Inicio > Escalada deportiva > Quirós (Asturias), 19 e 20 de marzo de 2011.

Quirós (Asturias), 19 e 20 de marzo de 2011.

2011 Marzo 21

Fotos de Quirós (Asturias), 19 e 20 de marzo de 2011.Para esta fin de semana, Mundi suxeriu achegarnos a escalar a Quirós, e aloxarnos no Albergue de Arrojo, para coincidir coa xente do noso Club, o Alpino Ourensán, que tiña tamén feitas reservas para realizar unha actividade de montaña na zona eses dous días.

Quirós, é unha das máis famosas e concorridas zonas de escalada deportiva de Asturias. Para chegar a ela hai que desviarse á esquerda, cara á localidade de Aciera (na estrada que vai de Teverga a Bárzana), onde déixanse os coches no aparcadoiro que hai na aldea. Logo, un paseo de 10 minutos pola estreita estrada asfaltada ata chegar a El Llano, onde tamén é posible aloxarse no Refugio de El Llano da Federación asturiana, e outros 15-20 minutos de andaina ata os pés das paredes, achégannos á rocha caliza pola que tanto devecemos en Galiza. De camiño -mellor á volta 🙂 -, pódese un apartar uns minutos da ruta á zona de escalada, para botarlle unha ollada ó fermoso teixu de Perueño, na parroquia de Las Agüeras, e gozar do magnífico porte e saudable aspecto desta ancestral árbore, situada xunto as ruínas da igrexa de Santa Eulalia.

O Sábado pola mañá estivemos escalando coa xente do Club no sector El Escalón, e pola tarde, cando a maioría marchou a face-lo Desfiladero de Las Xanas, os que quedamos aínda enredamos algo máis na rocha aproveitando o bo tempo e que non había practicamente xente escalando nas paredes.

O Domingo, o Club tiña prevista a ascensión ó Peña Rueda dende Lindes, así que madrugaron e marcharon antes de que nós -sen presa ningunha…- nos achegáramos ós sectores de escalada. Desta vez pasamo-lo día no sector de La Selva, antes de achegarnos a Samartín a tomar algo cos “madrugadores/as” para, de seguido, face-lo longo camiño de regreso ás nosas casas.

Das máis de 300 vías de escalada de Quirós, hai algúns croquis na web de El Maquis. e no foro do Grupo de Montaña Reciecho.

Advertisements