Inicio > Alpinismo, Mixto, Neve, Rocha > Intento invernal da Integral de Ubiña, 23 de decembro de 2011

Intento invernal da Integral de Ubiña, 23 de decembro de 2011

2011 Decembro 23

Fotos da tentativa invernal da integral de Ubiña, 23 de decembro de 2011Pois iso, que todo quedou nunha tentativa frustrada 😦
Antes de marcharnos de vacacións a escalar en rocha, Mundi e máis eu achegámonos o segundo día máis curto do ano, xusto logo do solsticio de inverno co que empeza oficialmente a estación invernal.

Xa levaba tempo con gañas se tentar face-la integral de Ubiña (dende os Fontanes ata o Ubiña Grande) en inverno, así que como dispúñamos de dous días, alá fomos…

O día que chegamos, subimos a inacabable pedreira que da acceso ó Prau e ó inicio do cordal e aproveitamos para deixar unha corda e o material de escalada perto dos neveros polos que pasaríamos da pedreira á crista.

Eu non lembraba o penosa que era esa subida, xa que as últimas veces que pasara por aí, sempre había neve e ascendíase moito máis fácilmente que pola pedreira que nos atopamos. Só había neve máis arriba e unicamente nalgúns tramos.

Durmimos no refuxio da Federación Galega en Torrebarrio e, ás 5:45h. púñamonos en marcha dende o centro do pobo. Levounos cáseque 3 horas chegar ó lugar onde a víspera deixáramo-lo material, para equiparnos con el e empezar a parte interesante da actividade coas primeiras luces do día.

Subimos polos neveros ata as pendentes dos Fontanes, e logo de pasar polos seus dous cumes, retornamos á crista para seguir por ela. Había pouca neve, o día estaba totalmente despexado, a previsión do tempo era boa. Só o vento nos molestaba, porque aínda que non era forte, facíanos pasar bastante frío, especialmente cando tiñamos que pasar algún tramo á sombra.

A ratos en libre, e a ratos en ensamble, chegamos ó crestón do Pasu Malu, onde non atopamo-lo rápel, así que destrepamos co máximo coidado e asegurámonos coa corda uns metros pola súas descompostas viras, para volver a encaramarnos á crista que leva ata ó Siete.

Logo seguimos ata chegar ó Tercer Castillín (o primeiro para nós, na orde en que os atoparímos facendo a Integral no sentido que escolleramos), pero aquí decidimos abandoar. Eran ó redor das 12 do mediodía, así que aínda tiñamos unhas 6 horas de luz, que deberan ser suficientes para completa-la travesía -incluso para viandantes lentos coma nós-.

Naturalmente non podíamos marcharnos sen mete-la zoca, así que fiándonos das miñas anotacións, baixamos por un corredor de neve que cae cara o lado asturiano xunto ó Tercer Castillín, pensando que esa era a Pasada del Siete (si, si,… agora xa sei que a Pasada é nos Portillines, non nos Castillines :-), así que non fai falta que me reprochedes a miña ignorancia). Baixamos uns 80 m., antes de chegar a un tramo no que o corredor estreitábase, púñase vertical e aparecía o xeo. Nen sequera miramos que se vía por debaixo…, dimos  media volta e outra vez para arriba. Cando volvimos á crista, aproveitei para botar unha ollada ó lado asturiano, por onde deberíase de seguir para continua-la travesía, pero non vin un xeito claro de gaña-la base do Castillín, para continuar, salvo que montásemos un pequeno rápel.

O caso é que como xa decidiramos regresar, retomamo-lo camiño de volta sen novedade, ata chegar máis ou menos ó Crestón do Pasu Malu, que desta vez superamos con máis seguridade, subindo directamente pola aresta, xa que a roca era moito máis fiable. Pero, en contra das previsións do tempo, resulta que as nubes empezaron a envolvernos e tivemos que continuar baixo unha persistente poalla e con tan pouca visibilidade que tivemos problemas ata para atopa-lo paso entre a aresta e a pedreira do Prau.

Totalmente empapados e na oscuridade, seguimos a senda que baixa a Torrebarrio, onde concluímo-la xornada, deixando absolutamente todo o material e roupa a secar xunto ós radiadores do refuxio, namentras íamos cear a Villasecino (por certo, aviso a navegantes, por eses lares os callos sérvense sós, é decir, sen garbanzos, así que tédeo en conta se, como a nós, o que vos gusta realmente é a legume).

En fin, lástima, pero terei que seguir agardando para face-la Integral de Ubiña. Aínda queda inverno… 🙂

Enlaces con información en:

Advertisements