Inicio > Escalada deportiva > Valle de Luna, Babia (León), 14 e 17 de maio de 2011.

Valle de Luna, Babia (León), 14 e 17 de maio de 2011.

2011 Maio 18

Fotos de Valle de Luna, Babia (León).Escalada deportiva en Sena de Luna e Rabanal de Luna, no Valle de Luna, xunto a Babia (León).

A comarca de Luna está ó carón da de Babia, polo que, dado que a primeira é moito menos coñecida, refírome a estas zonas de escalada, como pertencentes a Babia, aínda que non é así.
A Asociación Cuatro Valles leva bastantes anos adicándose á promoción turística das 7 comarcas leonesas máis montañosas. No 2007 editou unha guía das vías de escalada equipadas en 7 sectores destas comarcas, bastante próximos entre si, de tal xeito que pódense pasar varios días pola zona probando as distintas escolas. A guía está moi ben feita, aínda que ten algúns erros de graduación dalgunhas vías.

As distintas zonas teñen en común unha rocha caliza, normalmente orientada ó Sur, polo que é un lugar máis recomendable para días frescos que para os soleados. Asemade, tamén hai algunhas vías que necesitarían dunha limpeza de terra e arbustos, polo que non está de máis ir preparados para botar unha man na súa limpeza, de paso que escalamos. 🙂

En Sena de Luna, unha estupenda fonte diante mesmo da igrexa, proporcionaranos tódala auga necesaria, para subir andando pola pista ata unha instalación gandeira, dende onde séguese campo a través cara ás paredes, con tendencia á esquerda. O primeiro día, Quique, Carmela, Begoña, Jorge, Mundi e eu estivemos escalando no sector Mitológico, no que abondan os quintos e sextos.
Para o último día, deixamos o sector La Mandrágora, en Rabanal de Luna. Na estrada CL-623 que vai de León a Caboalles, preto das vías está o Bar Jocar, no que tomar un refresco ou incluso comer algo, pero que serve de referencia para atopa-lo desvío próximo a el, polo que achégase ata un chalé escondido entre as árbores, e aínda séguese ata un segundo chalé, xunto ó que deixamo-lo coche no prado lindante. Para chegar á parede é recomendable busca-lo leito seco dun regato que leva cara ó lado dereito das paredes, sen pisa-los prados.

Advertisements