Inicio > Montañismo, Sendeirismo / trekking > Fuentes Carrionas (Palencia), do 4 ó 8 de decembro de 2010.

Fuentes Carrionas (Palencia), do 4 ó 8 de decembro de 2010.

2010 Decembro 9

Fotos de Fuentes Carrionas (Palencia), do 4 ó 8 de decembro de 2010.O tempo viña malo para a ponte da Constitución, pero as gañas de pisar neve eran máis grandes que as malas previsións meteorolóxicas, así que achegámonos á montaña palentina con intención de facer algunha trepada -se houbese moita sorte- ou -se fose pouca a sorte-algunha pateada. E -se non houbese ningunha sorte… pois… o normal neses casos: comer, durmir e agardar que mellore, que tamén iso forma parte do “oficio”.
Como fai moitos anos que non ía por esas montañas, non tiña referencias de onde pernoctar, así que non foi fácil atopar un sitio nas proximidades, pese á gran oferta hostalaría. Inicialmente dimos cun sitio en Besande que aínda non estaba nin ofertado, pero finalmente decidimos achegarnos ata Camporredondo de Alba, onde tiñan prazas no Hostal Tía Goya.
Chegamos a Camporredondo con tempo suficiente para deixa-la equipaxe no hostal e seguir no coche ata o aparcadoiro de Pino Llano (no lado esquerdo da estrada, a uns 2’5 Km. entre Cardaño de Abajo e Cardaño de Arriba).

Cascada de Mazobres

Decidíramos achegarnos ata a fervenza de Mazobres para, aproveitando o paseo, valora-lo estado da moita neve recén caída nas vertentes da montaña. A senda está perfectamente sinalizada e en pouco máis de hora e media chegamos coas últimas luces do día, ó mirador dende o que contempla-la fervenza que estaba parcialmente xeada.

Peña Prieta polos Pozos de las Lomas

Para o seguinte día a previsión do tempo auguraba un empeoramento progresivo, pero pensamos en tentar chegar ata o Peña Prieta namentra-las condicións non fosen demasiado malas.

Dada a moita neve caída e as baixas temperaturas da noite, non madrugamos, esperando que así a estrada estivese en mellores condicións. Así pois, ás 11h. collimo-lo coche por unha estrada cuberta cunha capa de neve e xeo, insuficiente para usa-las cadeas, pero que esixía conducir con moita lentitude e precaución, sen saíres do rego deixado por algún todo terreo que nos precedera.

Media hora despois, xa no aparcadoiro á entrada de Cardaño de Arriba, empezamo-la senda paralela ó cauce do río Las Lomas. Todo o camiño está moi ben sinalizado cunhas varas rematadas cun cartel vermello que indican que esta é unha ruta apta para raquetas de neve. Seguímo-la ruta atravesando unha primeira ponte sobre o regato Valcabe que permítenos volver a achegarnos ó cauce do río Lomas. Posteriormente deixamos de lado outra ponte á nosa dereita, pola que non cruzamos, e máis adiante un cartel sinala un novo desvío á dereita hacia o Alto del Vés, que tampouco collemos, e pódense observa-las súas pequenas fervenzas.

Logo dunha parada para comer algo, aproximadamente dúas horas despois de inicia-la nosa andaina, atravesamo-lo río Lomas por unha ponte coa que cambia o rumbo da senda cara ó Norte, e ascende zigzagueando a pendente de La Lomba.

A ratos podemos ve-las Agujas de Cardaño e ás 14:30 estamos xunto ós derruídos restos dun chozo na Majada Las Lomas, baixo unha persistente choiva e envoltos nunha espesa néboa que reduce a nosa visibilidade a menos de 100 m. Nese intre, sabemos que estamos perto das lagoas dos Pozos de las Lomas así que pese a que, debido á néboa, xa non temo-la referencia visual das Agujas de Cardaño e demais cimas circundantes, tentamos continuar un pouco máis seguindo o rumbo sinalado pola búxola e o GPS que traía o Xosé. Pero logo duns poucos metros afundímonos tanto na neve que decidimos renunciar e regresar.

