Inicio > Alpinismo, Mixto, Neve > Ordesa y Monte Perdido (Pirineos), do 30 de decembro de 2010 ó 6 de xaneiro de 2011.

Ordesa y Monte Perdido (Pirineos), do 30 de decembro de 2010 ó 6 de xaneiro de 2011.

2011 Xaneiro 10

Fotos de Ordesa y Monte Perdido (Pirineos), do 30 de decembro de 2010 ó 6 de xaneiro de 2011

Unha longa xornada de 10 horas ó volante deixounos no Albergue Lucient Brient de Torla, preparados para ó seguinte día achegarnos ó aparcadoiro de La Pradera, dende onde iniciar, xa a pé, a ruta ata o refuxio de Góriz.

Ás 09:35 h. do día 31 de decembro iniciábamo-la marcha a pé dende La Pradera, ás 12:15h. facíamos un descanso xusto embaixo das Gradas de Soaso, e ás 12:50 h. facíamos outro descanso xunto a fervenza da Cola de Caballo. Aquí xa podíamos ve-las Clavijas de Soaso polas que logo pasaríamos, e unha vez superadas, noutra hora e media de camiñata chegamos por fin ó refuxio de Góriz ás 15:30h. Tardamos 6 horas en subir, pero o tempo que normalmente se emprega é dunhas 4 horas e media, aprox. (3 horas ata as clavijas e 1 hora e media dende elas ó refuxio).

01/01/2011. Normal ó Marboré (pola vertente Sur, dende o refuxio de Góriz).

Para a nosa primeira actividade escollemos esta sinxela travesía por neve, sen dificultade, que coincide coa ruta á Normal do Perdido ata chegar ó Campo de Bloques (un pouco por embaixo do Pequeño Lago Helado do Monte Perdido), dende onde se colle a senda en dirección NO que vai bordeando o Cilindro ata que á nosa dereita, unha corga da acceso ás pendentes que unen o Cilindro e mailo Marboré.
Segundo subíamos as nubes foron envolvéndonos, polo que Beni e Marga decidiron da-la volta, namentres Mundi e máis eu proseguimo-lo ascenso sen estar certos de a que cima nos dirixíamos. Finalmente acadamo-lo cume sen ningunha referencia visual que nos permitise, nese intre, saber que estábamos no Marboré; cousa que posteriormente nos confirmou un grupo de montañeiros que atopamos na base cando descendemos.
A medida que baixábamos de cota, as nubes foron quedando por riba noso e cando alcanzamos a Beni e Marga no campo de Bloques, xa volvíamos a gozar dunha soleada e despexada tarde.

02/01/2011 Monte Perdido pola Escupidera e Cilindro dende o Pequeño Lago Helado.

Namentres no-los catro encamiñabámonos pola mesma ruta do día anterior, un helicóptero aterrou xunto ó refuxio para recoller a un home que a víspera danara un nocello e non podía percorrer nesas condicións, o longo traxecto ata La Pradera.
Durante a subida, o forte vento e o intenso frío convenceron a Beni e Marga para que se desen a volta pouco despois do campo de Bloques, ante o temor de que máis arriba as condicións fosen insoportables. Sen embargo, en toda a canle, practicamente non nos molestou o vento ata preto do cume, que acadamos ó redor das 13 h., cunha temperatura de -8ºC e, aí xa si, azoutados polo vento.
Segundo baixábamos, víamos en fronte nosa o evidente corredor Este do pitón Suroeste do Cilindro, e, como aínda era cedo, decidimos subir por el a ver ata onde chegábamos. Así que, logo de comer algo na base, empezamo-lo ascenso ás 14:30 h., con sol, pero con bastante vento e frío. Superado o corredor, vimos unha ampla crebadura na rocha que daba paso á aresta Suroeste do Cilindro.
Unha trepada a trompicóns, na que os crampóns non axudaron moito, deixounos na crista pola que progresamos facilmente entre roca e neve co “cheiro” do xa próximo cume, que tamén acadamos con moito vento e frío (-4ºC), pero con boa visibilidade.
Descendemos pola mesma ruta, facendo un rápel na cheminea aproveitando as ancoraxes fixas coas que se atopaba equipada na súa parte superior.

03/11/2011 Brecha de Roland e Taillón pola Falsa Brecha.

