Inicio > Escalada deportiva > Luna Nueva – Encoro do Eume, 17 de outubro de 2010.

Luna Nueva – Encoro do Eume, 17 de outubro de 2010.

2010 Outubro 17

Fotos de Luna Nueva - Encoro do Eume, 17 de outubro de 2010.Como pola Vega de Urriellu o tempo non estaba moi definido, decidimos dar unha volta polo Eume e aproveita-la boa climatoloxía que por eses lares si que había.

Para non ter que madruga-lo Domingo, saímos o Sabado pola noite. Ó chegar á explanada do encoro tomamos un piscolabis e botámonos na beirarúa a durmir, protexidos do resío pola cuberta dos toxos e xestas que medran ó carón da estrada.

Un fresco espertar e un almorzo a base de biscoito de chocolate caseiro que trouxo o Porras, dispúxonos para inicia-la escalada de Luna Nueva, coa inestimable axuda dos croquis que se atopan na Guía do Eume no blogue cantilorg.

Resumo:

6 longos de ata 60 metros, exposición M2: seguros alonxados nos tramos fáciles (no 3º longo só hai unha chapa), vía de adherencia, placas pouco verticais.
Dificultade:

IV+, V+, III+/IV-, IV, V, 6a+. Seguros distanciados e no 3º longo só hai un xusto no resalte antes de chegar á reunión

Material necesario:

Cintas para triangula-las reunións, descendedor e 2 cordas de uso en doble (60 m. c/u), por se houbera que rapelar. Nos escalamos con 2 de deportiva e o seu peso supuxo un problema xa que tiraban de nós desequilibrándonos e facendo máis difíciles os pasos a medida que gañábamos metros en cada longo.

Cordada:

Porras, Mundi e eu

Punto de partida:

Cauce do río Eume, por embaixo da parede do encoro.

Noite intermedia:

Durmimos na beirarúa da explanada onde remata a estrada do encoro.

Desnivel e horario:

Unhas 6 horas. Comezo da vía sobre as 11:15 h. e remate ás 17:15 h.
Uns 250 m. Os últimos 3 longos apuran a corda ó máximo, especialmente no 4º.
Retorno á explanada do encoro para voltar ó coche, pola senda primeiro e logo pola estrada: uns 30 min. Hai un atallo seguindo unhas escaleiras que descenden dende a senda polo bosque aforrando un tramo de estrada e que reduce o tempo a 15 ou 20 minutos.

Comentarios:
Vía de adherencia.
1º longo (IV+): a superficie da rocha estaba chea de musgo e líquenes e a adherencia era mala. Reunión cómoda.
2º longo (V+): a adherencia da rocha tamén era bastante mala pola suciedade da superficie da rocha.
3º longo (III+/IV-): só unha chapa en todo o longo para protexer un pequeno resalte xusto embaixo da reunión. É probablemente o único longo onde é posible colocar un par de fisureiros ou friends para autoprotexerse. Reunión moi cómoda.
4º longo (IV): ¡60 m. moi xustos!. Evítase o teito polo seu borde dereito, subindo un par de pequenos resaltes. Reunión moi cómoda.
5º longo (V): adherencia por placa, seguros algo distanciados. Reunión moi cómoda.
6º longo (6a+): adherencia por placa con pequeno teito xusto embaixo da reunión final xa xunto ó camiño da canteira.

As reunións estaban totalmente equipadas con parabolts, cadea e anilla.
A vía é de adherencia pura, por un sólido granito que a medida que se ascende mellora a súa adherencia, xa que ás veces (nos 2 primeiros longos sobre todo) a superficie esbara por mor do liquen e musgo.
Os últimos 3 longos son de 60 m. -xustísimos no caso do 4º longo-.
O tempo foi bó, con algo de sol e nubes.
Unha vez rematada a vía, simplemente hai que segui-la senda ata chegar á estrada e baixar ata a explanada do encoro no que estacionamo-lo coche.
Escala de grado de compromiso de M2 (vía cun equipaiento ó estilo deportivo, unha cantidade de chapas por longo e unha distribución que garantizan que en caso de caída, non será grave). -Esta escala componse de 3 valores: M1 (corresponde a unha vía cun equipamento de estilo deportivo, cunha cantidade e distribución de chapas por longo que garantan que non pase nada grave en caso de caída), M2 e M3 (corresponde a unha vía que presenta perigo dunha caída moi grave)-

Advertisements