Inicio > Denuncia, Difusión/Divulgación, Montañismo > Suxerencias e propostas para a Federación Galega de Montañismo. Xuño de 2011.

Suxerencias e propostas para a Federación Galega de Montañismo. Xuño de 2011.

2011 Xuño 1

Tra-la constitución da nova Xunta Directiva da Federación Galega de Montañismo en Xaneiro de 2011, unha carta de saúdo do novo Presidente publicada na súa web, e a celebración dunha reunión en cada provincia á que se invitou ós Clubes das mesmas, parecía que se pretendía coller algo de impulso para iniciar unha nova etapa con maior participación, comunicación e transparencia.

Polo de agora, a Federación aínda non comentou nada desa rolda de conversas cos Clubes das 4 provincias galegas, pero alomenos o Clube de Montaña Pico do Castro, publicou na súa web un relato do falado, cousa que hailles que agradecer.

En todo caso, en resposta á disposición a escoita-las suxestións das persoas federadas, manifestadas na carta de saúdo do novo Presidente e na circular de invitación na que se advirte da reedición da Revista Cumes da Federación, achegueilles unha serie de propostas que, de seguido reproduzo.

Estimados/as sres/sras. da Federación Galega de Montañismo.

En resposta á súa disposición a escoita-las suxestións das persoas federadas, achégolles unha serie de propostas, algunhas das cales xa lles transmitín en anteriores ocasións sen que fosen atendidas, e que considero que contribuirían a, por unha banda, mellora-la comunicación e transparencia da propia Federación, e pola outra, fomenta-la participación de tódalas persoas nas súas actividades e decisións.

  • Facer públicos e accesibles dende a web os Estatutos da Federación.
  • Facer públicos e accesibles dende a web as actas ou alomenos os acordos ós que se chegan nas Asembleas e reunións formais, así como as xestións realizadas perante outros organismos ou entidades,e que poden ser de interese para as persoas federadas.
  • Informar coa debida antelación e precisión das condicións e prezos das Aseguradoras e coberturas das licenzas federativas para que xa ó comezo do novo ano, aquelas persoas que queiran estar aseguradas dende o primeiro día, poidan estar cubertos e coñecendo perfectamente as condicións do que se contrata, sen ter que face-lo “a cegas”.
  • Realizar e publicar unha avaliación anual dos accidentes sufridos polas persoas federadas, as súas causas, a actuación das Aseguradoras, e a valoración que os/as accidentados/as fan desas actuacións. Coido que a Federación debería de facer un seguimento dos casos, tanto porque do coñecemento das causas pódense sacar conclusións que diminúan a posibilidade de que volvan a repetirse casuísticas ou imprudencias; como para poder valorar dun xeito práctico que compañías funcionan mellor, ofrecen realmente as mellores coberturas e cumpren coas súas obrigas.
  • Facer públicos e accesibles dende a web os orzamentos da Federación e o uso que se fai dos cartos.
  • Facer públicas, para cada actividade e Curso organizado pola Federación, a cantidade de peticións de participación por Club, xunto co número de licencias en vigor de cada Club, de tal xeito que a asignación das prazas feita pola FGM en función do número de licenzas tramitadas o ano anterior, sexa máis transparente.
  • Facer e publicar anualmente un informe coa listaxe das actividades e cursos organizados, realizados e suspendidos, así como o seus correspondentes números de persoas solicitantes e participantes admitidas e rexeitadas.
  • Realizar unha planificación de actividades federativas o suficientemente variada como para que -tendo en conta as restritivas condicións impostas pola Xunta- tódalas disciplinas abarcadas pola Federación teñan a mínima oportunidade de participar no funcionamento da Federación a través do máis básico dos dereitos: a elección das persoas representantes da Federación nos procesos electorais. Isto significa que durante o ano previo á convocatoria de eleccións, debe haber actividades que abarquen a tódalas disciplinas.
  • Diferenciar claramente que actividades son federativas -e polo tanto poden permiti-lo posterior exercicio de participación nos procesos electorais- das que non o son; porque actualmente veñen misturando unhas con outras de tal xeito que, parece que hai unha chea delas, pero logo resulta que hai unha evidente carencia das “de tipo federativo” que impide á inmensa maioría poder participar nas eleccións.
  • Iniciar xestións coa Secretaría Xeral para o Deporte, para que, tendo en conta as peculiaridades da nosa Federación, faga as modificacións precisas na Orde do 3 de abril de 2006 pola que se establecen os criterios para a elaboración de regulamentos e realización dos procesos electorais nas federacións deportivas galegas, que permitan unha efectiva participación de tódalas persoas federadas nas eleccións.
  • Facer públicas, tanto na web como nos propios Refuxios, as normas que rexen a súa reserva e funcionamento. Porque non é normal que nalgún refuxio cando lle preguntes sobre isto á “persoa encargada”, esta che diga que “te organices como queiras” e que “non hai ningunha norma”; así que, se un quere madrugar e outros queren facer festa ata as tantas, pois que se poñan de acordo entre eles, ¿non?… Ou tampouco parece normal que se reserve completamente un refuxio (30 prazas) que se ocupa minimamente (6 prazas), para unha actividade da Federación ou dun Club, rexeitando as peticións de reserva que outras persoas fagan logo.
  • Por último, dado que na web non figura ningunha información ó respecto, supoño que xa non se premia anualmente a un Club como o Mellor Club de Montaña, pero se non é así, deberíase de darlle a debida publicidade na web, así como tamén publica-los criterios de elección.

Atte.

Advertisements