Inicio > Alpinismo, Montañismo, Neve, Rocha > A primeira viaxe ós Alpes (Chamonix), xullo de 2001

A primeira viaxe ós Alpes (Chamonix), xullo de 2001

Fotos de Alpes, dende Chamonix, xullo de 2015O noso primeiro catromil e a tentativa fallida ó Mont Blanc pola ruta dos pioneiros.

Fai unhas semanas estaba desfacéndome dunha chea de papeleo inútil que tiña en casa, cando atopeime cun borrador do artigo que no seu día fixera para o CAIRN, a revista do Club Alpino Ourensán (daquela aínda Club Alpino Manzaneda), contando o intento de ascensión ó Mont Blanc que fixeramos varios socios.

Como a miña memoria é feble, xa non me acordaba daquelo, pero grazas ás fotos que sacara naquela viaxe e, sobre todo, ó relato que o noso lembrado Arturo publicara nese mesmo número, puiden rememorar o que pasou naqueles días. Ambos artigos, xunto coas imaxes daquel vello álbum, trouxéronme lembranzas dun tempo no que eu iniciábame na montaña, da man do noso club, durante os descansos que me deixaban os adestramentos de Remo.

Pese á miña inexperiencia, inspirado polas aventuras que lía da literatura alpina e confiado na miña forza, non quixen deixar pasa-la oportunidade de ascender ó Mont Blanc, na miña primeira visita ós Alpes, por unha ruta diferente á usada pola maioría da xente. Así que este é o relato dunha tentativa que acometemos cun historial consistente en só dúas ascensións que fixeramos nos días anteriores: a Petit Aiguille Verte e o Mont Blanc du Tacul (onde descubrín o que supón a falta de aclimatación e o mal de altura, durante un descenso no que baixei practicamente arrastrado polo meu irmán, e pillamo-lo último teleférico polos pelos, entrando nel á carreira, sen tempo nin para desencordarnos ou quitarno-los crampóns).

Portada e contraportada do CAIRN nº 23Escaneadas as fotos e o artigo, e só correxida a ortografía, achégovos nesta entrada un relato histórico 🙂 no que poder compararme 15 anos despois… e para ben, ou para mal, … non me vexo moi distinto 🙂

Alpes 2001. Reunión de montañeiros/as do CAM en Chamonix; intento de ascensión ó Mont Blanc.

“O montañeiro no debe exporse ante os perigos; ha de aceptar algúns -o mal tempo (e o que conleva: lóstregos, neve, frío) é o máis importante-” Gaston Rébuffat

Arturo, Mundi, Manu e eu en Les GensLevabamos catro dias en Chamonix e desque chegaramos a inestabilidade meteorolóxica fixéranos descartar practicamente o noso principal obxectivo: o Mont Blanc. Nos dias precedentes, as evidentes malas condicións da montaña e as continuas novas de mortes causadas precisamente por elas, desalentarannos de tal xeito que xa non contabamos sequera coa esperanza de realizar unha tentativa con algunha posibilidade de éxito. De feito hoxe era a véspera da data prevista para a aproximación e o día amenceu frío e neboento.
Manu e eu no cume do Mont Blanc du TaculTiñamos previsto achegarmos ate o refuxio de Aiguille du Gouter para recoñece-lo que se considera a vía Normal de ascenso. Anteriormente xa foramos ó glaciar des Bossons para determina-la ubicación do refuxio des Grands Mulets e observar esta ruta de ascenso. E cando subiramos ó Mont Blanc du Tacul, aínda que o tempo era tan malo que non puidemos estuda-la ruta coñecida coma dos Catromiles, si que nos serviu para ter unha idea do que cabía esperar. Con todo isto queriamos cando menos familiarizamos con varias das vertentes do monte; cousa imprescindible denantes
de elixir un itinerario, aínda que hoxe en día as presas e a necesidade de obte-lo máximo proveito de cada saída impoñen un estilo apresurado baseado en ter elixida a vía de ascenso xa antes de partir cara o obxectivo e non “desperdiciar” tempo en percorridos de recoñecemento.

