É un lugar moi bonito cunha gran parede lixeiramente desplomada, ás nosas costas, e á vista dunha montaña totalmente cuberta de neve e a ratos velada pola néboa en dirección máis aló da ponte. Os prados da ribeira do río son verdes, chans e libres de maleza -un fermoso lugar…-.

10/04/1998

Franxo, seguido de Cristina e Manel perto xa da característica cova da ruta do Corredor Noreste.Acabamos de levantarnos. Estivo nevando toda a noite e fixo bastante frío. O peso da neve acumulada sobre a tenda afundía o teito sobre as nosas cabezas, pero ó golpealo para descarga-la neve, esta deixaba de actuar como illante e baixaba bruscamente a temperatura do interior da tenda.

Xa pola mañá, baixo o peso da neve acumulada, o avance do teito estaba caído sobre a entrada da tenda, polo que pensamos que as varillas estarían rotas, sen embargo, simplemente dobráranse. A paisaxe cambiara e agora aparecía totalmente cuberta de neve a costa que unía o camiño co prado de acampada, impedindo saír ós coches sen cadeas, xa que habería uns 25 cm de neve, polo menos.

Coido que estamos nun lugar chamado Puente Agudín.

[…] De volta ás tendas collemo-la comida e fomos a unha cova ou furado que penetra nas rochas uns 25 m máis arriba da estrada, moi perto da campa. Non sabemos onde remata xa que despois de descender uns metros xa non chegaba a luz para ver.

11/04/1998

8:05 Mañán espléndida. O ceo está despexado e o sol ilumina con intensidade. Fixo moito frío pola noite e a xeada cubriu a neve, polo que esta aparece conxelada. As botas están igualmente ríxidas polo frío.

10:05 Estamos todos/as cáseque preparados/as. O sol acaba de empezar a incidir sobre o campamento e xa ía sendo hora, porque vai moito frío, pese ó espléndido día. Aquí abaixo fai moi bo tempo pero cara ó Norte (que é onde nos diriximos) vese o ceo anubrado e Quico di que fará moito vento nas arestas.

Manu seguido de Carlos, perto xa da característica cova da ruta do Corredor Noreste.11:00 Saímos cara ó Espigüete seguindo a estrada que vai a Cardaño de Arriba, para pronto desviarnos dela polo camiño que leva ó refuxio ós pés deste monte. O refuxio é moi pequeno, cunha cheminea e mesa, e cun faiado destinado a durmir, ó que se accede por unha escada. Aló (12:20) reagrupámonos e saímos (13:00) para inicia-lo ascenso pola canle principal. A neve estaba moi descomposta e afundíamonos nela ata a cintura polo que o ascenso foi moi traballoso. Procurando ir pegados ás rochas conseguimos subir, relevándonos en cabeza.

14:20 Descansamos e reagrupámonos nun fondeiro da neve, protexido do vento, dende o que algúns compañeiros decidiron dá-la volta, namentres o resto proseguimos cara arriba. Seguíamos sendo un grupo numeroso (13 persoas). A neve continuaba estando moi branda e tardamos cáseque unha hora en chegar a unha cova de rocha descomposta e xeo que cun chan en pendente non era moi axeitada para estar cómodos. Os últimos metros ata a cova tiñan a dificultade engadida dunhas placas de neve conxelada. Neste tramo entre o descanso e a cova fomos moi lentos (demasiado) o que despois coido que foi bó, xa que cando o tempo empeorou e tivemos que dá-la volta non estabamos tan arriba coma poderíamos no caso de subires máis rápido.

Na cova, o grupo decidiu retirarse porque o resto do percorrido parecía bastante comprometido e o vento aumentaba por intres. Manu e eu, sen embargo, continuamos subindo con bastantes dificultades alternano neve moi branda na que nos enterrabamos ate os xeonllos con zonas algo máis sólidas. Aínda tiñamos visibilidade para discerni-lo cume e o que deixabamos por embaixo nosa. Sen embargo, cada vez sopraba máis vento arrastrando neve que por intres ocultaban a nosa ruta.

Manu, seguido de Carlos (esquerda) e Jose (dereita), perto xa da característica cova da ruta do Corredor Noreste.De repente, a visibilidade fíxose nula. Unha pequena xistra cubriuno todo e cegábanos e golpeábanos con forza, impedíndonos abri-los ollos. Decidimos pois retirarnos, xa que o tramo no que atopabámonos presentaba unha neve con xeo e rochas por embaixo, e aínda quedábanos moito treito. Baixar uns poucos metros ata una neve máis branda, a cegas polo vento foi perigoso, lento e difícil. Pero todavía quedábanos a peor parte, xa que a neve cubrira as nosas pegadas e non tiñamos claro por onde subíramos. Baixamos lentamente por unha neve en mal estado e intuíndo -máis que vendo- a ruta. Sen embargo atopamo-la canle que decorría á beira da cova despois duns minutos tensos nos que temimos perdernos. Xa na canle e polo tanto no camiño correcto, tranquilizámonos máis e dirixímonos cara ó refuxio.