Nun día soleado, tra-la marcha de Marga e Mundi, decidimos achegarnos á Brecha de Roland polos Llanos de Millaris, pese a que xa nos advertiran que no noso percorrido teríamos a dificultade de pasar por moita neve branda.
Efectivamente, o noso paso polos Llanos para acada-lo Collado del Descargador e o Cuello de los Carabineros, fixémo-lo seguindo as pegadas de anteriores días, para facilita-la nosa progresión, pero, aínda así, avanzamos moi lentamente.
Dende o Cuello de los Carabineros dirixímonos cara ás paredes por baixo do Casco de Marboré e as arrodeamos tentando non perder cota, seguindo a ruta de verán, xa que a de inverno baixa ata o fondo do Valle del Descargador. Sen embargo, atopámonos cunha neve, en xeral, moi branda e algunhas fortes pendentes, nas que perdimos bastante tempo e forzas, ata acada-la Brecha ás 15 h.
Aí separámonos e namentres Beni regresaba polo fondo do val ate o Cuello de los Carabineros e logo retomaba o camiño de ida, eu subín ata o Taillón, pasando pola Falsa Brecha. Dende o cume (16 h.) baixei o máis rápido posible, pero o mal estado da neve dende o fondo do Valle del Descargador ata o refuxio, fixo que chegase xa de noite, case que ás 19 h., pero a tempo para cear 🙂

04/01/2011 Cordal de Punta Custodia a Mondicieto.

Logo da longa xornada anterior, decidimos facer unha ruta polo cordal que une a Punta Custodia co Mondicieto, e que ofrece unhas boas vistas tanto da cara Sur do macizo como do Cañón de Ordesa.
Tras acada-lo Collado de Góriz, ascendemos a empinada ladeira que nos levou ata o cumio do Punta Custodia, dende onde proseguimos pola cómoda e nevada aresta ata a Punta Sierra Custodia.
A baixada ata Cuello Gordo, o percorrido da chaira e o ascenso ó Mondicieto foi moi canso por mor do mal estado da neve, así que finalmente non chegamos ó último cume, dando a volta ás 15:30 h., no antecumio, a menos de 10 minutos de fácil percorrido por neve, xa que vía que non teríamos tempo de regresar con luz ó refuxio, dado que ás 18 h. xa anoitecía.
O camiño de volta fíxosenos duro debido ó cansazo de afundirnos na neve para acadar de novo a aresta xunto a Punta Sierra Custodia. O resto do cordal, coas súas subidas e baixadas ata o Collado Superior de Góriz, levounos tanto tempo que a senda dende o Collado ata ó refuxio, fixémo-lo xa de noite á luz dos frontais, pero novamente a tempo para cear á 19 h.

05/01/2011 Intento ó Soum de Ramond ou como subir ó Monte Perdido pola vía de las Escaleras, andando a tombos dun lado a outro sen saber onde está un… 😀