Eu, Manu, Arturo e Mundi no glaciar de BionnassayFinalmente tivemos que conformarmos con observa-lo refuxio de Aiguille du Gouter dende o que se atopa xusto embaixo del, a 700 m. de desnivel, chamado de Tete Rousse, debido o forte vento e a
que o tempo empeoraba cada vez máis. De calquera xeito tiñamos decidido inicia-lo intento de ascensión ó día seguinte, xoves, xa que era a nosa única oportunidade antes de regresar a Galicia o Sábado.
Necesítase 1 día para a aproximación a algún dos refuxios e outro para acada-la cima e regresar ó camping, polo que se non desfrutásemos de dúas xornadas seguidas de bo tempo non o lograríamos. Sen embargo, calquera posibilidade de éxito pasaba inevitablemente por situarmos nun dos refuxios de altura o xoves para estar en disposición de realiza-lo ataque final, se as condicións do segundo día así o permitiran.

A debate a decisión da elección do itinerario.

Plano da ruta seguida no intento de ascensión ó Mont Blanc pola ruta dos pioneirosCon todo isto en mente xuntámonos esa noite Óscar, Tato, Antonio, Mundi, Manuel e máis eu, os seis que estabamos dispostos a realiza-lo intento, para discuti-las nosas alternativas. Denantes
recabamo-la opinión de Pedro, que era o único con experiencia suficiente para orientarnos na elección entre os distintos itinerarios. A reunión xa foi emocionante de por si, o que denotaba a transcendencia que tódolos presentes dabamos ás decisións que debiamos de adoptar. Tras un longo debate decantámonos por
tentar unha ruta atractiva Como é a que ascende polo glaciar des Bossons para pernoctar no refuxio des Grands Mulets. Esta opción permitiríanos a Manuel e máis eu partir a pé dende os 1.274 m. da entrada do túnel do Mont Blanc e os demais aproveita-lo teleférico a Plan de l’Aiguille (2.310 m.). Deste xeito unha vez chegasen ó refuxio empezarían a abrir pegada todo o arriba que puidesen para facilita-la progresión do seguinte día. Nolos dous contabamos con chegar algo máis tarde para colaborar con eles e decidir in situ se resultaba máis recomendable proseguir pola aresta Norte do Dome du Gouter ou continuar polo Grand Plateau. Calquera das dúas alternativas levaríanos ate o Col du Dome, dende onde seguiríamos pola aresta de les Bosses ate a cima.
En canto ó retorno, pensabamos facelo seguindo a ruta Normal polo refuxio de Gouter, esperando que unha vez acadada a golada, o itinerario resultase evidente por mor de sé-lo máis transitado.

A aproximación.

Manu no glaciar des BossonsManuel e eu empezamos a prepararnos ás 5:30 h. Amablemente, Tato ergueuse para achegarmos en coche ate o noso punto de partida, nas inmediacións do túnel do Mont Blanc e de seguido volveu camiño do seu saco. Tomamos unhas galletas e ás 6:20 h. iniciamo-lo percorrido por un empinado sendeiro que nos deixaría, 3 horas despois, 1.200 m. máis arriba nos restos da estación de teleférico abandonada de les Glaciers (que anteriormente chegaba ate Abri Simond, perto do refuxio des Cosmiques). De seguido continuamos media hora máis xa mantendo practicamente a cota ata acada-lo bordo do glaciar des Bossons, onde nos detivemos a descansar e prepararnos para percorrelo.

Estivemos aquí case que unha hora, durante a que ollabamo-la neve buscando algún rastro do paso dos demais xa que pensabamos que neste punto debían de precedernos. Sen embargo ós poucos minutos de adentrarnos no glaciar apareceu Antonio, aínda por detrás noso, na última reviravolta do camiño, algo adiantado dos demais. Tardamos dúas horas máis en acada-lo refuxio de les Grands Mulets (3.05l m.) superando 500 m. de desnivel por un glaciar inzado de visibles gretas pero cunha boa pegada para sortealas. Con moita atención, pero admirados e emocionados polo que para no-los dous era o primeiro percorrido por un glaciar fracturado coma este, avanzamos encordados animados polo bo tempo e vendo como por detrás xa viña o resto do grupo.

