Inicio > Difusión/Divulgación, Montañismo > Licencia federativa de montaña 2011: o seguro deportivo da Mutua (MGD) é “ilimitadamente” millor que o de ASEFA.

Licencia federativa de montaña 2011: o seguro deportivo da Mutua (MGD) é “ilimitadamente” millor que o de ASEFA.

A intención de usa-lo adxectivo “ilimitadamente”,  para dicir que o seguro deportivo da Mutua é mellor que o de ASEFA, é a de destacar unha das dúas principais diferencias nas coberturas de ambas aseguradoras: só no caso da Mutua, a asistencia médica é ilimitada. A outra significativa avantaxe da Mutua é que están incluídos tódo-los gastos de rescate .

Sen embargo, estes datos obxectivos, habería que contrasta-los coas experiencias daquelas persoas que tiveron que facer uso dos seus servizos, e neste aspecto parece ser que ASEFA é moito millor que a Mutua.

Cos datos proporcionados na web da Federación para o ano 2011, elaborei unha táboa-resume das coberturas e prezo das dúas pólizas de seguro da federación que é posible contratar, coa intención de facilita-la súa análise e comparación.

Dúas seguen sendo as compañías coas que contratar un seguro que cubra as nosas actividades na montaña:

Seguen resultando moi significativas as notables mellores garantías que ofrece a MGD, fronte a ASEFA, xa que en calquera das modalidades da Mutua, os gastos de rescate está incluídos e a asistencia médica é ilimitada. Pola contra, ASEFA ten unhas cantidades moi reducidas para os gastos de rescate (hai que pensar que un helicóptero de rescate, só por despegar, pode cobrar 3.000€) e a asistencia médica está limitada, o que implica que serán por cargo do accidentado os importes que superen os topes establecidos (algo fundamental no caso de accidentes ou lesións que precisen de tratamentos prolongados ou rehabilitación).

Pola contra, as experiencias que me teñen contado sobre o comportamento de ambas compañías á hora de atende-las demandas daquelas persoas que tiveron que recurrir a elas, ben por accidentes ou ben por lesións, poñen de manifesto que ASEFA responde con dilixencia e boa atención, en contraste co comportamento da Mutua, que seica non pon os medios necesarios coa debida rapidez e non se preocupa de atende-las necesidades do/a asegurado/a como debera. Lamentablemente, isto non deixa de ser unha opinión froito das experiencias de 4 casos (2 atendidos por ASEFA e outros 2 pola Mutua), así que estaría ben coñecer de primeira man como lles foi a máis persoas que tivesen recurrido ós servizos das citadas compañías.

A MGD, non só ofrece mellores coberturas, senón que incluso, na maioría das modalidades, resulta máis barata. Así, considerando o lugar que cada un ten previsto para realiza-las súas actividades, pódense distinguir como os escenarios máis habituais, os seguintes:

  • Se se pensa ir ós Alpes ou a Marrocos:

A modalidade B2 (toda Europa e Marrocos) da MGD custa  93’25€ fronte ós 133’57€ da modalidade D de ASEFA.

  • Se non se pensa saír da península ibérica (salvo a parte francesa dos Pirineos ou a Andorra):

Sen pasar dos Pirineos, si que compensaría coller a modalidade C de ASEFA (79’93€) -que non cubre Alpes nin Marrocos-, en lugar da modalidade B2 da MGD (93’25€).

  • Se se vai saír de Europa:

Para os que pensen visita-los Andes ou o Himalaia, tamén sería preferible colle-la modalidade B3 da MGD, que cun custe de 121’10€, ofrece mellores coberturas e moito mellor prezo que as equivalentes modalidades D (133’57€) e E (611’50€) de ASEFA.

A única pega estaría se se quere ir ós Estados Unidos de América ou Canadá, xa que eses lugares non están cubertos pola MGD (¿? non sei porqué…), así que supoño que habería que subscribir un seguro específico para viaxar por aí…

_____________________________________________________________________________

Sería interesante poder analizar polo miúdo as condicións xerais e particulares de ambas pólizas, pero a Federación Galega de Montañismo, parece incapaz de proporcionar unha copia das mesmas ás persoas federadas que o solicitan (eu pedín, xa antes do remate do ano 2010, a través do meu club, poder consultar ambos documentos, para saber que compañía ofrece mellores condicións, pero a data de hoxe aínda non obtiven nin sequera a póliza que finalmente contratei “a cegas” -posto que non coñezo as súas cláusulas e condicións-).

