Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección > Noches de Escuela, Peñas del Prado (Valle de Arbas, León), 15 de maio de 2011

Noches de Escuela, Peñas del Prado (Valle de Arbas, León), 15 de maio de 2011

2011 Maio 15

Fotos de Noches de Escuela, Peñas del Prado (Valle de Arbas, León).Noches de Escuela MD inf (V+)

Aperturistas:
Jose M. Fernández, Miguel Pita, Iván Lamas e José Lamas, o 14 de maio de 2000.

Resumo:
Uns 150 m. repartidos en 6 longos maioritariamente curtos para unha vía, fundamentalmente, de pasaxes de adherencia. Equipamento en case tódalas reunións e algún parabolt para protexer pasos clave e distanciados nas placas.

Dificultade:
V, V+, V+, V+, 6a+, V. O tramo clave do quinto longo está protexido por 3 parabolt.

Material necesario:
2 cordas de uso en dobre (60 m. c/u), algúns friends e entaladores e demais equipo de escalada de autoprotección.

Cordada:
Mundi e eu

Punto de partida:
Deixamo-lo coche, na cuneta da estrada que vai dende Cubillas de Arbas ó túnel polo que se comunica con Aralla. Dende ahí, en 20 ou 30 minutos chegamos á base da vía.

Noite intermedia:
Durmimos no soportal do colexio que hai na entrada de Cubillas de Arbas.

Desnivel e horario:
Unhas 3-4 horas. A nós levounos unhas 6 horas porque coincidimos no comezo da vía con outras dúas cordadas, de 3 persoas cada unha, que nos ralentizaron notablemente.
O descenso faise localizando un bloque de roca en plena crista, arrodeado por unha cinta que é a última reunión da vía Venus. Dende ahí rapélanse 2 longos pola Venus e camíñanse por unha terraza/vira os 10 m. que separan esa reunión da Venus, da penúltima de Noches de Escuela, dende onde xa se volven a retoma-las reunións da vía de ascenso para seguir rapelando ata a base da parede.

Comentarios:
O 1º e 2º longos pódense facer xuntos dunha soa tirada.

1º longo (V): placa tumbada de canalizos con varios parabolt. 25 m. Reunión cómoda nunha ponte de roca á esquerda dun nicho.
2º longo (V+): muro de ocos con algún parabolt. 30 m. Reunión incómoda de parabolt con maillón e espit, xusto enriba dunha laxa que se rodea pola dereita.
3º longo (V+): placa de ocos co algún parabolt. 30 m. Reunión cómoda de 2  parabolt con sendos maillóns.
4º longo (V+): un primeiro tramo de placa e ocos leva ata un desplome que se rodea pola dereita, cun tramo vertical de roca rota, protexido por un parabolt, que nos sitúa enriba do desplome, onde hai que facer unha travesía á esquerda protexida por dous parabolt, ata chegar á reunión ó pé dun muro cun só parabolt reforzable cunha ponte de roca. 40 m. A reunión é moi cómoda nunha terraza que comunica esta coa penúltima da vía Venus, visible un pouco máis alta e a menos de 10 m., á dereita, seguindo a vira.
5º longo (6a+): muro con paso de 6a+ protexido con tres parabolt, logo dos que aínda queda un paso de V+. Séguese de fronte por unha zona de terrazas de herba, entre as que hai un pequeno muro, no que é fácil non ver a reunión composta por un parabolt, reforzable cun alien nunha pequena fisura á dereita -que probablemente haxa que limpar de terra-. 35 m. A reunión é cómoda.
6º longo (V): sáese pola esquerda “campo a través” por entre as terrazas de arbustos cara a un muro con canalizos. Nós non tiñamos claro se era á esquerda ou á dereita do espolón que divide en dos o muro, así que saímos polo seu extremo esquerdo, que parecía máis fácil, pero é posible que a vía atravese os canalizos do lado dereito do espolón. 30 m. A reunión é na crista cimeira nun bloque lazado -segundo din-, pero o bloque que utilizamos non tiña driza.

Croquis:
Croquis Noches de Escuela (Peñas del Prado) -elaboración propia-

  • No libro de Miguel Ángel Adrados: Cordillera Cantábrica, Escaladas Selectas en roca.
  • Hai unha boa foto coa vía sinalada en La Cara Dura.
  • E tamén hai un vídeo bastante descritivo en youtube.
Advertisements