Manu no glaciar des Bossons, baixo o Dome du GouterA ubicación do refuxio é impresionante, sobre unha gran rocha que lle serve de plataforma, no medio do glaciar e con tódalas comodidades que son habituais nos refuxios gardados franceses. Aquí reagrupámonos todos e Óscar aproveitou para falar co garda (que por certo empregaba un bo castelán). De el soubemos que polo glaciar habería pegada ate o Col du Dome, pero advertíanos que un temporal entraría a partires das 16 h. do seguinte día con tal intensidade que nos illaría no refuxio , polo que nos recomendaba que regresaramos hoxe mesmo por onde viñeramos. Ante esta perspectiva a nosa única posibilidade de acada-la cima do Mont Blanc pasaba inevitablemente por partires para o ataque final dende unha cota máis alta e tan cedo coma fose posible para poder estar de regreso denantes da chegada do mal tempo. Determinamos pois que teriamos que proseguir ate a golada para , dende alí, achegarnos ó refuxio de Aiguille du Gouter (3.863 m.) que estaba moito máis alto do que agora nos atopabamos.

Manu no glaciar des Bossons, embaixo do refuxio de Grands MuletsNamentres comiamos falamos disto, decidindo continuar Óscar, Manuel e máis eu, pero Tato, Antonio e Mundi, ante a perspectiva dun temporal decidiron regresar ó camping. Mercamos auga de glaciar no refuxio ó “módico” prezo dunhas 500 pts. por encher un par de botellas de 1’5 l. e, pouco máis dunha hora despois da nosa chegada, ás 14:20 h., Manuel e máis eu volviamos a retoma-lo camiño novamente encordados. Óscar, ansioso por chegar ó outro refuxio, non quixo encordarse connosco e partiu en solitario uns minutos antes ca nós.

Durante a tarde cruzámonos con numerosas cordadas (a maioría formadas por guías “arrastrando” á súa clientela) que descendían seguindo a clara pegada que sorteaba unhas gretas pouco numerosas, aínda que algunhas delas ocultas. Sen embargo, en sentido ascendente eramo-los únicos que seguiamos esta ruta.

O tempo era bo, soleado, cálido e sen vento, e así mantívose ata que acadamo-la golada, cando empeorou drasticamente. Algo antes das 18 h. xa empezamos a observar nubes entrando polo Oeste e coma o vento arreciaba máis arriba, na golada. Preocupados por este adianto do mal tempo, Manuel e máis eu empezamos a cavilar na posibilidade de non ires ate O refuxio de Aiguille du Gouter senón pasa-la noite na cabana Vallot (4362 m.), da que Pedro nos dixera que era un barracón non recomendable máis que para usar en caso de emerxencia, pero a súa proximidade ó cume permitiríanos, se as condicións fosen boas, tentar un ataque rápido de noite ou de madrugada e regresar denantes de que a borrasca collese forza. Explicámoslle a Óscar o novo plan e aínda que en principio era máis partidario de achegarse ó refuxio da vía Normal, logo secundou a nosa idea.

No ultimo tramo, xa con menos pendente, apreciábase o comezo da golada, pero as nubes empezaban a arrodearnos e unha vez que a acadamos impedíronnos ter unha panorámica da mesma e, sobre todo, de por onde decorría a vía Normal cara ó refuxio de Aiguille du Gouter (cousa que lamentaríamos o día seguinte). Isto resultaba preocupante xa que ese debera se-lo noso itinerario de regreso e era importante ter alomenos unha idea de cara onde teríamos que encamiñarnos.

Manu no glaciar des Bossons (ó fondo, a Aiguille du Midi)Xa na golada, a neve arrastrada polo forte vento golpeábanos con forza e os 200 m. de desnivel que nos restaban ate o refuxio fixéronse moi duros. A pina costa final, fácil, pero con moito vento, frío e inmersos nas nubes esixiunos un esgotador esforzo que despois dos 3.000 m. de desnivel que levabamos no corpo nesta longa xornada, obrigounos a botar man das nosas ultimas reservas.
O refuxio Vallot está algúns metros máis arriba dun observatorio meteorolóxico e é un edificio totalmente metalizado arrodeado polos excrementos das súas visitas e cunha entrada á que se accede por unha escada que custa atopar cando non se sabe o que se busca; demos case que unha volta completa ó seu redor ata que a localizamos. Eran as 19:10 h. cando entramos no refuxio xeados, cubertos de neve, realmente cansos e temendo que as rachas de vento que o golpeaban nos negarían a oportunidade que agardabamos. Leváranos 5 h. de camiñada acada-la cabana Vallot dende o refuxio de Grands Mulets , salvando os 1.300 m. de desnivel que os separaban, e as nosas esperanzas esvaíanse arrastradas polo vento.