Pese a que a federación ten a obriga de informarnos da cobertura do seguro (e se non saben, autorizar á correspondente compañía para que se nos facilite copia), namentres seguía esperando a que atopen un escribán ou unha escribá que faga unha copia manuscrita que remitirme a través do servizo de “Pony Express”, consultei as web de ambas compañías e puiden obter unha copia das Condicións Xerais da póliza da MGD do ano 2008, que son as que están en vigor este ano 2011. Na web de Asefa non atopei sequera o tipo de póliza correspondente ós federados en montañismo.

Como seguía sen as condicións de Asefa, e tamén me faltaban as condicións particulares da Mutua, decidín solicitarllas directamente ás dúas compañías aseguradoras. Só esta última contestoume, pero fíxoo para explicarme que non poden facilita-los datos das pólizas a ninguén máis que ós tomadores das mesmas, no noso caso a Federación Galega de Montañismo.

-Buf…, outra vez topámonos coa federación…- Pois nada…, que se lle vai facer? Esperarei un par de semanas máis e volverei a insistir -supoño que desta vez presentando unha instancia con rexistro de entrada, ou mandando unha petición certificada con acuse de recibo, ou … solicitando a intercesión dos santos… e santas -claro-.

-Bo…-, hai que ser comprensivos coa Federación e entender que non pode atender con tanta dilixencia unha petición tan complexa como a miña, tendo en conta o moitísimo traballo que deben te-las 21 persoas que conforman a Xunta Directiva, rexendo os destinos de tanto/a federado/a como somos (-ummm…- home, ser seremos miles, pero resulta que nas pasadas elección só había 154 persoas que tivesen o privilexio-dereito a voto…); digo eu que terá que mobilizarse toda esa Xunta para facer este “choio”, sen descoidar as outras tarefas habituais:

  • Organización de “incontables” actividades -ahhh…”tate-quedo”; isto non; que quen as organiza son os clubes e federados/as e ela limítase a colga-las na súa web-.
  • Facilita-la accesibilidade e posta a disposición de todo o mundo de cousas tan difíciles de publicar como os Estatutos da Federación, ou publicita-los acordos tomados na súa ¿única e anual? Asemblea Xeral, ou facer públicos o número de socios e socias de cada club, a cantidade de actividades e cursos realizados e cancelados cada ano, e o número de participantes nelas.
  • Informar do número de partes de lesións ou accidentes que se teñan dado ó longo do ano, e trasladar a tódolos federados e federadas, as impresións das persoas afectadas ó respecto da eficiencia, trato e comportamentos das compañías aseguradoras, como algo que é relevante e a ter en conta de cara á elección dunha compañía ou outra.
  • A construción de refuxios de montaña -tipo “chalé”, claro está- por toda a nosa alpina e agreste orografía (aquí si que hai que facer un pequeno inciso e deixa-la sorna para recoñecer que a creación dun refuxio en Ubiña, recentemente inaugurado, si que aparenta ser unha boa aportación).
  • Fomenta-la participación das persoas federadas nos procesos electivos e de tomas de decisións, garantindo que poidan te-la oportunidade de presentarse ou elixi-las persoas que dirixen a Federación (-ummm… vaia… se resulta que para simplemente votar tes que participar nalgunha actividade que non che interesa, porque a Federación non contempla actividades para tódalas disciplinas que abarca. -Bah, non pasa nada… se eu practico a marcha con raquetas de neve, ou o trineo con cans, pois me apunto a algunha saída de barranquismo e… a votaaaaaar…).
  • Dirixi-la publicación do Boletín Informativo Dixital Cumes, que -á vangarda das novas tecnoloxías- tamén é virtual, porque  só debe existir no mundo Matrix no que viven os da Federación; para o resto dos seres humanos que habitamos no universo paralelo -ó que chamamos mundo real-, a citada publicación non é nin visible, nin tanxible…
  • Xestiona-los orzamentos anuais con transparencia e publicidade para que todo o mundo vexa o ben que se reparten os cartos entre… todos e todas nós, por suposto…
  • E tantos, e tantos absorbentes asuntos máis, que eu non podo nin chegar a imaxinar…
Advertisements
  1. Aínda non hai comentarios.
  1. No trackbacks yet.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s