Como o ascenso ó Soum de Ramond era o que me faltaba para acada-las 3 Sorores, a anterior xornada estivera tentando albisca-la aproximación a esa montaña polo camiño de Cuello-añisclo e a Punta de las Olas, aproveitando o bo miradoiro que é a Punta Custodia. Sen embargo, finalmente decanteime por unha ruta máis directa como é o seu corredor NO dende o ibón de Arrablo.
Pero había un problema: non tiña claro, en absoluto, como chegar ó pico, xa que as reseñas e mapas que mirara non os identificaba coa orografía que vira. Pese a elo, madruguei e ás 06:20 h. da madrugada púxenme en marcha nunha escura noite de nula visibilidade por mor da néboa. Enseguida perdín as pegadas da ruta e proseguín a miña marcha tentando intuír cando debía cambia-la orientación do meu avance de acordo coa reseña que tiña.
Cando as primeiras luces do amencer empezaron a ilumina-las palas de neve e resaltes de roca que me rodeaban, progresei algo máis rápido pese ó mal estado da neve. A medida que ascendía ía aparecendo ante min unha parede de roca que supuxen que se trataba do meu obxectivo; e no seu relevo, a miña mirada ansiosa xa descubría o desexado corredor.
Primeiro preocupado pola falta de neve nalgún tramo e logo estrañado porque non acababa de recoñecer claramente a ruta pola parede, a medida que me achegaba á súa base e a luz do día iluminábaa máis, acabei por decatarme de que realmente estaba xunto á Torre de Goriz, en vez de no Soum de Ramond.
Se tivese sido un pouco máis espilido aínda podería ter corrixido o meu erro, pero a partir dese instante embarqueime nunha infrutuosa busca do malfadado pico que me levou a exercer de explorador.
Dende onde estaba decidín subir cara ó lado esquerdo para superar unha parede rochosa que me pechaba o paso; pero pouco a pouco funme afastando namentres arrodeaba -sen sabe-lo- o Pico de las Escaleras polo seu lado Este. Durante este traxecto o tempo foi empeorando e a néboa envolveume á par que o vento multiplicaba o efecto do frío. Sen visibilidade non podía ter referencias que me axudasen a saber onde estaba, así que continuei bordeando os contrafortes da montaña sen ser capar de situarme.
Logo de atravesar unhas pendentes perigosas, ás 10:00 h., tomeime un descanso na rimalla dunha roca na metade dunha pala de neve. Como intimidábame a idea de ter que volver sobre os meus pasos, seguín ascendendo ata chegar a unha pequena chaira na que atopei dos fitos (eu non o sabía aínda, pero estaba no outeiro superior do Pico Las Escaleras, ó inicio da vía que dende aí vai ó Monte Perdido). Animado pola existencia dunha ruta que tiña que levar a algún sitio, decidín continuar ascendendo polas palas de neve.
Tras superar un corto resalte de xeo na rocha, empecei a pensar que tal vez estaba subindo ó Monte Perdido pola súa cara Sur, e como en días anteriores xa observara que o ascenso por esta vertente parecía factible, seguín subindo mirando constantemente as lecturas do meu altímetro.
Felizmente, cheguei ó cume ó redor das 11:30 h., cunha visibilidade mínima e un vento que cada vez sopraba con maior intensidade. Inmediatamente descendín pola canle NO, deixando atrás a un grupo de tres montañeiros que estaban asegurando cunha corda o descenso dun deles no tramo superior de xeo da canle.
Sen máis incidentes, e tras tantas voltas e revoltas, incriblemente atopeime con Beni de camiño ó refuxio, con quen quedara en que se achegase ata o ibón da base do Soum de Ramond, para facer xuntos o retorno; pero como ela tampouco tiña claro por onde quedaba, estivera inspeccionando a base das paredes sen decidirse cara onde dirixirse ata que coincidimos no descenso ó refuxio. -Estes Pirineos sonche un pano…-

O albergue Lucient Briet.

Está na localidade oscense de Torla, pequeno pobo dende onde, en verán, saen os autobuses á Pradera.

Este albergue ofrece varias posibilidades de aloxamento, sendo a máis barata a de durmir en liteira por 10€, dispoñendo de calefacción, duchas de auga quente e unha cociña na que poder comer e usa-los nosos fornelos.

O seu teléfono é o 974 486 221.

O aparcadoiro de La Pradera.

En verán este é o lugar no que os autobuses que saen de Torla, deixan ós visitantes do Parque, xa que non se permite subir con vehículos particulares.

Durante o inverno, ata logo das vacacións do Nadal, a estrada que leva ó aparcadoiro é despexada polas máquinas quitaneves, pero segundo nos dixeron, logo o Parque xa non permite ás máquinas que pasen, para que non suban visitantes.

Hai que ter coidado coas baixas temperaturas que fai no aparcadoiro, porque poden chegar a conxela-la auga do radiador, e incluso, a inutiliza-lo gasóleo do coche (pasoulles a Mundi e Marga cando foron recolle-lo coche, logo dunha noite de -10ºC). Para evita-lo, é recomendable repoñer nas gasolineiras próximas que, acostumados ás temperaturas extremas, xa lles botan aditivos especiais para que non ocorra.

O refuxio de Goriz.

Ofrece (polo menos en inverno, cando hai pouca xente) comida abundante e bastante boa. Conta cunha curiosa estufa que funciona usando cascas de améndoa como combustible e que acenden pola tarde-noite para quenta-lo comedor e permitir seca-las botas e roupa.

Pola contra os dormitorios non resultan confortables debido ó frío, humidade e condensación.

Está construíndose un ala novo que duplicará o espazo do refuxio, pero que -segundo nos dixeron- non aumentará o número de prazas, xa que preténdese que os dormitorios sexan máis cómodos e non estean tan masificados.

Durante a semana que pasamos, só en Fin de Ano houbo ata 25 persoas para pasa-la noite, e os restantes días estivemos case que sós, con 3 ou 4 persoas que practicamente cada día ían cambiando.

Teñen tamén unha cámara web no tellado que permite observa-lo estado do tempo on-line.

Advertisements