Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección > Cepeda, Picu Urriellu (Picos de Europa), 4 de xuño de 2011.

Cepeda, Picu Urriellu (Picos de Europa), 4 de xuño de 2011.

2011 Xuño 5

Fotos de Cepeda, Picu Urriellu (Picos de Europa, Asturias).Cepeda MD inf (V+)

Aperturistas:
Pedro Udaondo, María Jesús Aldecoa e Jaime Cepeda, o 21 de setembro de 1955.
Resumo:
Uns 350 m. repartidos en 9 longos ata o furado polo que se pasa ó anfiteatro Sur. A vía orixinal, en vez de saír polo furado prosegue aínda ese longo pola fenda (IV) ata unha nova reunión sobre o ombreiro Este do Picu, e dende aí, unha última tirada pola crista (IV/IV-) ata montar reunión onde rematan as dificultades, deixaríanos en terreo de III/II polo que chegar camiñando facilmente ó cumio. O equipamento en case tódalas reunións é a base de cravos, pontes de roca e algún spit. Algúns cravos e pontes de roca tamén atópanse pola vía.

Dificultade:
MD inf (V+):  III+/IV, IV/IV+, IV+/IV, IV/V-, IV+/IV, III+/II, IV, IV+, V+/IV.

Material necesario:
2 cordas de uso en dobre (60 m. c/u), algúns friends e entaladores e demais equipo de escalada de autoprotección.

Cordada:
Mundi e eu

Punto de partida:
Deixamo-lo coche, na cuneta onde remata a pista que leva a Collado Pandébano. Dende aí, en 30 minutos de camiñada por senda chegamos ó Refugio de la Trenosa. O normal soe ser partir dende o Refugio de la Vega de Urriellu, ós pés do pico, e a unhas 2-3 horas, dende a Majada de la Tenerosa. Do refuxio á base da cara Este bótanse uns coenta minutos máis de percorrido pola Canal de la Celada.

Noite intermedia:
Durmimos debaixo dunhas mesas de madeira que utilizamos para resgardarnos do resío da noite, xa que o refuxio resultou estar pechado, pese a que na web da Federación Asturiana, indica que tamén está aberto sen garda.

Desnivel e horario:
Logo dunha hora e media de subida ata o refuxio para coller auga, e outra media hora máis pola Canal de La Celada ata o comezo da vía, aínda botamos unhas 8 horas de escalada efectiva (en realidade tárdanse unhas 6 horas, pero o frío que pasamos retardounos algo e enredamos de máis nas reunións -e, a verdade, sómosche ben lentiños…-).
O descenso faise en 4 rápeles ata o chan, por calquera das varias liñas de rápeles existentes no anfiteatro Sur, pero a máis clara é a que segue a vía Directa de los Martínez, que queda aproximadamente no centro do anfiteatro, na vertical dunha fenda bastante ancha que se usa como ruta normal de ascenso/descenso entre a crista somital e o anfiteatro.

Comentarios:
Uns 350 m. de escalada efectiva realizada en 9 longos.
A Cepeda é a vía máis popular da cara Este do Picu Urriellu.
Como estábamos pasando bastante frío e xa levábamos moito tempo de escalada, saímos polo furado que da ó anfiteatro Sur, en vez de seguir pola fenda ata a crista.
A vía orixinal, en vez de saír polo furado prosegue aínda ese longo pola fenda (IV) ata unha nova reunión sobre o ombreiro Este do Picu. Dende aí, unha última tirada pola crista (IV/IV-) ata montar reunión onde rematan as dificultades, déixanos en terreo de III/II polo que chegar camiñando facilmente ó cumio.
O longo que segue á travesía de II polas terrazas, non teño moi claro que fose por onde nós o fixemos. Penso que rematámo-lo nunha terraza demasiado á dereita, xa que logo tivemos que face-lo longo precedente ó do Rompetobillos, cunha pequena travesía á esquerda para subir por unha cheminea.
O paso clave do noveno longo está protexido por 1 parabolt que no evitaría un perigoso golpe en caso de caída.
O tempo cambiou de soleado ó chegar á base da parede a cuberto de néboas e con temperaturas baixas. Pasamos bastante frío.

1º longo (III+/IV), 40 m.: séguese unha fenda evidente ata o seu remate. A media altura hai unha ponte de roca con cordino. A reunión é cómoda e está nunha repisa uns 2 m. á dereita do final da fenda. Son dous cravos nunha fenda vertical non visibles ata meterse na repisa.
2º longo (IV/IV+), 40 m.: iníciase o longo polo lado dereito da repisa buscando o extremo superior da característica “Y”, sen meterse no diedro. Logo duns metros en recto, pásase á esquerda para subir por unha placa ata acada-la cheminea, protexida no seu comezo por un cravo, que precede a un paso delicado sobre unha panza. Dende a posición do cravo xa se poder ver, uns metros máis arriba pola cheminea, a reunión formada por un cravo e unha ponte de roca con cordino. Reunión incómoda.
3º longo (IV+/IV), 35 m.: empézase a cheminea cun paso difícil e séguese, primeiro polo seu interior, e logo por fora ata acadar unha cómoda terraza á dereita do seu remate. Reunión cómoda de dous pitóns nunha fenda horizontal.
4º longo (IV/V-), 35 m.: séguese recto pola placa en dirección a unha fenda diagonal que chega ata un pequeno teitiño na nosa vertical. Logo pola fenda ata o teitiño que, protexido cunha ponte de roca con cinta, supérase  flaqueandoo cara á dereita para chegar a unha gran terraza. Reunión moi cómoda con 2 cravos e unha ponte de roca.
5º longo (IV+/IV), 40 m.: polo lado dereito da terraza achegámonos a un diedro que superamos a media altura flanqueandoo hacia o seu lado dereito e continuando logo polo seu lombo exterior. Séguese en diagonal á esquerda ata acadar unha terraza. Reunión moi cómoda dun clavo e ponte de roca. Opcionalmente pódese continuar uns 15 m. Seguindo a evidente repisa-fenda, para face-la reunión no tinglado de rápel de Espejismo de Verano.
6º longo (III+/II), 30 m.: séguese unha travesía ascendente á esquerda que une varias repisas e pasa (a uns 15 m. da reunión) polo tinglado equipado con dous parabolts dos rápeles de Espejismo de Verano. Continúase atravesando ata o extremo esquerdo dunha enorme terraza coñecida como o Gran Nicho. Reunión cómoda de ponte de roca con cordino.
7º longo (IV), 40 m.: sáese da terraza polo seu lado esquerdo, ascendendo polo lombo do diedro. Un cordino nunha ponte de roca á esquerda e arriba da reunión indican por onde segue a vía. A cómoda reunión está nunha inmensa terraza con 2 cravos e 1 spit nunha pedra. Seica debera haber unha reunión de 2 pitóns nunha fisura escondida na vertical do diedro, pero eu non a vin. O certo é que non lembro absolutamente nada de todo este longo e teño a sensación de que me saín da vía índome demasiado á dereita, porque logo, o seguinte longo obrigoume a facer unha pequena travesía á esquerda para entrar nunha cheminea pola que cheguei á placa baixo o Rompetobillos.
8º longo (IV+), 45 m.: subimos polo lombo do diedro do lado esquerdo cara a unha ponte de roca con cordino, e logo cruzamos máis á esquerda ata o comezo dunha cheminea cun paso de entrada que me pareceu moi difícil. Seguimos polo interior da cheminea ata o seu remate e logo verticalmente por unha placa de canalizos que remataba nunha repisa baixo o desplome do paso Rompetobillos. Reunión de 3 cravos, moi cómoda, un par de metros embaixo do desplome. Como describín no anterior longo, non estou seguro de que a reunión de partida fose a correcta, xa que neste longo tiven que facer unha travesía que non figura nos croquis, así como subir por unha cheminea, da que tampouco atopo referencias, salvo que se trate da fenda que describen precedendo á placa de canalizos.
9º longo (V+/IV), 30 m.: un parabolt con cordino protexendo a fisura que bordea o desplome, indica a ruta a seguir. O paso Rompetobillos resultou pelexón e bufei nel bastante ata que, superado este, seguindo pola evidente fenda chégase a un pequeno furado á esquerda que da paso, con bastantes dificultades para colarse, ó anfiteatro Sur. A reunión ten dous parabolts, é cómoda, pero ó estar xa na outra cara do furado, non permite ver a progresión do compañeiro.

Croquis:
Croquis Cepeda (Picu Urriellu) -elaboración propia-

No croquis que acompaña este artigo, está marcado cun punto amarelo a situación da instalación de rápel de Espejismo de Verano, pola que se pasa no 6º longo.

E nos 7º e 8º longo sinálanse con puntos de cor laranxa a ruta errada que seguimos nós, e con puntos vermellos a que creemos que era a ruta correcta.

Os outros puntos discontinuos vermellos correspóndensen coa cheminea do 3º longo e o paso ó anfiteatro Sur polo furado.

Dende finais do pasado verán, foron varias as veces que tentamos achegarnos á Cepeda para escala-la, pero adiámolo ata agora por uns motivos ou outros (o tempo está inestable, esta fin de semana teño curso, agora vai frío, todavía debe haber neve pola Celada, teño mocos, dóeme o pelo, son feo e covarde, botan unha peli de Chuck Norris, non me da a gaña de ir, teño fame,… -en fin, será por excusas…-).

Coido que foi o Mércores cando falei con Mundi por teléfono:

-Parece que o tempo non vai ser malo en Picos esta fin de semana. Podíamos darlle un ataque sorpresa á Cepeda, dunha vez…-

-Ummm… Bueno… Si tu me dices  ven…, yo voy.-

Así que o Venres dímono-la paliza co coche e chegamos ó Refugio de la Trenosa ás 2 da madrugada, atopándonos coa desagradable sorpresa de que estaba pechado.  Logo de buscar algunha chave polos lugares máis típicos, decidimos xunta-las dúas mesas que había no exterior e metímonos  baixo elas nos nosos sacos, para resgardarnos do resío, soñando cos… gardas… 😉

O día amenceu despexado e soleado, preparamo-las mochilas de escalada e logo de deixa-lo resto das cousas agochadas, subimos ata o refuxio da Vega de Urriellu, para coller auga. Resultou que estaban rematando cos últimos traballos das obras que o mantiveron pechado durante todo este inverno e primavera, polo que xa estaba aberto e a disposición de quen o quixese usar. Dende aí, seguimos pola Canal de la Celada e ó chegar á cara Este do pico, vimos unha cordada de 3 chegando á 3ª reunión da Cepeda. Afortunadamente subían rápidos, así que non chegamos nin a ve-los durante toda a escalada.