Un par de montañeiros anglofalantes que deberan de chegar pola vía Normal esa mesma tarde e coincidir aquí, eran os únicos ocupantes da gran habitación que abarcaba case que todo o interior do refuxio. Había unha decena de colchóns e unha trintena de mantas repartidas en dous laterais do cuarto, ademais dunha porta que penso debía sé-lo acceso a unha latrina que non debía funcionar ben á vista do calamitoso estado dos arredores do edificio. Nós dende logo, nin sequera ousamos a comprobar o que habería por detrás desa porta.
O interior estaba moi cocho, cheo dos restos que anteriores ocupantes deixaran ciscados por todas partes. Supoño que de cando en cando farase unha limpeza de todo, xa que de non ser así axiña chegaría un intre en que resultaría inhabitable; ademais, colchóns e mantas non tiñan tanto lixo coma o resto.

Manu no glaciar des BossonsEu levaba todo o dia sufrindo unha persistente tose bronquial ou pulmonar acompañada de moita mucosidade en nariz e garganta, que agora víase agravada polo frío e a altitude. Os accesos de tose eran tan violentos e a dor que me causaban na sen resultaba tan evidente que incluso os dous ocupantes do refuxio amosábanse preocupados polo meu estado. Tranquiliceinos un pouco e pregunteilles se coñecían algún prognóstico do tempo; segundo o que lles entendemos habería un empeoramento pola mañá, así que consideramos que a única posibilidade que teriamos pasaba por saíres de madrugada en canto percibísemos que o vento amainase.

Mundi e Óscar no glaciar des BossonsDentro do refuxio a temperatura era moi baixa pero alomenos estabamos a salvo do vento, así que abrigámonos coa roupa que levabamos na mochila e dispuxémonos a cear algo denantes de deitarnos.
Para un recorrido tan longo como o que planearamos, Manuel e máis eu decidiramos aforrar peso non levando saco nin fornelo, ó ter previsto utilizar refuxios que xa contaban con mantas e boas comodidades. Óscar levaba fornelo pero deixárase os cartuchos de gas, polo que tivemos que pedirlles ós nosos compañeiros de circunstancias que nos deixasen usa-lo seu, cousa á que accederon. Así, namentres eles se metían nos seus sacos para durmir, nós dispuxémonos a facer algo quente para reactiva-los nosos arrefecidos corpos. O certo é que aproveitámonos deles e tamén derretemos un par de litros de neve, xa que apenas nos quedaba auga.

Compartimos un triste pote de mistura de arroz con caldo que sóubonos a gloria e fíxonos entrar en calor. Deste xeito deitámono-los tres xuntos totalmente vestidos e tapados por alomenos unha ducia de mantas grazas ás que non pasamos frío pola noite pese as baixas temperaturas. Como non me atopaba ben espertábame cada pouco tempo pero a situación non melloraba e o vento continuou soprando por rachas durante toda a noite. Cando despois dun rato de silencio parecía que a calma se restablecería, novamente o ruído das chapas do refuxio azoutadas con furia encargábase de desanimarme.

A retirada.

Manu no glaciar des BossonsA primeira luz do día que timidamente iluminou o interior do refuxio non trouxo ningunha melloría. Estaba incómodo no colchón, aínda que quente, e sabía que fora das mantas o frío era intenso, así que isto xunto co resoar do mal tempo no exterior convencíanme de que era mellor seguir agardando sen moverme, Pero chegou un intre en que xa non aguantaba máis as gañas de mexar. Erguinme e era tal o frío que pensei en facelo nunha botella sen ir fóra. pero á vista do lixo que nos arrodeaba sentín escrúpulos e decidinme a saíres. As botas estaban conxeladas, duras coma croios, e por iso unha vez calzado aínda tiven que agardar a que coa calor dos meus pés perdesen algo de rixidez. A cabeza doíame bastante, especialmente durante os longos accesos de tose nos que pensaba que a sen avultaríame a cabeza de tanto coma a sentía latexar.

Abrigueime ben, abrín a porta do refuxio e subín torpemente os chanzos interiores. Xa arriba pechei a porta, e vin o oco da escada polo que de seguido tiña que baixar para saíres. Os chanzos estaban cubertos de xeo e no chan víase coma o vento arrastraba a neve que caía, cubríndoo todo. O frío era tan intenso que soamente con pensar en mexar aí fóra xa imaxinaba coma o chorro se conxelaba antes de toca-lo chan, así que decidín face-lo alí mesmo, dende o alto da escada, aínda que o evidente rastro que deixaría na superficie nevada lles causase unha mala impresión ós outros inquilinos. Logo entrei á presa, convencido de que o tempo non nos ía dá-la oportunidade que agardabamos e de que incluso teríamos problemas para retirarnos. Aínda era cedo -non creo que fosen sequera as 7 h.-, pero o temor de que o tempo fose a peor ó longo da mañá obrigábanos a tomar decisións rápido.

Óscar e Manuel espertaron algo despois e falamos das nosas opcións. A previsión meteorolóxica que a parella nos contara non nos daba opción de tenta-lo cume a non ser que tivesemos unhas boas condicións de inmediato, así que á vista da actual situación soamente podiamos pensar en descender.
Logo, durante uns intres, nun intervalo de calma entre rachas de vento comentamos que estabamos a 500 m. do Aiguille du Gouter, pero tamén a outros tantos da cima… Mirámonos entre nós pensando que aínda poderíamos ter unha posibilidade, pero novamente o ruído das chapas metálicas do refuxio azoutadas polo vento devolveunos á realidade.

Fenda no glaciar des BossonsÓscar saíu do refuxio para recoñece-lo itinerario da vía Normal. Estivo menos de 5 minutos fóra, pero volveu totalmente branco, cuberto pola neve que caía ou era arrastrada polo vento. A visibilidade era nula máis aló duns 20 m. pero dicía que sería posible segui-la pegada. Apremábanos para que nos decidiramos a inicia-la marcha, pero Manuel e máis eu demorabámonos pensando en que aínda podería mellora-lo suficiente para realizar un intento. Finalmente decidímonos a liscar de aí.
Namentres, a outra parella levantárase, almorzara algo, comprobara como se presentaba o día e volvera a deitarse nos seus sacos. Un deles, coido que asustado polos meus ataques de tose e os signos de dor que en garganta e cabeza me causaban, deume uns caramelos que agradecinlle infinitamente.

Ás 8:30 h. saíamos dende o interior do refuxio xa encordados e cos crampóns colocados. Vestidos
con toda a roupa da que dispuñamos, atopámonos fóra cun vento que nos golpeaba con forza e unhas nubes que nos envolvían e impedían a visión da ruta. Axiña estivemos cubertos de neve e as pegadas que ó principio seguiamos ben, empezaban a esvaecerse e espallarse de tal xeito que perdíanse e logo volvían a rexurdir cun débil rastro que axiña volvía a desaparecer. A min preocupábame o feito de que a véspera non tiveramos unha visión xeral da golada, nin da ruta que hoxe buscabamos, co que de non atopar unha pegada boa non saberiamos sequera orientarnos.

Nun momento dado atopámonos no bordo Oeste da golada, no que sería a parte superior do glaciar de Bionnassay; segundo o mapa, se continuabamos seguindo este bordo estaríamos en bo camiño, pero Óscar e Manuel preferían volver sobre os nosos pasos ó refuxio Vallot. No intento de regreso, as débiles marcas dos nosos crampóns axiña desapareceron cubertas pola neve; avanzamos entón en paralelo coa corda totalmente estendida tentando cubri-la maior superficie posible da planicie en busca dalgunha pegada. Afortunadamente o Vento empezou a crear algúns claros entre as nubes e a través dun deles que se fixo grande de abondo alviscamo-lo refuxio. Inmediatamente endereitamo-lo noso rumbo cara el, e cando estabamos case que na súa base vimos como saían encordados os nosos dous compañeiros da pasada noite. Detivémonos uns intres para falarmos e o máis novo díxome que pensaban baixar cara ó refuxio de Grands Mulets. No meu pobre inglés advertinlles que era perigoso descender nestas condicións por aí xa que as gretas estarían ocultas pola neve caída. Despedímonos e proseguimos cada un na súa dirección.
Nos últimos metros de subida ó refuxio, as nubes deixaban algúns claros cara á vertente pola que eles baixaban, ademais, o vento viña do outro lado co que estarían a resgardo del. Supoño que foi por isto polo que se decantaron por esa opción.

