Inicio > Alpinismo, Mixto, Neve > Couloir Gervasutti, Tour Ronde (Vallée Blanche, Alpes franceses), 11 de xullo de 2011

Couloir Gervasutti, Tour Ronde (Vallée Blanche, Alpes franceses), 11 de xullo de 2011

2011 Xullo 12

Fotos de Couloir Gervasutti, Tour Ronde (Vallée Blanche, Alpes franceses).Couloir Gervasutti, AD inf (300 m., 50º), Tour Ronde.

Dende La Grave, fúmonos a Chamonix, nunhas 3 horas de viaxe por algunhas estradas repletas de ciclistas que emulaban os célebres percorridos do Tour de France que acostuma a pasar polos seus altos portos.

Xa en Chamonix, informámonos das previsións do tempo e das condicións na montaña coa intención de subir ó día seguinte ó refuxio Torino.

Sen embargo, a choiva sorprendeunos namentres ceábamos ó raso e, a todo correr, metimos  todo de calquera xeito na furgoneta, á espera de que escampase. Pero, ó contrario, a choiva fíxose moi intensa e tivemos que buscar un lugar onde durmir protexidos da tormenta. Atopamos un bar pechado cun toldo que podía valernos para taparnos, xunto ó campo no que aterran os/as parapentistas, pero había un par de mozos facendo botellón nel e estivemos esperando a que remataran, para “aposentarnos” nós. Como non daban marchado, collemo-los sacos e esterillas e botámonos a durmir perto deles, ata que finalmente, logo de que viñeran a darno-la vara un rato, fóronse coa música a outra parte.

Como o tempo fora tan malo durante a noite e non descansáramos axeitadamente, decidimos esperar unha xornada máis e saír ó día seguinte, aproveintando entanto para facer algo de escalada deportiva no parque de Les Gaillands, a un par de quilómetros do centro de Chamonix, cara a Les Bossons, cun fantástico ambiente e animación para practica-la escalada deportiva.

O noso  plan era colle-lo teleférico ata a Aiguille du Midi, face-la Tour Ronde e ir durmir ó refuxio Torino, dende onde ascender ó Dent du Géant, seguir pola arista de Rochefort e baixar polo glaciar de Mont Mallet, o glaciar de Leschaux, o glaciar de Mer de Glace, e rematar en Chamonix, por Montenvers.

Esa noite durmimos nunha parada de autobús, feita de madeira, perto do lugar onde durmimos a anterior noite, pero un pouco máis cara fora de Chamonix.

Pola mañá chegamos á estación do teleférico antes de que se abrise a venda de billetes, pero xa había tanta xente diante nosa na cola que non subimos na primeira quenda.

Na estación superior do teleférico encordámonos e iniciamo-lo descenso ó Vallée Blanche, seguindo a multitudinaria ringleira das persoas que nos precedían.

O tempo foi bo, moi soleado e atravesamo-lo val cara á Tour Ronde, pasando ó carón do Grand Capucin e de varias cordadas que iniciaban a escalada de diferentes vías á nosa dereita.

A ascensión do corredor Gervasutti iníciase por neve dura ata acadar, por un pequeno tramo mixto, a crista, dende onde un rápel déixanos nunha nova pala de neve pola que ascéndese ata os pés do último tramo de rocha que leva ate o cume.

A baixada resultou máis problemática xa que a crista que vai descendendo por riba do glaciar du Géant pareceunos máis difícil e rapelamos directamente por unha zona que resultou de roca moi descomposta, que se rompía e caía facilmente. Xa abaixo, pensamos que a millor ruta debía de ser pola crista.

O resto da ruta polo glaciar ata o refuxio Torino fixémo-lo desfrutando da visión ó lonxe do chamativo Dent du Géant, o noso seguinte obxectivo.

O macrorefuxio estaba en obras e un  helicóptero continuamente depositaba cemento e materiais, para que estas non parasen, nin de noite, nin de día. É un edificio moi grande, cómodo e quente. O comedor funciona como unha residencia ou cuartel militar -segundo se mire 🙂 -, os dormitorios teñen liteiras e mantas, hai unha cafetaría e recepción amplas, así como un cuarto para deixa-lo material.

chamonix-meteo.com: a meteo no Vallée de Chamonix e no macizo do Mont-Blanc: observacións, webcams e boletíns de previsión. http://chamonix-meteo.com/

A Office de Haute Montagne realiza cursos e actividades continuamente, e ofrece información na súa web (apartado cahier de courses ou route notebook), das condicións coas que se atopan, polo que é unha boa fonte na que consulta-las condicións dos itinerarios.

Refuxio Torino: http://www.rifugiotorino.it/

Reseña do corredor Gervasutti: http://www.madteam.net/rutas/alpinismo/corredor-gervasutti.ctesifone

Advertisements