Por detras nosa chegaron un par de ingleses, que tiveron que sufrir a nosa lenta progresión durante toda a vía, e que nos contaron que víspera fixeron a Directa de los Martínez.

Como eu xa tiña fame, tomeime medio bocadillo antes de empezar, namentras disfrutábamos do sol na base da parede. Pero ó pouco xa empezaron a entrar algunhas nubes, e cando empezamos a escalar xa estabamos pasando frío. Non chegou a chover, pero a néboa e o frío amoláronnos durante toda a xornada.

Nos primeiros 5 longos non tivemos problemas para segui-la vía, pero a néboa fíxose máis persistente xusto a partir de aí, cando máis falta nos facía ter referencias visuais do itinerario, xa que nos croquis e reseñas consultados non nos quedaba claro o lugar en que se atopaba a 7ª reunión. Así foi, que dende a 6ª reunión, no gran nicho, en lugar de atravesar claramente hacia a esquerda, como figura nos croquis que posteriormente atopei, só subimos un pouco polo ombreiro da esquerda da reunión e logo seguimos con tendencia á dereita ata atopar unha ampla terraza, onde fixemo-la reunión aproveitando un spit e 2 cravos que aló había.

Aínda que a reunión tiña o equipamento comentado, xa nos decatamos de que algo non cadraba, e que esta instalación tiña que ser doutra vía (sigo sen saber que fai esa reunión aí, porque non sei doutras vías que pasen por ese lugar). O que víamos non casaba coas indicacións dos croquis e envoltos pola néboa non estábamos seguros de cara a onde tirar. Decidimos continuar polo lombo do ombreiro da nosa esquerda.

Uns poucos metros máis arriba de empeza-la escalada do ombreiro fixemos travesía cara a un diedro á esquerda, que resultou ser unha cheminea. Eu non tiña referencias de que a vía pasase por unha cheminea, senón que esperaba que houbese unha placa de canalizos, así que non as tiña todas comigo cando seguimos por aí (máxime cando pareceume difícil o paso para empeza-lo seu ascenso). Sen embargo, logo resultou rematar precisamente na placa de canalizos buscada, e, por ela, chegamos á reunión baixo o paso Rompetobillos.

Un par de días depois, xa na casa, estiven buscando máis croquis e reseñas da vía, e coido que nesa cheminea foi onde volvimos a retoma-la ruta perdida, polo que na foto co croquis que acompaña este artigo, pintei con puntos de distintas cores o percorrido que fixemos nós e o que coido que é o correcto, aínda que non teño claro se a 7ª reunión queda no pequeno nicho que marco, ou algo máis arriba, na fenda que baixa verticalmente da cheminea.

Xa máis tranquilos por ter retomada a vía, especulamos acerca de por onde superarían o desplome os aperturistas, e como non o tiñamos claro, atacamo-lo famoso paso Rompetobillos. Costounos, pero logo dun rato de pelexa e algúns bufidos, seguimos pola fenda superior ata atopa-lo tamén famoso furado que da paso ó anfiteatro Sur.

Como xa levabamos moitas horas de escalada e seguíamos pasando frío, non continuamos polo percorrido orixinal da vía que remataba a fenda e logo seguía pola crista, senón que atravesamo-lo furado e xa no anfiteatro, puxémono-lo calzado máis cómodo e subimos ó cume a tomarnos unhas améndoas á espera de que a néboa nos deixase un oco para gozar das vistas.

Non tivemos sorte coa néboa, así que logo dun rato baixamos ata os rápeles da Directa de los Martínez e por eles descendimos á base do Picu, con tempo de abondo para chegar coas últimas luces do día ó refuxio do Urriellu. Aquí descansamos e comimos algo namentres parolabamos cunha das persoas que está traballando nas obras do refuxio e, xa de noite, baixamos a durmir ó refuxio da Tenerosa, que tampouco esa noite estaba aberto, así que volvimos a monta-lo noso propio refuxio coas mesas, antes de botarnos a durmir baixo elas, nunha noite que volvía a estar totalmente despexada.

A mañá seguinte seguía libre de nubes, pero namentres almorzabamos (que ben me soupo ese matinal chourizo con pan) volvían a entrar nubes pola montaña. Recollimo-las nosas cousas e baixamos ata o coche en Collado Pandébano, para achegarnos ó Fresnidiellu a ver onde está situada esta zona na que hai bastantes vías.

Xa só nos restaba coller novamente a estrada cara a Galicia, con paradiña en Infiesto para xantar, e regresar ás nosas casas a… prepara-la seguinte. 🙂

Advertisements