O descenso non ofrecería ningunha complicación dado que as nosas pegadas son evidentes e non hai dificultades técnicas, pero a incesante choiva vainos calando e chegaremos ó coche completamente empapados e con moito frío no corpo.

Espigüete polo corredor Norte

Tras outro día de choiva que baleirou a montaña de neve, e que adicamos a facer turismo por Cervera de Pisuerga, (logo de pasar por Vidrieros para localizar unha casa rural e o comezo da ruta ó Curavacas); quixemos probar ata onde podíamos chegar no Espigüete antes de que as choivas previstas para ese día empezasen. Así que ás 11h. da mañá -nada de madrugar, que estamos de vacacións, eh- saímos novamente dende o aparcadoiro de Pino Llano por unha senda que agora xa non tiña nin rastro da neve de facía 2 días. De feito, desaparecera completamente a neve das cotas baixas.

Un pouco antes da fervenza de Mazobres abandoamo-lo camiño e seguimos á esquerda buscando os hitos que sinalizan a ruta hacia a cara Norte, pero desviámonos demasiado pronto, xa que logo dun rato de incómoda progresion por neve branda, pedreiras e arbustos semicubertos pola neve, é cando atopamo-los primeiro hitos.

Continuamos ascendendo por neve branda ata acadar unha zona chan ó redor dos 1750m., onde intuímos que a ruta debe seguir pola nosa esquerda, pero a néboa impídenos ve-lo resto do itinerario e cerciorarnos de se estamos ben situados. Como as nubes seguen baixando e a choiva empeza a caer, decidimos da-la volta nese punto, antes siquiera de ter chegado ó principio do corredor.

Á volta pasamos polo refuxio Mazobres da Majada Espigüete para comproba-lo seu estado e vimos que pese a unhas goteiras na zona de durmir do andar superior, o estado da construción é bastante bo.

Aloxamento na zona de Velilla del Río Carrión, Palencia (Castilla y León)

En Cardaño de Arriba.

Refuxio do Club de Montaña Espigüete.

Só para clubes de montaña

http://www.jromeo.es/club/club.php?pag=refugio

En Cardaño de Abajo.

Centro de Turismo Rural.

— … —

En Camporredondo de Alba.

Residencial Tia Goya.

Hostal, Cafetería e Mesón.

Teléfono Reservas: 979.866.032

http://www.casatiagoya.com/index.html

6 habitacións, 2 dobres, 2 de matrimonio e 2 triples, todas con baño.

Habitación triple……45€ (IVA incluído)

Menu diario……12€ (IVA incluído)

Hotel rural Hostal El Abuelo

Teléfono: 979 866 034

2 – 8 prazas – 25€ / persoa e noite (aprox.)

O aloxamento é algo máis caro que o Tía Goya, pero a comida é algo máis elaborada.

Menú do día 10€ + IVA

En Besande.

Bar Las Portillas.

Situado á saída do pobo na estrada con dirección a Riaño, na última casa á esquerda.

Contacto telefónico: Santiago 638069587

Aloxamento: 12 €/persoa sen almorzo

En Vidrieros.

Casa Rural Valdenievas.

2 Habitacións dobres e 1 de matrimonio

Tarifas: Vivenda / fin de semana: 190 €

Vivenda / semana: 420 €

Vivenda / quincena: 640 €

Telf. 979 870 471

En Velilla del Río Carrión.

Albergue Juvenil Sierra del Brezo.

(só debe funcionar para grupos e campamentos)

http://www.cajaespana.es/obs/patrimonio/centros/otroscentros/locales/CiudaddelBrezo.jsp

Teléfono: 979861313

Advertisements
%d bloggers like this: