Inicio > Alpinismo, Neve, Rocha > Valais, Alpes. 15 a 29 de xullo de 2009.

Valais, Alpes. 15 a 29 de xullo de 2009.

2009 Xullo 30

Fotos de Valais, Alpes. 15 a 29 de xullo de 2009.
Ángel, Jou, Mundi, Manu e eu saímos na furgoneta de Jou o 15 de xullo e chegamos ó camping de Attermenzen (Randa – Wallis), en Suíza, 24 horas máis tarde tras conducir case sen paradas.
O día 17 achegámonos á Cabane de Dracuit (3256 m.) para pasa-la noite e facer unha fácil ascensión de aclimatación ó Bishorn (4153 m.).
O refuxio non tiña auga corrente nin para asearse nin para beber, pero era quente, e tiña mantas e colchóns limpos (unhas 110 prazas).
A cea foi mala -sen pan nen auga-, pero deixaban repetir e no almorzo (era unha especie de buffet libre) xa puxeron pan reseso, pero non había leite e só puñan auga quente para misturar con cacao, café soluble ou té. En resumo, un refuxio só para durmir…

Logo desta ascensión fumos ata a localidade de Saas Fee, para achegarnos ó Refuxio de Mishabel Hütte (3330 m.), dende o que inicia-la que sería a nosa máis interesante actividade: o ascenso ó Lenzspitze e Nadelhorn, pola arista Nadel.
O refuxio é fantástico: limpo, ordeado, ben organizado, moi quente, excelente comida -deixan repetir e poñen pan, pero tampouco poñen auga para beber, salvo que a merques-. As vistas son espectaculares. Durante a cea pódense entregar botellas baleiras e devólvenas cheas de té moi quente. Os baños están moi limpos, e hai auga corrente para asearse. Teñen boas guías de escalada e rutas para a súa consulta.
O responsable do refuxio é un auténtico profesional que xestiona dun xeito eficientísimo o funcionamento do mesmo e que se interesa polas actividades dos montañeiros.

Lamentablemente parece que as cousas cambiaron neste refuxio, dende que se xubilou o seu garda.
No 2011, o noso club organizou unha saída ós Alpes suízos na que volveron a pasar por este refuxio e seica xa non funciona tan ben.

O ascenso e percorrido pola arista foi a actividade máis difícil e emocionante das que realizamos durante eses días, levándonos 18 agotadoras horas, ata que regresamos ben entrada a noite ó refuxio no que o garda deixáranos uns botellíns de auga para cada un de nós, preocupado polo noso retraso.
Para recuperarnos desta fantástica peripecia, tomámonos unha xornada de descanso na que dimos un paseo ó Refuxio Domhütte (2940 m.) con Franxo, que uniúsenos uns días no camping.
Para remata-la nosa viaxe decidimos tenta-lo Matterhorn, pola arista Hornli (o que é a vía normal de ascenso dende que Edward Whymper se adiantara ó italiano Jean Antoine Carrel, en acada-lo célebre cume por primeira vez).
Acampamos xunto ó refuxio de Hornlihütte (3260 m.) e iniciamos o longo ascenso ás 03:30h. da madrugada do día 26, tardando algo máis de 6 horas en subir e –atención– ¡máis de 9 en baixar!. É realmente unha vía moi longa, na que é fácil perde-la ruta do descenso na amplitude da montaña, especialmente por embaixo da cabana Solvay. Nós tivemo-la sorte de poder segui-los pasos dun guía tirolés, Leo, que baixaba co seu cliente e así evitamos perdernos.
A escalada está totalmente desvirtuada pola masificación e existencia no tramo superior (a partir da cabana Solvay) de maromas, seguros e argollas cada 30 m. e incluso un estribo de cadeas para o paso máis complicado.
En conclusión, para min, esta foi a actividadade máis decepcionante das que fixemos e a calificaría como non recomendable debido á cantidade inxente de xente que a realiza en verán; guías prepotentes, xente inexperta e continuas colas nos pasos complicados, convertiron esta ascensión nun agobio imposible de disfrutar.

Advertisements
Categorías:Alpinismo, Neve, Rocha Etiquetas: