Inicio > Escalada en xeo > Valle de Izás, Canfranc (Huesca), do 4 ó 8 de marzo de 2011

Valle de Izás, Canfranc (Huesca), do 4 ó 8 de marzo de 2011

2011 Marzo 9

Aproveitando as festas do Entroido achegámonos ata os Pirineos á busca de xeo, dado que as últimas nevaradas aumentaron o risco de avalanchacs en corredores e itinerarios máis clásicos.

Ollo coa data e horario da viaxe, porque se coincide coa tempada de esquí pódese un atopar con retencións quilométricas -coma nos pasou a nós-, xa que tódolas persoas que saían do traballo pola tarde cara ás estacións de esquí, concentrábanse na estrada que une Pamplona e Jaca; e a partir do remate da autovía A-21 tivemos que ir en caravana ata Canfranc.

O Valle de Izás, en Canfranc (Huesca), é moi coñecido polos escaladores de xeo porque nel fórmanse excelentes fervenzas, cunha curta aproximación (un pódese achegar en pouco máis dunha hora de camiñata, dende a estrada que une Canfranc con Francia).

Pódense obter croquis das vías e fervenzas de escalada da zona na web do Ayuntamiento de Jaca (aquí hai algúns planos da situación das vías no val, así como croquis de L’Eau L’Eau e Notre Dame), no nº 35 dos Cuadernos Técnicos de Barrabés e nuns vellos números da revista Pyrenaica (137 e 162) dos anos 1984 e 1991. Tamén nas webs de www.escalismo.com, e de www.landher.net hai algunha reseña máis moderna de L’Eau L’Eau. De Ruta Jacobea non hai moitos croquis, pero pódese botar un ollo ó blog de madteam.net, por exemplo.

Adicamos cada día a unha vía, empezando coa de menor a maior dificultade/dureza, para que me fose iniciando progresivamente, e rematando coa coñecida L’Eau L’Eau (tamén chamada Historia del Agua, Historie d´l Eau ou -como din os habituais da zona, cunha perfecta fonética francesa :-)- “La Loló”), que tanto pola lonxitude do seu percorrido, uns 300 mts., como polo gran ambente do seu trazado, é a máis atractiva.

Reservamos liteira no Albergue Nuevo Tritón, en Villanúa (Canfranc, Huesca) e cada día achegámonos en coche ata a senda do GR 65.3, á saída de Canfranc-Estación, onde aparcabamos e púñamonos en marcha hacia o pé das paredes.

Para min foron uns días de iniciación na escalada en xeo do máis completos, pero, Manu -que xoga a outro nivel- levouse a decepción de non face-la Colgada, por mor do precario estado do seu xeo, especialmente no tramo superior, segundo nos contaron.

A calidade e cantidade do xeo das fervenzas xa estaba un pouco ó límite, así que non cremos que esta tempada as escale moita máis xente, salvo que veña un cambio de tempo que permita que se volvan a rexenerar.

Ruta Jacobea, Valle de Izás (Canfranc – Huesca), 5 de marzo de 2011.

Fotos de Ruta Jacobea, Valle de Izás (Canfranc – Huesca), 5 de marzo de 2011.

  • Dificultade: II/3
  • Lonxitude: 120 m. (pero só uns 80 m. o foron de escalada efectiva realizados en 2 longos, xa que case todo o primeiro longo fixémo-lo camiñando por unha pala de neve).
  • Horario: Comezo da vía sobre as 09 h. e remate ás 11:20 h. Descenso en 20′ con 2 rápeles.
  • Material: Casco, crampóns, piolets técnicos, 2 cordas de 60 m., parafusos de xeo e un par de friends pequenos.
  • Cordada: Manu e Ricardo.
  • Aproximación: Empézase dende a senda do GR 65.3, á saída de Canfranc-Estación. Unha hora e media de aproximación ata onde xa se ven as fervenzas no val.
  • Descenso: en 2 rápeles pola mesma vía.
  • 1ª Ascensión: L. García e M. A. Abraham, en Marzo de 1981.
  • 1º longo: non había xeo senón unha pala de neve pola que subimos facilmente ata algo máis abaixo da reunión da que sería a reunión habitual de comezo do 2º longo.
  • 2º longo: partimos, como decía, dende algo máis abaixo da reunión habitual do 2º longo (2 parabolts con anelas) e seguimos por un muro de xeo 70º/80º xunto á parede ata unha reunión equipada tamén con 2 parabolts con anelas.
  • 3º longo: iníciase por unha chimenea de 60º-80º conformada por un lado de xeo e outro de rocha, que da paso a un tramo de menos pendente e remata cun último paso nun resalte ó que lle faltaba apoio de pés. A reunión tamén estaba equipada con 2 parabolts.

Notre Dame, Valle de Izás (Canfranc – Huesca), 6 de marzo de 2011.

Fotos de Notre Dame, Valle de Izás (Canfranc - Huesca), 6 de marzo de 2011.

  • Dificultade: II/4+
  • Lonxitude: 150 m., en 4 longos.
  • Horario: Comezo da vía sobre as 08:20 h. e remate ás 11:50 h. Descenso en 20′ con 2 rápeles.
  • Material: Casco, crampóns, piolets técnicos, 2 cordas de 60 m., parafusos de xeo e un par de friends pequenos.
  • Cordada: Manu e Ricardo.
  • Aproximación: Empézase dende a senda do GR 65.3, á saída de Canfranc-Estación. Unha hora e media de aproximación ata onde xa se ven as fervenzas no val.
  • Descenso: En 2 rápeles pola mesma vía. Primeiro rápel ata a rampa de neve na base das fervenzas. Pequeno destrepe pola neve ata a 1ª reunión e un segundo rápel para superalo resalte do inicio da vía e chegar á base da parede.
  • 1ª Ascensión pola variante da dereita: o 18/02/1984 por Ángel Martín-Sonseca, Antonio Antoñanzas, Alfonso Escolá, Fernando Caballé e Javier Marraco.
  • 1º longo: supérase pola esquera, por xeo escaso, un gran bloque e pódese montar reunión en 2 parabolts con cadea que está xusto enriba do bloque na parede da dereita. Nós seguimos algo máis arriba pola pala de neve ata un cravo.
  • 2º longo: por unha rampa de neve pola que subimos facilmente ata unha reunión conformada por un par de clavos unidos por varias cintas moi vellas, a uns 10 m. por embaixo da fervenza de xeo..
  • 3º longo: ascéndense uns 30 m. por unha fervenza de xeo 80º/90º ata un nicho no que hai unha reunión equipada con 2 parabolts con anelas.
  • 4º longo: tomamo-la sáida da dereita por un tramo de xeo 90º, que da paso a un tramo de menos pendente por neve e remata cunha reunión sobre cordinos nun piñeiro á esquerda sobre unha rocha.

L’Eau L’Eau, Valle de Izás (Canfranc – Huesca), 7 de marzo de 2011.

Fotos de L'Eau L'Eau, Valle de Izás (Canfranc - Huesca), 7 de marzo de 2011.

  • Dificultade: III/4
  • Lonxitude: 300 m., en 6 longos.
  • Horario: Comezo da vía sobre as 08:10 h. e remate ás 15:10 h. Quince minutos ata o refuxio de Iserías e media hora de descenso ó val, ó pé das paredes.
  • Material: Casco, crampóns, piolets técnicos, 2 cordas de 60 m., parafusos de xeo e un par de friends pequenos.
  • Cordada: Manu e Ricardo.
  • Aproximación: Empézase dende a senda do GR 65.3, á saída de Canfranc-Estación. Unha hora e media de aproximación ata onde xa se ven as fervenzas no val.
  • Descenso: Polo refuxio de Iserías.
  • 1ª Ascensión: en 1980, por Dominique Julien e Rainier Munsch (¿ou por Julien e P. Darrius?).
  • 1º longo: empezamos pola dereita do muro de entrada 75/80º formado pola fervenza de cola de cabalo, rematando nunha reunión de 2 parabolts con cadea no lado dereito. Uns 50 m.
  • 2º longo: comeza por un diedro–cheminea  75º estreito e escasísimo de xeo e segue logo por unha rampa de neve e xeo. A reunión faise do lado esquerdo de 2 cravos unidos por vellos cordinos e reforzámo-la cun parafuso no xeo. Uns 50 m.
  • 3º longo: corredor xeado con dous ramais, separados por unha placa de rocha coñecida como o Escudo. Tomamo-la variante da esquerda 80º, que parecía ter máis xeo, pero tamén resultou escaso e rompíase en grandes bloques ó golpear co piolet. Reunión dun cravo e unempotrador abandoado, no interior do comezo da cheminea. ¡¡Longo de 55m.!!
  • 4º longo: ascender pola encaixoada cheminea de 75º/80º e logo por unha rampa de neve ata agota-la corda ós pés dun gran muro de xeo chamada “a autopista”, na que hai que monta-la reunión sobre o xeo con parafusos e/ou abalakov. A cheminea tiña moi pouco xeo que rompíase facilmente ó noso paso.
  • 5º longo: dende a reunión ó pé da “autopista”, empézase polo centro 75º/80º, e ascéndese con tendencia á esquera para monta-la reunión á esquerda nun parabolt azul ó que non chegaba ó xeo, polo que asegurámonos á súa altura, pero con dous parafusos. Longo de 50 m. e xeo bastante quebradizo, pero groso.
  • 6º longo: saímos verticalmente 70º para logo facer unha travesía á dereita por neve cara a unha canle de xeo de saída. Reunión dunha maraña de cordinos vellos nunha árbore á dereita.

En Villanúa ademáis do albergue en que nos aloxamos tamén hai outras alternativas, así como 3 restaurante/cafetaría na entrada do pobo, na mesma estrada que une Jaca e Francia. Hai tamén un supermercado e unha tenda con material de esquí e roupa de montaña, xunto ós bares da estrada que vai a Francia, así como outra pequena de alimentación no casco urbano.

  • Albergue Nuevo Tritón

Liteiras, restaurante, pizzería, wifi de balde.
Plaza Mediodía s/n, 22870 – Villanúa (Huesca)
Tlfno. 974378181
http://www.alberguetriton.net

info@alberguetriton.net

Aberto todo o ano, aínda que o bar e o restaurante só funciona cando hai reservas ou cando hai afluencia de clientes (por exemplo en xornadas da tempada de esquí).

80 Prazas en liteiras (as habitacións son diminutas, nós éramos dous nunha de 6 prazas e xa non podíamos movernos sen estorbarnos…). Calefacción e auga quente.

Prezo por noite 15€ (federados 14€), almorzo 3€, media pensión 27€ e menú do día 10€.
  • Bar-restaurante La Estrella

Avda. de Francia 8, 22870 – Villanúa

Tlfno. 974378003

Pratos combinados e comidas á carta.

  • Bar-restaurante Monte-Lierde

Carretera de Francia, s/n

Tlfno. 974378256

Menú do día e comidas á carta.

Ceamos unha noite á carta e o servizo foi lentísimo (só unha persoa recollía as comandas).

Advertisements