Inicio > Alpinismo, Escalada deportiva, Mixto, Neve > Ascensión ó Grand Pic de la Meije (pola aresta de Promontoire) e travesía ata o Doigt de Dieu (macizo dos Écrins, Alpes franceses), do 5 ó 7 de xullo de 2011.

Ascensión ó Grand Pic de la Meije (pola aresta de Promontoire) e travesía ata o Doigt de Dieu (macizo dos Écrins, Alpes franceses), do 5 ó 7 de xullo de 2011.

2011 Xullo 8

A viaxe dende Galicia á localidade de La Grave, no macizo dos Écrins, nos Alpes franceses.

Este verán decidíramos ir ós Andes, á Cordillera Blanca do Perú, así que  pensamos que sería boa idea pasar antes un par de semanas polos Alpes, para tentar adiantar algo a aclimatación á altura que inevitablemente teríamos que sufrir no noso salto transcontinental.
Así que alugamos unha furgoneta (Citroen Berlingo Multispace) durante 15 días cun tope de 5.000 Km, polo “módico” prezo de 640€, que sería de abondo para os nosos propósitos, aínda que algo pequena de máis para os catro (Mundi, Aviñoá, Manu e eu), comprimimos nela todo o noso material e iniciamos en Vigo a nosa viaxe ás 7 da mañá. Parte do camiño fixémo-lo con Mar, Samuel e Míriam, que ían pasar uns días polos Alpes Julianos.

Repostamos en Irún, xusto na última gasolineira da parte vasca da autoestrada, antes de pasar a Francia, por iso de que no país veciño todo é máis caro, e seguimos ata parar a durmir, tirados na herba dunha área de servizo “aire“, uns 50Km antes de Montpellier, xa que parece ser que ó redor desa vila son frecuentes os roubos ás persoas que pernoctan nas áreas próximas.

Os prezos do combustible -e do resto-, nas estacións de servizo das autoestradas do país galo, son moi superiores ós de fora delas: ata 0’30 €/litro, chegamos a constatar. Iso sí, ditas áreas soen ser moi grandes, arboladas, con baños e incluso duchas nalgúns casos.

O noso destino era a comarca Pays de la Meije, na que se atopan as localidades de La Grave e de Villar d’Arene. Chegamos á primeira destas vilas, na que se atopa o teleférico a La Meije, ó mediodía do seguinte día, sen novidades, pero, naturalmente, cansos pola viaxe.

Achegamento ó refuxio de Promontoire, dende La Grave, 5 de xullo de 2011.

Fotos do achegamento ó refuxio de Promontoire dende La Grave (Alpes franceses), 5 de xullo de 2011Cando chegamos a La Grave (1.450 m.), o tempo non era bo, pero a previsión era que os dous seguintes días melloraría e logo volvería a empeorar a partir da tarde dese segundo día.
Decidimos pois aproveitar esa fiestra de bo tempo para face-la ascensión da Meije (3.983 m.) pola aresta de Promontoire, a modo de aclimatación (¡miña naiciña, menudo xeito de aclimatar…!).
Mal durmimos, entre o galimatías do material, unha sesta sentados na mesma furgoneta que estacionamos diante mesmo do cuartel da guendamería, e cando nos despreguizamos, empezamos a buscar un lugar a cuberto para pasar esa noite, pero o mellor que atopamos foi a entrada do pabellón municipal, que estaba algo recollido e tiña un voladizo do tellado que podería protexernos da choiva, se esta non fose moi intensa.

Logo de cear alí mesmo e deixar preparado o material para o día seguinte, metímonos nos nosos sacos e botámonos a durmir no chan.
O noso obxectivo de aclimatación era ascender ó día seguinte ata o refuxio de Promontoire (3.082 m.), ós pés da cara Sur da Meije, durmir unha noite aló, e ó día seguinte ascender ó Grand Pic de la Meije (3.983 m.), seguir pola súa arista (coñecida como Traversée ou travesía das arestas) ata o Pic Central ou  Doigt de Dieu -Dedo de Deus- (3.973 m.) e descender polo glaciar de Tabuchet, no lado norte, pasando ó lado do refuxio de l’Aigle (3.450 m.), e baixando ata a localidade de Arsine.

Pero “el hombre propone y Dios dispone”… xa que aínda que conseguimos realiza-la actividade, levounos un día máis e tivemos que facer unha imprevista pernocta no refuxio de l’Aigle (3.440 m.).

Ó día seguinte superamos sen esforzo 1.000 m. de desnivel collendo en La Grave (1.450 m.) o primeiro teleférico (8:30 h.) á primeira estación, Peyrou d’Amont (2.416 m., e 14€ por persoa -16€ ida e volta-), dende o que logo dun tramo de descenso, iniciamo-la trepada por Enfetchores ata ó pé do glaciar da Meije (3 horas ata aí), onde xa nos puxemo-los crampóns para atravesa-lo nunhas 2 horas máis e chegar á golada da Breche de la Meije. Dende aí, un delicadísimo descenso, polo rotas e soltas que estaban as rochas, levounos en pouco máis dunha hora ó refuxio de Promontoire (3.092 m.), ó que chegamos perto das 15:30h.

Namentres o resto nos acomodábamos no refuxio e tentábamos ir descansando algo, Manu aínda tivo gañas de subir unha hora pola aresta para inspecciona-lo inicio da ruta que teríamos que empezar de madrugada e, polo tanto, sen luz.

O refuxio de Promontoire está bastante ben, e o trato é moi bo. Antes da cea a parella de gardas, Frédi e Nathalie MEIGNAN , invitáronnos a nós e unha cordada suíza a tomar un piscolabis e explica-lo itinerario, estado e dificultades. Todo un detalle que fala por si mesmo da profesionalidade e interese da parella de gardas. De feito, ó día seguinte deberon de segui-la nosa evolución pola aresta e vendo que non poderíamos chegar ó noso destino no tempo previsto, puxéronse en contacto co refuxio de l’Aigle  para que nos reservasen sitio onde durmir.

As tarifas para a pernocta son estipuladas polo CAF (Club Alpino Francés) e teñen un 50% de desconto para os/as federados/as, polo que saiunos a 12’30€ a pernocta de cada un. O resto dos servizos non teñen descontos: 18€ por cea, 6€ por almorzo, 3’5€ por botella de medio litro de auga,…

A Traversée de La Meije.

Fotos da ascensión ó Grand Pic de la Meije (pola arista de Promontoire) e percorrido da Traversée ata o Doigt de Dieu (Macizo de Écrins, Alpes franceses), do 5 ó 7 de xullo de 2011A travesía de La Meije,coñecida como Traversée ou travesía das arestas, percorre a arista dende o Grand Pic (3.983 m.) ata o Pic Central ou Doigt de Dieu (3.973 m.) e baixa polo glaciar de Tabuchet ata Pont des Brebis (1.662 m.), en Arsine, perto de Villar d’Arene.

Ás 4 da madrugada estábamos encordados e inicia-la vía en ensamble. Por diante nosa, a cordada suíza empezara media hora antes, pero avanzaban moi rapidamente e non chegamos a ver salvo a luz dos seus frontais moito máis arriba ca nós.

Subimos tan lentamente que  non chegamos ó glaciar Carré (a uns 3.500 m.) ata perto das 9:30h., e 20 minutos despois estábamos ó pé do último tramo de rocha que leva ó cume.  O tempo foi empeorando e no paso coñecido como cheval Rouge (cabalo vermello), incluso empezou a nevar e a néboa envolveunos por completo. Aquí lembro que a rocha mollada e o frío fixéronnolo pasar mal neste paso, pese a que Manu xa o superara e asegurábanos coa corda.

Acadámo-lo cume perto das 12:30h. e inmediatamente fixemo-los 4 rápeles cós que volvimos retoma-la arista na brecha entre o Grand Pic e o Dent Zsigmondy. Empezamos a rodear esta torre seguindo xa por xeo os cables que protexen toda a súa base e a canle que ascende novamente ata a aresta. Pero nos primeiros tramos do cable tivemos que poñerno-los crampóns cando resultounos imposible proseguir sen eles. Aí perdimos bastante tempo, primeiro colocandoos en precario equilibrio e, sobre todo logo, desliando a corda que levaba eu.

Subimos pola canle que rodea pola esquerda o Dent Zsigmondy, axudándonos tamén dos cables -aínda que logo comentamos que neste tramo houbéramos ido millor escalando directamente cos dous piolets-, e dende aí proseguimos pola segunda, terceira e cuarta torres ata finalmente ascende-lo Doigt de Dieu (Dedo de Deus) perto das 21:00h., coas presas propias de quen necesita atopa-los rápeles que descenden ata o glaciar de Tabuchet, antes de que se fixese de noite.

Coas últimas luces, Manu foi quen de ir atopando os sucesivos tinglados, pero pese á súa habilidade fixemos un último precario rápel en oscuridade total e co temor de quen pon pé a cegas sobre un glaciar cheo de fendas.

Afortunadamente, unha vez encordados sobre o glaciar, atopamo-las pegadas doutras cordadas e seguímo-las ata chegar ó refuxio de l’Aigle (3.440 m.) ás 12 da noite, onde atopamos unha nota indicándonos que tíñamos reservado 4 sitios para durmir (tal e como comentara antes, isto foi grazas á preocupación e interese da parella de gardas do refuxio de Promontoire).

Neste caso, a pernocta por federado/a saiunos a 11’55€, o almorzo a 7’55€ e a botella de medio litro de auga a 4€.

Pola mañá, almorzamos no refuxio e perto das 10 iniciamo-lo descenso polo glaciar de Tabuchet, ata acada-la crista do Pic de l’homme, pola que baixamos ata chegar a Pont des Brevis (1.662 m.), en Arsine (Villar-d’Arêne), ó redor das 13h.

Dende aí, Mundi e máis eu aínda tivemos que facer andando a senda que une este lugar con La Grave, para colle-lo coche que deixaramos estacionado xunto ó teleférico e volver a xantar cos demais.

Escalada deportiva en Arsine.

Fotos da escalada deportiva en Arsine, 8 de xullo de 2011Decidimos recuperarnos no camping municipal “La Lochette” de Arsine, Villar d’Arène, que resulta barato (3€ por emprazamento, 2€ por persoa e 1,10€ por “jeton” para ducharse) e ten enfronte o gite/refuxio con restaurante “Le Pas de L’ane“, no que poder comer e tomar algo a prezos asequibles (12€ por unha pizza, 7€ por unha tortilla, 14€ por un prato de carne con patacas e 2’50€ por unha xarra de cervexa). A pernocta custa 19€ e a media pensión 39€.

O camping está a uns 13 Km. de La Grave, indo pola estrada D1091 ó Col du Lautaret,  ó pasar Vilar d’Arene hai que coller un desvío á dereita cara a Le Pied du Col e cara a Plan Villar-d’Arêne. Un pouco antes deste camping hai outro, pero non é municipal, así que supoñemos que debe ser máis caro. Pero, como comentei ante, no que nós durmimos é o que ten enfronte o albergue-restaurante “Le Pas de l’Ane“.

Finalmente, quedamos dúas noites no camping, antes de coller novamente a furgoneta para achegarnos a Chamonix. Aproveitamo-la segunda xornada para escalar nunha zona de escalada deportiva e ferrata, que hai a 10 minutos do camping, ó outro lado do río, aí mesmo, en Arsine.

Advertisements