Eran as 10 da mañá cando volviamos a entrar na cabana. Cansos, fríos e cubertos de neve empezabamos a preocuparnos de veras pola nosa situación. Sen embargo os claros que se abrían cara á vertente de Grands Mulets dábannos esperanzas de que tamén se formasen na golada.
Recuperámonos un pouco e saín do refuxio para acazaparme por detrás dunhas rochas tentando resgardarme do vento namentres agardaba que un claro me dese unha visión xeral da planicie da golada e da ruta. Non tiven sorte, pero os claros sucedíanse con frecuencia por onde subiramos onte e incluso víanse algúns tramos soleados máis abaixo. Ante isto volvín a entrar e plantexámono-lo retorno por esa vertente. Decidímonos e volvemos a preparamos para saíres. Eu non aturaba a dor de cabeza, pero era peor cando estaba parado así que bulín canto puiden porque quería perder altura o máis axiña posible.

De novo iniciamo-lo descenso, pero cando xa estabamos na parte chan da golada, un gran claro descubriu toda a extensión da mesma e vimos claramente a pegada da ruta normal no outro extremo de onde nos atopabamos. De inmediato puxémonos en camiño cara ese rastro e aínda que o claro abríase e pechábase, xa tiñamo-la dirección correcta e non houbo problemas para empalmar coa ruta uns minutos despois. A partir deste intre podiamos estar máis tranquilos; a pegada estaba moi marcada e os claros sucedíanse cada vez con máis frecuencia pese a que o vento aínda sopraba con intensidade. Incluso puidemos observa-la aresta de les Bosses e o itinerario que debería de levarnos ó cume. Pero para nós xa non había máis obxectivo que liscar de aí.

Mundi, Óscar, Tato, Antonio, Manu e eu, no camping Mer de Glace, en Chamonix, recén baixados do Mont Blanc du TaculXa con mellor tempo proseguimos sen problemas e unicamente dubidamos algo á hora de baixar cara á nosa esquerda unha pendente pola que viamos pegada, pero que, ó non coñece-la situación do refuxio e este non resultar visible ata que se acada, non nos parecía claro que o camiño fose por aí. Non sei o que nos levou chegar porque desque sairamos do refuxio Vallot as dores de cabeza e garganta, xunto co cansazo, fixéronme renunciar a calquera mínimo esforzo inútil, como o de pararme a tomar nota dos horarios.

Por riba noso aparentaba quedar un día despexado, pero no movemento das nubes que se aferraban ás cimas adiviñábase a forza do vento. Chegamos ó refuxio facendo sol, pero namentres nos desencordabamos e quitabamo-los crampóns empezou a nevar e apresurámonos a entrar. Comimos, descansamos algo e mercamos auga (unhas 500 pts. por unha botella de 1’5 l.!). Pola porta de entrada vin coma o so volvía a ilumina-lo todo namentres os últimos ocupantes do refuxio descendían convencidos de que o tempo non permitiría ningunha oportunidade hoxe.

Para cando iniciamo-lo destrepe dos 700 m. que nos separaban do refuxio de Tete Rousse unha xistra cubrira de xeo e neve as rochas. Uns cables a modo de varanda facilitaban o paso e aproveitámolos para aseguramos pasando unha cinta por eles. Este destrepe foi moi longo aínda que pola metade volveu a saí-lo sol. Xa abaixo non pasamos polo refuxio senón que proseguimo-lo descenso sen pararnos ate Nid d’Aigle, onde descansamos un rato e quitámono-la roupa que xa nos sobraba. Óscar púxose de inmediato en camiño pese a non coñece-la ruta e nós seguímolo 10 minutos despois.
O resto do descenso fixémolo tranquilos posto que o mércores estiveramos recoñecendo este itinerario e sabiamos o que nos agardaba. Así, coido que algo antes das 16 h. xa agardabamos por un autobús en Les Houches. Logo coincidimos con Óscar no mesmo autobús e contounos que se equivocara de camiño e en vez de saíres por Le Gens foi dar moito máis ó Oeste. De calquera xeito chegamos todos xuntos a Chamonix e dende aló aínda tivemos que camiñar ate o camping onde por fin puidemos descansar de verdade.

Unhas horas despois xa con tódolos/as demais compañeiros/as, falabamos distendidamente de volver ós Alpes o vindeiro ano. Nun macizo tan inmenso poderiamos escoller moitos destinos e, dende logo, infinidade de obxectivos, pero cando o fagamos non esqueceremos que aquí, no Mont Blanc, quedounos algo pendente…

Advertisements
  1. Aínda non hai comentarios.
  1. No trackbacks yet.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s