Durante este descenso atravesamos tódolos tipos posibles de neve: auganeve pola cintura, placas de xeo, neve algo consistente,.. De feito, desviámonos algo da ruta de ascenso e ó pasar por unha placa de xeo esvarei e empecei a caer cada vez máis rapidamente sen ser capaz de autodeterme co piolet ata que a placa rematou e empezou un tramo de neve… -foi tremendo e temin o peor [de feito lembro que durante a caída déuseme por pensar na desgraza de todo o que me ía perder da miña moza daquela… -cousas do amor…-]-. Afortunadamente somentes fíxenme algo de dano nos xeonllos ó rozar contra o xeo e non sufrín máis danos. A partires de entón vixiamos máis tentando evita-lo xeo e non tivemos máis percances.

A visibilidade seguía sendo moi mala, a ventisca azoutábanos despiadadamente, e a neve empapábanos nos tramos na que nos afundíamos ata o peito. Pasamos moito frío, pero xa estabamos seguros de logar descender. Rompín o pantalón pola petrina ata o traseiro por mor das continuas caídas nos buratos que se formaban na neve.

Eu (esquerda) e Manu (dereita) recén chegados ó refuxio logo da nosa retirada.No refuxio esperábannos Manel, Jose “In the night”, Jose (o médico) e Carlos (o comercial de produtos médicos). Como estabamos totalmente enchoupados e coa roupa chea de xeo, paramos a liberarnos da maior parte da neve adosada e tomarnos unha laranxa (eu tiven que cambiar de polainas porque me romperan as dúas fibelas) antes de seguir ós nosos compañeiros ata a estrada, dende onde nos recolleron -ben enchoupados- en coche porque viñeron buscarnos.

Xa no campamento mudámonos e fomos cear todos ó bar de Cardaño de Abajo, invitados polo Club 🙂

Logo enteraríame de que na placa na que esvarara, producíranse máis accidentes esa mesma tarde: namentres Manu e eu subíamos, caeran -seica aparatosamente- 2 vascos dun grupo de 3 que acabaron topando contra unha pedra; logo escorrego Tato, que tamén parou contra a mesma rocha; e por último Cris, que foi parada por Tato, aínda que de novo petou contra a pedra. Afortunadamente ninguén saiu demasiado malparado, aínda que un dos vascos mancouse bastante.

Foi un día cheo de experiencias: o perigo do cambio brusco de tempo, a falta de visibilidade que fíxonos perdernos completamente, e o meu “renacemento” cando conseguín para-la miña caída pola placa de xeo…

Ás 2 da magrugada estabamos por fin nos sacos despois de pasar toda a velada o bar vendo como o resto de compañeiros/as baleiraban 3 botellas de pacharán.

A noite é moi luminosa, pola lúa chea, pero está nevando lixeiramente e todo aparece cuberto de neve. Non fai moito vento, pero a ratos debe levantarse algo porque algunhas tendas están deformadas polos embates do aire.

Notas de recordatorio tomadas nesa saída:

  • É útil leva algunhas pinzas da roupa para p.e. pecha-la entrada da tenda en caso de rotura da cremalleira.
  • En caso de ir en coche é tamén útil levar un pequeno taburete plegable de tipo praieiro.
  • No coche tamén pode ser interesante levar pa.
  • Sempre é útil ter unha garrafa de 4 ou 5 litros de auga para cociñar ou simplemente beber.
  • Levar culler, e manteiga para cociña-los precocinados.
  • Buscar té en po.
  • Non deixa-las botas nin as polainas, nin a auga no avance da tenda. Deixalo todo dentro da tenda xa que cando xía, todo o que estea húmido conxélase: as polainas quedan con bolas de neve conxelada que as deixan ríxidas, as botas están tesas e fan dano ó andar.
  • Gafas de ventisca de cristal claro.
  • Máscara de neopreno para a cara.
  • Botar crema protectora solar na cara, aínda que non faga un sol forte.
  • Levar 2 chisqueiros en sitios distintos, e mistos en compartimento estanco.

 

Unha boa foto da ruta do Corredor Noreste do Espigüete pódese ver en:

Advertisements
  1. Aínda non hai comentarios.
  1. No trackbacks yet.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s