Inicio > Escalada deportiva > La Línea Blanca, parede da Xesteira (encoro do Eume), 12 de xuño de 2011.

La Línea Blanca, parede da Xesteira (encoro do Eume), 12 de xuño de 2011.

2011 Xuño 13

Fotos de La Línea Blanca, parede da Xesteira (encoro do Eume).La Línea Blanca (V+)

Aperturistas:
Juan Goyanes, no 2006.
Resumo:
Uns 300 m. repartidos en 7 longos (6, se se empatan os dous últimos), dos que os 2 primeiros son comúns con Luna Nueva (ata a terraza na que se desvía cara á esquerda). O grado de exposición da vía é M2: seguros alonxados nos tramos fáciles.

O equipamento en case tódalas reunións é a base de dous parabolts, cadea e argola. A vía é de adherencia por placas.

Dificultade:
M2 (V+):  IV+, V+ e II, V, V, V+/6a, V+, V+. Seguros, en xeral, moi distanciados.

Material necesario:
1 corda de uso en simple de 60 m., ou dúas se non se está seguro de non ter que retirarse rapelando. Cada unha das dúas cordadas levaba a súa única corda, pensando en que en caso de ter que retirarnos, poderíamos xuntarnos para rapelar todos das dúas. ¡Ollo ó peso de arrastrar dúas cordas!

Tamén fan falta unha decena de cintas express, mosquetóns de seguro, cinta de anclaxe, un par de aneis de cintas para triangula-las reunións e descendedor.

Cordadas:
Marga e Mundi, por un lado, e Beni e eu polo outro. -é un xeito de falar, porque todos íamos polo mesmo lado, eh 😉 –

Punto de partida:
O cauce do río Eume, por embaixo da parede do encoro.

Dende a explanada na que remata a estrada (a uns 7 quilómetros de Goente), no seu extremo dereito, mirando ó cauce inferior do río, baixan unhas pronunciadas escaleiras ata o fondo (desta volta había unhas marcas azuis indicando por onde seguir, nas bifurcacións da baixada). A primeira parede coa que nos topamos, á nosa dereita, é a da Xesteira

Noite intermedia:
Durmimos “de estragis” detrás da Casa do Mel en Goente, pero pódese durmir de vivac ó pé das vías na canteira ou ben nun búnquer que está no lado do val, no camiño de acceso a este sector;  báixase a el por uns chanzos de ferro. Desta volta botámoslle unha ollada e resultou estar bastante limpo.

Tamén seica hai un albergue na localidade de As Neves (7 quilómetros antes de Goente).

Para cear tomamos un suculentos callos e carne asada, máis que recomendables, no Restaurante Casa Díaz, en Goente, onde tamén é moi celebrado o requeixo que poñen. Este bar está xusto facendo esquina no cruce onde se abandoa a estrada que vai de Pontedeume ás Pontes de García Rodríguez, e cóllese a pista que vai ó encoro.

Desnivel e horario:
Botamos unhas 5 horas e media en percorre-los 300 m. da vía.

Retorno á explanada do encoro para voltar ó coche, pola senda da canteira primeiro e logo pola estrada: uns 30 min. Hai un atallo seguindo unhas escaleiras que descenden dende a senda polo bosque aforrando un tramo de estrada e que reduce o tempo a 15 ou 20 minutos.

Comentarios:
O primeiro longo está moi sucio de liques e resulta incluso escorregadizo.

No segundo longo hai que colle-la terraza que vai pegada a unha gran placa, bordeándoa pola súa parte inferior.

Logo desa travesía do 2º longo hai que facer reunión en plena placa, no primeiro parabolt onde comeza o seguinte longo.

No comezo do 4º longo hai que fixarse ben para vé-las chapas que van en diagonal ascendente á esquerda.

Na reunión onde se cruzan La Línea Blanca e Sol de Outono, hai que segui-las chapas que van en liña ascendente por riba da reunión á dereita, aínda que pasen por terreo sucio, en lugar de seguir de fronte pola placa. Esta penúltima reunión pódese saltar e continuar ata o remate da vía, se se aproveitan ó máximo os 60 m. de corda.

A comodidade das reunións é relativa xa que permiten permanecer de pé e incluso sentarse, pero a existencia de feces das cabras e vexetación non sempre facilitan acomodarse nelas.

O tempo foi soleado aínda que empezou con algo de nubosidade. As temperaturas altas, pero sen ser excesivas.

Unha vez rematada a vía, simplemente hai que segui-la senda que vai dende a canteira ata chegar á estrada e baixar ás proximidades da explanada do encoro, onde deixamo-los coches.

Escala de grado de compromiso de M2 (vía cun equipaiento ó estilo deportivo, unha cantidade de chapas por longo e unha distribución que garantizan que en caso de caída, non será grave). -Esta escala componse de 3 valores: M1 (corresponde a unha vía cun equipamento de estilo deportivo, cunha cantidade e distribución de chapas por longo que garantan que non pase nada grave en caso de caída), M2 e M3 (corresponde a unha vía que presenta perigo dunha caída moi grave)-

1º longo (IV+), 50 m.: Empézase por roca cuberta de musgo e liques, e aínda que logo da primeira chapa a roca está máis limpa, o tramo ata a 2ª e a 3ª chapa é bastante delicado polo risco de esvarar. Reunión cómoda de 2 paralbolts, cadea e argola.

2º longo (V+, II), 60 m. ¡xustísimos!: Iníciase o longo verticalmente ata chegar a unha terraza, a uns 30 m.,  que bordea a parte inferior dunha placa cunha característica cicatriz á esquerda. Séguese a terraza de herba e xestas ata chegar ó seu final baixo unha inmensa placa, na que pódense ver un par de chapas que sinalan por onde discorre o seguinte longo. Ó limite da lonxitude da corda, se esta é de 60 m., pódese chegar á primeira chapa do seguinte longo para facer unha cómoda reunión nela, xa que non hai posibilidades de montar nada mellor polos arredores.

3º longo (III, V), 50 m.: Súbese pola gran placa, fácil nos primeiros metros, que chega ata unha terraza onde se produce un aumento na pendente da placa. Unha lastra con agarres para as mans permite supera-lo tramo pese a que a rocha ofrece aquí unha superficie esvaradiza para os apoios de pés. Reunión cómoda de 2 paralbolts, cadea e argola.

4º longo (IV), 40 m.: O longo empeza ascendendo cara a esquerda por un par de chapas semiocultas entre o musgo e a maila vexetación. Logo segue por unha placa con bañeiras e terraziñas. A reunión é cómoda, de 2 paralbolts, cadea e argola.

5º longo (V+/6a), 55 m.: Unha longa placa de pura adherencia e continuidade lévanos baixo un pequeno resalte no que se atopa unha incómoda reunión de 2 paralbolts, cadea e argola.

6º longo (V+), 30 m.: Novamente por unha difícil placa de adherencia e continuidade, chégase ata a cómoda reunión de Sol de Outono, formada por un par de químicos.

7º longo (V+), 30 m.: Aquí hai que prestar atención a non equivocarse de vía, xa que nesta reunión crúzanse La Línea Blanca e Sol de Outono. La Línea Blanca ascende en diagonal á dereita por unha zona bastante sucia de liques secos pola que se ven un par de chapas e que leva a unha última reunión, dun só parabolt, no borde do camiño da Canteira. A vía Sol de Outono, en cambio, segue máis verticalmente por unha placa protexida con químicos, en vez de chapas. Eu equivoqueime neste punto porque non sabía que aínda había unha vía máis á esquerda (Ollos Negros), e ó ver unha chapa nese lado pensei que en vertical seguía a nosa vía. Este erro custoume dúas esvaraduras na escorregadiza placa final de Sol de Outono, que me deixaron quente para a viaxe de volta a casa 🙂

Croquis:

Advertisements