Inicio > Alpinismo, Mixto, Neve > A nosa odisea glaciar: Dent du Géant e arista Rochefort (Vallée Blanche, Alpes franceses), 12 e 13 de xullo de 2011

A nosa odisea glaciar: Dent du Géant e arista Rochefort (Vallée Blanche, Alpes franceses), 12 e 13 de xullo de 2011

2011 Xullo 13

Fotos de Dent du Géant e arista Rochefort (Vallée Blanche, Alpes franceses).Dent du Géant polas placas Burgener, D inf (IV+).

Pasaba algo das 5 da madrugada cando puxémonos novamente en marcha, pero xa había bastante xente por diante nosa cara ó Dent du Géant.

Superado o plató glaciar e chegados a pé de vía, unha vez deixadas as mochilas, apiñámonos agardando pola nosa quenda para inicia-la escalada.

Pese á súa masificación e a existencia de maromas que percorren a ruta practicamente de principio a fin, a escalada desta agulla foi preciosa, xa que a vía discurre por unhas fantáticas pasaxes de fendas e placas.

Unha nova cola nos rápeles de descenso da outra cara retrasounos todavía máis de cara a afronta-la arista de Rochefort.

________________________

Reseña do Dent du Géant: http://www.camptocamp.org/routes/54431/fr/dent-du-geant-face-sw-par-les-plaques-burgener

Reseña do Dent du Géant e arista Rochefort en: http://cosleyhouston.com/dent-geant.htm

http://www.summitpost.org/dent-du-g-ant/150263

condicións: http://www.ohm-chamonix.com/route-notebook-dent-du-geant-221000316.html

A arista de Rochefort e o glaciar de Mont Maudet.

o percorrido pola arista tamén resultou moi bonito e entretido, pero cando a rematamos, esperábamos ter algunha pegada que nos indicase a ruta de descenso dende a arista ó glaciar de Mont Maudet, especialmente para saber por onde supera-la súa perigosa rimalla. Sen embargo non atopamos nin rastro, polo que iniciamos unha serie de precarios rápeles por unha zona de rochas descompostas á esquerda dos seus grandes seracs. -Posteriormente vimos que a ruta de descenso normal parece ir más á dereita, por riba mesmo dos citados seracs.-

Durante os rápeles, o tempo empeorou e nalgúns intres incluso nevounos, pese ó que conseguimos descender ó glaciar con algo de luz para tentar orientarnos. Pero ó non haber ningunha pegada tivemos que ir buscando o mellor camiño posible entre as súas grandes fendas.

A noite botóusenos enriba cando aínda estábamos moi altos no glaciar, polo que proseguimo-lo descenso ás escuras, apenas iluminados polos nosos frontais.

O tempo foi empeorando e logo de varios chubascos chegou un momento en que xa non deixou de chover. Sen referencias, buscábamos unha ruta de descenso que nos achegase ó glaciar de Leschaux, dende onde considerábamos que xa non correríamos perigo.

O momento crítico chegou cando logo dun rápel de 60 m., as cordas quedaron bloqueadas e non puidemos recupera-las. Manu dipúxose a subir por elas, pero nese intre a auga que corría por todas partes con cada vez maior intensidade, empezou a arrastrar pedras que caían sobre nós, así que atamo-los cabos a un parafuso de xeo e arreconchegámonos todos xuntos baixo un pequeno voladizo dun serac e dispuxémonos a aguanta-lo que quedaba de noite á espera de que coa luz do día mellorase a nosa situación.

Unha manta térmica e o plástico dunha bolsa grande do lixo protexíannos malamente da caída directa da choiva; sentados sobre as mochilas, as nosas costas apoiábanse contra o frío xeo, e a pouca altura do oco no que estábamos, impedíanos levantar sequera a cabeza para estira-las cervicais.

Cando nos apiñamos dispostos a espera-lo amencer eran ó redor das 2 ou 3 da madrugada, e sabíamos que ás 5; pero nesas condicións foi unha dura proba de resistencia.

Ó amencer aínda seguía chovendo e caendo pedras, polo que esperamos algo máis a ver se paraba ou, polo menos, a que tivéramos máis luz. Cando finalmente nos decidimos, a choiva persistía, pero non podíamos seguir enfriándonos máis. Manu subiu polas cordas os 60 m., xa que o problema resultou estar arriba de todo, e respiramos aliviados cando por fin as recuperamos. Pero non podíamos pararnos, así que, novamente encordados, conseguimos chegar ó glaciar de Leschaux, totalmente empapados, pero sabendo que o peor xa pasara.

O glaciar de Leschaux, a Mer de Glace e Montenvers.

Xa para sempre quedará gravado na miña memoria a imponente impresión que me causou percorrer, nesas primeiras horas do día, ese glaciar cheo de fendas e xucos polos que corría a auga desbordandoo todo, e co atroador son de fondo das fervenzas de auga e lodo que por tódolos lados do circo caían ó glaciar,

Unha paisaxe de auga viva correndo por todas partes sobre o xeo coma o sangue polas veas, a choiva incesante caendo sobre nós, o bramor da auga desgarrando as paredes do circo e arrastrando as súas rochas e terras…

Auga, xeo e máis auga…

O resto do camiño, discurriu pola Mer de Glace, ata que collemo-lo tren de Montenvers cara a Chamonix, e fíxosenos moi longo polo cansancio acumulado, pero non tivemos máis dificultades que a de manternos espertos no vagón do tren. 😉

Naturalmente, logo de todo isto, practicamente durmíamonos de pé, así que preguntamos na Oficina de Información turística de Chamonix, por un aloxamento e fumos dar ó Gîte le Chamoniard Volant, que está nas aforas de Chamonix, practicamente diante da parada de autobús na que durmíramo-la última vez.

Resultou un lugar moi cómodo, no que por 15€ pódese durmir nunha habitación compartida, ou, por 14€ nunha habitación no baixo cuberto con moita máis xente (inclúese no prezo o uso de duchas e cociña con gas).

A nosa aventura polo glaciar non só nos castigou a nós, senón tamén a todo o noso material: luvas destrozadas, cordas, cintas e cordinos cheas de areas e “tocadas”, crampóns romos, mosquetóns desgastados, toda a roupa e botas empapadas,… Así pois, tomámonos un par de días de descanso e decidimos remata-la nosa viaxe cunha escalada en rocha, na arista de Papillons.

Advertisements