Inicio > Alpinismo, Mixto, Xeo > Curavacas pola Directa del Fraga (Fuentes Carrionas – León). 5 de febreiro de 2011.

Curavacas pola Directa del Fraga (Fuentes Carrionas – León). 5 de febreiro de 2011.

2011 Febreiro 8

Fotos de Curavacas pola Directa del Fraga (Fuentes Carrionas - León). 5 de febreiro de 2011.Vía Directa del Fraga: cara Noreste do Curavacas.

  • Dificultade: IV/4+
  • Lonxitude: 600 m. dende a cruz conmemorativa (uns 300 m. de escalada efectiva) ata o cumio.
  • Horario: nas guías indican, de 3 a 5 horas, pero iso… depende… A nó-los tres levounos 9.
  • Material: casco, crampóns, piolets técnicos, 2 cordas de 60 m., 6 cravos, parafusos de xeo, xogo de fisureiros e xogo de friends medianos (botamos de menos levar algunha estaca ou áncora de neve).
  • Cordada: Manu, Pablo e Ricardo.
  • Aproximación: Dende a aldea de Vidrieros tómase unha pista que vai xunto o Arroyo Valdenievas e xusto tras pasar unha ponte, na unión co Arroyo Cabriles desviámonos por unha senda que sae á dereita en direción ó Norte e leva ó Prado Cabriles ou Pradera del Resollar, dende onde xa é visible toda a cara Sur do Curavacas. Dende aí hai que dirixirse polos pedreiros da cara Sur, cara ó lado dereito da montaña ata ó collado del Hospital. Ó outro lado desta golada xa son visibles os primeiros contrafortes da cara Noreste, nos que empeza a vía. Dende Vidrieros a Collado del Hospital, tárdanse unhas 2 horas.
  • Descenso: Pola ruta Normal do Callejo Grande.
  • 1ª Ascensión: Luis Fraga e José Manuel Fraga o 6 de setembro de 1981.
  • 1ª Ascensión Invernal: Ángel Villán, Eladio Lantada, Juan José Villacorta (Aspi), Emilio Vicente Lagunilla (Tente) e César Tomé o 20 de marzo de 1994.

No foro do Club Alpino Ourensán, está a reseña das condicións atopadas.

Ás 5 da mañá soou a alarma do reloxo no interior da furgoneta de Pablo. Non remoloneamos demasiado porque sabíamos que aínda nos quedaba un longo camiño ata o comezo da vía, así que xusto unha hora despois iniciábamo-la nosa marcha, almorzados, pertrechados e acompañados por unha escuálida cadela tan necesitada de afecto, como de comida.

O amencer chegou ó redor das 8, namentres vestiámonos co material de escalada, xa no Collado del Hospital. Dende aquí, xa era visible algo máis abaixo, unha canle nevada pola que ascendimos para chegar ata unha terraza que atravesamos subindo en diagonal á dereita ata o inicio, propiamente, da vía de escalada.

Neste punto, sacamo-las cordas e Manu empezou a escalada cando xa pasaban das 9 da mañá. O primeiro longo superámo-lo atravesando ó principio, un furado baixo uns bloques de pedra e superando logo un resalte de escasísimo xeo que non prometía mellores condicións máis adiante.

Dende esta primeira reunión, unha nova tirada recta, pegada á parede e por neve dura sitúanos ó pé do paso clave da vía; para elo abandonamo-la evidente rampa diagonal que conforma a vía Diagonal, tomando a bifurcación que vai á esquerda.

Estamos algo por baixo dun resalte que raras veces ten as condicións necesarias para a súa escalada. Debería estar cuberto por unha fervenza de xeo, pero apenas ten unha escasa columna de aparente fraxilidade, sobre as que penden varias longas estalactitas de xeo. Encaramado á súa base, Manu examínaa. Xa viu catro veces ata aquí e tivo que volverse por falta da necesaria cuberta de xeo, así que se hai algunha mínima oportunidade, non quere deixa-la pasar.

Con suma precaución, vai progresando polo tramo máis delicado ata desaparecer da nosa vista, superada a fervenza. Pero aínda temos que esperar un bo rato ata que nos chega o seu aviso de que xa está montada a reunión, porque nesta roca de conglomerado da canle, resulta moi difícil colocar seguros.

Pablo e eu superamos penosamente a fervenza e o resto do longo, xa por neve dura, ata reunirnos con Manu, nun bloque no centro da canle, onde conseguiu malmeter 2 cravos e un fisureiro.

O cuarto longo intérnanos nunha cheminea xeada e achéganos ata un novo estreitamento da canle, no que instalamo-la reunión máis precaria e exposta de todas. Temos que permanecer incomodamente de pé, namentres caen directamente sobre nós a neve e o xeo que veñen de Manu e da parte superior da canle. A neve que esbaraba sobre nós metíasenos pola roupa e, de cando en cando, Pablo sacudíame e limpaba a neve que se acumulaba entre a mochila e as miñas costas para que non me enfriase namentres aseguraba ese quinto longo.

Cando nos xuntamos novamente con Manu xa cáseque son as 3 da tarde, así que supoñemos que non poden quedar máis que un ou dous longos.

O sexto longo parte dunha reunión que nos protexe da caída da neve e xeo, así que volvemos a estar máis cómodos. A neve está en boas condicións e chegamos á que será a última reunión, no lado dereito da parede, na que incluso podemos sentarnos e coloca-las cousas sobre a neve.

Asomando a cabeza podemos ver xa o final da vía, que acadaremos nun último longo polo lado esquerdo, aínda que tamén é posible face-lo pola pala do lado dereito que sae directamente á crista.

Son as 17:30h. cando nos xuntamo-los tres sobre a forcada do Callejo Grande. Levamos máis de oito horas na canle pero sentímonos ben e aínda temos tempo de subir ata o cumio do Curavacas, a disfrutar por primeira vez, en todo o día, do sol, xa que o corredor discorre completamente á sombra.

O descenso facémo-lo polo Callejo Grande e cando chegamos a Vidrieros, xa de noite ó redor das 20h., volvimos atoparnos coa cadela que pola mañá nos acompañara ata a mesmo punto de inicio da escalada. Premiámo-la cun pouco de fuet namentras nos preparamos para saír hacia Villasecino, onde quedamos coa xente do noso Club, para pasa-la noite e cear algo millor que un trozo de embutido -é o que ten non ser un can… ás veces…-.

Advertisements