Inicio > Alpinismo, Mixto > Corredor de la Aguja, Espectra e Elixir de la Suerte (Ubiña), 25 e 26 de febreiro de 2011.

Corredor de la Aguja, Espectra e Elixir de la Suerte (Ubiña), 25 e 26 de febreiro de 2011.

2011 Febreiro 27

Fotos de Corredor de la Aguja, Espectra e Elixir de la Suerte (Ubiña), 25 e 26 de febreiro de 2011
Vaia por diante que non conseguimos escalar ningún dos corredores indicados, pero… alomenos pasamos por diante deles. 🙂
O Venres saín pola mañá de Lugo cara a Ubiña, onde xuntaríame á noite con Beni, Mar, Marga e Mundi, no novo refuxio da Federación en Torrebarrio. Quería aproveitar esa tarde antes de que chegaran, para ve-lo estado do Corredor de La Aguja e de Elixir de la Suerte, para tentar facer este último o Sábado e o primeiro o Domingo.
O estado da neve, xa pola tarde era bastante bo, dura en xeral, aínda que nalgunha travesía ós pes da Aguja, resultaba moi branda. Subín ata o primeiro resalte do Corredor de la Aguja, e resultou que apenas tiña un pouco de xeo polo que chorreaba a auga. A cousa non prometía, pero pensei que tal vez co frío da noite e escalando pola mañá ben cedo, podería estar en boas condicións.
Sen embargo esa noite uninme a Manu e Aviñoá, que pretendían face-lo corredor Espectra, xa que un accidente de circulación -sen consecuencias graves- impediu que o resto da xente viñese.
O Sábado levantámonos ás 5, e unha hora máis tarde escomenzamo-la andaina ata o pé da parede, chegando ós pés da Aguja ás 8 da mañá, coas primeiras luces dun día que amencía despexado e non moi frío. Puxémono-lo material de escalada e achegámonos ata o comezo da vía e, dende aí, por unha pala de neve seguimos ata embaixo do primeiro resalte de rocha, onde fixemo-la primeira reunión e observamos preocupados como a néboa envolvíanos completamente, reducindo a visibilidade e -o peor- empeorando o estado da neve e o xeo. Por riba, un corto tramo mixto e logo outro de neve deixounos baixo unha parede onde montamo-la segunda reunión. Bordeámo-la unha ducia de metros cara á esquerda onde atopamos un espit e a vía viraba á dereita polo que debera ser un tramo mixto con xeo. Manu estivo analizando o percorrido durante un longo rato, pero a falta de xeo na rocha empapada e o feito de que dende arriba non deixaban de caer cousas, convenceuno de que era mellor abandonar.
Rapelamos dende o espit directamente e logo de que unha pedra lle dese na cara a Manu, ó tentar recupera-las cordas, tivo que subir de novo porque non houbo xeito de desatora-las.
Como aínda era cedo, achegámonos ata Elixir de la Suerte, por se estivese en mellores condicións, pero apenas comezamos a subir cando vimos que a neve xa estaba branda e tamén notábase a caída de cousas dende arriba, así que decidimos baixarnos, regresar ó refuxio e marcharnos, sen esperar ó Domingo.

Advertisements