Inicio > Denuncia, Difusión/Divulgación, Medio ambiente, Montañismo > 1ª Andaina reivindicativa pola Serra do Galiñeiro, 20 de febreiro de 2011.

1ª Andaina reivindicativa pola Serra do Galiñeiro, 20 de febreiro de 2011.

2011 Febreiro 21

A 1ª Andaina Reivindicativa pola Serra do Galiñeiro, convocada para o Domingo 20 de febreiro de 2011, pola Plataforma pola Defensa da Serra do Galiñeiro, celebrouse nun día de tempo desapacible, na que a néboa e o persistente orballo non arredaron ós máis dun milleiro longo de persoas participantes.

 

Pese ó mal tempo, moitísima xente achegouse ata o Parque Forestal do Galiñeiro, na parroquia de Vincios (Concello de Gondomar) para a amosa-lo seu rexeitamento á instalación do parque eólico recentemente adxudicado pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, a unha multinacional.
A andaina, organizada polo Club Montañeiros Celtas e o Club Peña Trevinca, iniciouse no merendeiro do Parque e decorreu polo antigo camiño, hoxe pista forestal, que arrodea a Serra do Galiñeiro, pasando polo vértice xeodésico ós 704 m. de altitude, onde se fixo a lectura do Manifesto pola protección da Serra do Galiñeiro, antes de descender ata o punto de partida.

É de agradecer a masiva e animosa participación de tódalas persoas asistentes e, especialmente, a boa organización e traballo do voluntariado do Club Montañeiros Celtas e do Club Peña Trevinca – Montañeiros de Galicia.

1ª andaina reivindicativa pola Serra do Galiñeiro

Esta andaina é unha das primeiras actividades masivas realizadas para opoñerse e amosa-lo rexeitamento á instalación dun parque eólico en terreos da Comunidade de Montes de Vincios, no Monte Galiñeiro, nos que o actual Goberno Galego adxudicou a explotación de 39 megavatios á empresa TERRA DO VENTO S.R.L. (da que é socio único a multinacional ELEMENT POWER ESPAÑA S.L.), constituída en Ourense fai menos dun ano, expresamente para participar no polémico concurso eólico resolto o pasado 18 de novembro de 2010. A Comunidade de Montes de Vincios e a Entidade Local Menor de Morgadáns son as administracións con maior cantidade de terras dentro da zona afectada.

A medida é parte da resolución do 20 de decembro de 2010, pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ó abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia. Industria recalca que a zona TV-20 Serra do Galiñeiro, nome có que a Xunta designa ó emblemático parque natural do Val Miñor,  é apta para a instalación dos 13 muíños de 150 metros, que están recollidos no el anteproxecto da empresa.

A Xunta de Galicia, coa aprobación deste Plan, segue sen preocuparse de facer unha ordenación do territorio na que se determine que lugares son válidos para uns ou outros fins, e na que se teña en conta o seu valor ambiental e patrimonial, no canto de, unicamente, os intereses das grandes empresas.

Hai que sinalar que nesta zona, ademais da existencia de Comunidades de Montes que fan unha xestión produtiva dos terreos, o Galiñeiro ten numerosos valores ambientais e paisaxísticos, unha flora e fauna de escasa presenza en Galicia, un rico patrimonio xeolóxico e unha singular importancia etnográfica e arqueolóxica.

 

  • TERRA DO VENTO SRL foi constituída o 21/04/2010, segundo información recollida no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil de Ourense.
  • ELEMENT POWER ESPAÑA SL é á súa vez filial da multinacional Hudson Clean Energy Partners con sede nos Estados Unidos de América.
  • A Televisión de Galicia fíxose eco da oposición á instalación do parque eólico na Serra do Galiñeiro, no telexornal noite do 3 de febreiro de 2010, nunha interesante crónica na que se explican escuetamente as razóns do seu rexeitamento popular.

Advertisements