Inicio > Alpinismo, Rocha, Sendeirismo / trekking > Val de Benás, parque de Posets – Maladeta (Pirineos), do 1 ó 8 de agosto de 2010.

Val de Benás, parque de Posets – Maladeta (Pirineos), do 1 ó 8 de agosto de 2010.

2010 Agosto 1

Fotos de Val de Benás, parque de Posets – Maladeta (Pirineos), do 1 ó 8 de agosto de 2010.

O Club editou previamente á viaxe, un documentadísimo CAIRN especial adicado á zona pirenaica das nosas actividades que resulta moi recomendable consultar.

A nosa base está no Camping Aneto, situado a 3 Km. de Benás, ó que chegamos a noite do día 1 de agosto xusto cando escomenzaba a chover.

  • Val de Benás.

O día seguinte amenceu con probabilidade de choiva, así que a actividade consistiu no fácil ascenso ó pico Salvaguardia (2.738 m.). Para elo desprazámonos nos nosos coches ata o aparcadoiro de Plan del Hospital, no que empezamos a camiñar e, tras un corto tramo de pista ata o Hotel, xa nos internamos no precioso val para ir ascendendo  ata o Portillón de Benás. Dende aquí seguimos ata o cume do Salvaguardia, sen que poidéramos disfrutar das súas vistas pola abundante nubosidade que cubría as cimas circundantes.

  • Val de Ballibierna.

As dúas seguintes xornadas adicaríamo-las ó ascenso ó Aneto pola súa aresta Sur, cun vivac algo por riba do ibón de Llosás.

Para elo desprazámonos en coche ata Plan de Senarta, donde collimos un autobús de montaña (8,90€) que en 40 minutos levounos ata Ballibierna, aforrándonos unha andaina de máis de dúas horas. -ollo cos horarios e a demanda, xa que é fácil que non cheguen as prazas para todo o mundo-

Xunto á parada do autobús está a zona de acampada municipal de Plan de Senarta, que aínda que non teña apenas servizos é unha alternativa moito máis barata que o noso camping.

O autobús deixounos xunto ó precario refuxio de pescadores de Puente de Coronas (1970 m.), dende empezou a nosa senda en dirección ós ibóns de Llosars. Vivaqueamos a uns 2.550 m., algo por riba do ibón, no último espazo suficientemete grande e con herba para que poidéramos deitarnos e pasar unha noite que foi fría (chegamos ós 2ºC) e cunha xiada que cubriu de branco as nosas mochilas.

Pola mañá subimos en dirección á agulla Escudier para situarnos na base da aresta Sur bastante á dereita dunha evidente gran brecha diagonal. A entrada á aresta é unha fácil cheminea marcada con algúns hitos que facilitan a súa localización e o seu percorrido.

Trepamos lentamente por terreo fácil pero algo descomposto, polo que subimos  moi agrupados para evitar que as pedras que tirábamos ó noso paso collesen velocidade antes de caer sobre os que ían por detrás.

A bonita trepada levounos sen incidentes ate o cume do Aneto (3.404 m.), onde, logo de xantar algo, iniciamo-lo descenso hacia o Collado de Coronas, polo que baixamos ó glaciar de Coronas.

Pasamos sucesivamente polos ibóns, ibonet e barranco de Coronas (unha preciosa ruta senderista recomendabilísima), antes de chegar ó refuxio de pescadores onde atopámonos coa desagradable sorpresa de que non había prazas suficientes no autobús para baixarnos a todos, polo que a maioría optamos por regresar camiñando ata Plan de Senarta (o que nos levou máis de hora e media de innecesario castigo para os nosos pés).

A seguinte xornada adicámo-la a descansar -o que equivale a ir de compras a Barrabés e o seu outlet El Ribagorza-,  aínda que algúns tamén aproveitamos para escalar un pouco no cercano sector ó camping.

  • Val de Grist-Eriste.

Para o Venres e Sábado, como o refuxio Ángel Orús estaba cheo, preparámonos para un novo vivac na ruta de ascenso ó Pico de Posets (3.375 m.) pola aresta de Espadas.

Dende Benás fumos en coche ás proximidades de Grist-Eriste con intención de aparcar ahí xa que supúñamos que o aparcadoiro (1.520 m.) perto da fervenza d’Espigantosa estaría cheo dada a ocupación do refuxio. Sen embargo finalmente seguimos en coche pola estreita pista co que aforrámonos unha penosa caminata -por certo que a pista é tan estreita que no caso de cruzarse dous vehículos en sentido contrario a situación é complicada-.

Partindo do saturado aparcadoiro seguimo-la senda que polo bosque leva ata o refuxio e dende ahí continuamo-lo ascenso ata o ibón de Llardaneta (2.650 m.) onde aproveitamo-los valos preparados por anteriores vivacs para pernoctar nunha noite de suaves temperaturas.

Madrugamos para tentar empezar a camiñar ó amencer, pero como os/as de “Vilariba” foron máis preguizosos/as que os de “Vilabaixo”, saímos algo máis tarde do previsto hacia o collado xunto ó Tucón Royo ou Pavots. Ahí puxémono-lo arnés e escomezamolo percorrido pola bonita aresta que levounos ata o cume do Posets ou Punta Llardana, pasando por Las Espadas, Tuca de Llardaneta e Tuqueta Roya.

Logo das “atípicas” fotos de cume 😉 empezamo-lo descenso pola ruta normal deste pico antes de desviarnos hacia o Forau de la Neu para acortar algo o traxecto ata o ibón de Llardaneta onde deixáramos parte do material pola mañá. Unha masiva “inmersión” nas xélidas augas do ibón deixounos coma novos para afronta-lo resto do camiño ata o aparcadoiro onde tomamo-los coches para regresar ó camping.

Rematada a actividade nada millor que unha cea de despedida en Benás para ó día seguinte desmonta-lo campamento e regresar ás nosas casas.

Advertisement
A %d blogueros les gusta esto: