Inicio > Alpinismo, Neve > Almanzor, Gredos – 31 de decembro de 2009, 1, 2 e 3 de xaneiro de 2010.

Almanzor, Gredos – 31 de decembro de 2009, 1, 2 e 3 de xaneiro de 2010.

2010 Xaneiro 4

Fotos de Almanzor, Gredos – 31 de decembro de 2009, 1, 2 e 3 de xaneiro de 2010.Só chegar ó refuxio Elola foi unha aventura que a piques estivo de rematar en desgraza, se non fose polo auxilio de “San Martín”.
O caso é que chegamos á Plataforma algo tarde e como o camiño ata o refuxio non era complicado pese á moita neve caída, puxémonos en marcha para poder pasa-la noite de fin de ano ós pés do Almanzor.
Á altura da ponte cruzámonos cunha parella que se deran a volta nos Barrerones ó ver que a noite se lles botaba enriba e que o tempo era malo.
Nós decidimos seguir en vista de que aínda pensábamos que nos daría tempo a chegar de día e que o tempo non era tan malo. Sen embargo, logo de que perdéramos a ruta, cando chegamos ó alto dos Barrerones estaba anoitecendo e a visibilidade era practicamente nula por mor dunha ventisca que ás veces chegaba a tirarnos.
Á vista da difícil situación decidimos regresar ó coche, pero a forza do vento e a perda de orientación fixo que ata esta opción non parecese posible. Eu propuxen cavar un furado na neve na que protexernos da ventisca e, chegado o caso, pasa-la noite ata que amainase ou amencese, pero os demais preferiron continuar, así que seguimos retrocedendo ata que vimo-las luces dos frontais dun grupo con raquetas dirixíndose ó refuxio, pese á ventisca.
Tentamos engancharnos a eles, pero non podíamos segui-lo seu ritmo, así que un deles, Martín (San Martín, para nós), quedou connosco servíndonos de guía e incluso cargando cunha das nosas mochilas cando non fomos capaces de seguir con ela.
Sempre coa referencia da luz do refuxio proseguimos penosamente a nosa marcha, enterrándonos na neve e debilitados pola ventisca, pero animados pola aparente proximidade do noso destino, xa que non pensábamos que a iluminación fose visible dende lonxe. Sen embargo cando por fin chegamos ó refuxio resultou que estaban estreando unha potentísima luz que, a modo de faro, guiase ós montañeiros, o que explicaba porqué era visible dende practicamente o mirador dos Barrerones.
Pero ben está o que ben remata, así que a nosa odisea serviunos para disfrutar máis da comodidade do refuxio e para aprender sobre donde están os límites de cada un de nós -e que cada un mire para si e saque as súas propias conclusións…-.

Advertisements
Categorías:Alpinismo, Neve Etiquetas: