Inicio > Escalada deportiva > El Chorro, Capileira, Alfacar e Loja (Andalucía), decembro de 2011 e xaneiro de 2012.

El Chorro, Capileira, Alfacar e Loja (Andalucía), decembro de 2011 e xaneiro de 2012.

2012 Xaneiro 7

Fotos de escalada deportiva en Málaga e Granada (Andalucía).Escalada deportiva en Málaga e Granada.

Durante as vacacións de Nadal, pensamos en vez de ir á busca-la neve -que este ano facíase de rogar- podíamos tirar cara ó Sur, para asegurarno-lo bo tempo andaluz, aproveitando que Marga dispuña dun lugar en Vélez-Málaga para aloxarnos. Así que, Marga, Mundi, Beni e eu collemo-los coches, os bártulos de escalada e baixamos pola península ibérica para pasar uns días visitando algunhas zonas de escalada deportiva en Málaga e Granada.

El Chorro, Málaga.

O primeiro lugar que visitamos foi -por suposto- El Chorro (Málaga), que está situada a unha hora e media de Vélez-Málaga (pola estrada A357, pasando por Cártama e Ardales), nunha paraxe natural fantástica chamada Desfiladero de los Gaitanes, que por si mesma merece a pena disfrutar, aínda que non se escale, e que é moi coñecido polo famoso El Caminito del Rey. Neste primeiro día só estivemos nun sector chamado Castrojo, que é onde se concentran o maior número de vías de menor dificultade.

Sectores de escalada de El Chorro, Málaga. Fonte: https://27crags.com/crags/frontales/topos El Chorro ten máis de 1.300 vías repartidas en numerosos sectores, pero a maioría delas esixen dominar un grado alto. Para os que pelexamonos co 6a, non é un sitio que ofreza moitas opcións. Só estivemos un día por aquí, antes de marchar á busca doutros lugares, aínda que volvimos novamente antes de regresar a Galicia, para pasa-los últimos días das vacacións.

Nesa segunda ocasión estivemos noutros sectores como Caliza, que permanecía á sombra durante todo o día, librándonos do inclemente sol. Outro que tamén tiña varias vías asequibles para nós, é a cara Norte do sector Rocabella. Unha das zonas máis recomendables é o sector Las Encantadas, pero como o terreo no que está a parede é propiedade privada, antes de escalar aí, débese de pedir permiso ó dono. Nalgunhas vías faltan a primeira e segunda chapa, ou simplemente están aplastadas.

Tamén achegámonos ata o sector Los Venenos, no comezo do Caminito del Rey, para facer algunha vía de autoprotección, pero empecei erróneamente por unha equipada que resultou máis difícil do que eu podía superar e tivemos que retirarnos sen chegar sequera á primeira reunión.

Por último, fumos ó sector Frontales Bajas, onde se atopa a vía Proyecto Amptrax, probablemente a vía equipada de varios longos máis repetida da escola. Achegámonos a última hora da tarde, só para botarlle unha ollada, así que logo do primeiro longo (unha fácil trepada de III), fixemos un precioso segundo longo de V/V+ completamente equipado, antes de, xa de noite, rapelar ata o pé de vía.

Vista aérea de El Chorro, Málaga.Fonte: http://www.fincalacampana.com/es/donde-estamos.html

En El Chorro, hai unha estación de tren (cun par de paradas ó día), albergue-camping, un complexo turístico con hotel e apartamentos, dous refuxios na mesma aldea perto da estación e varios aloxamentos nos arredores, un bar, un par de tendas de alimentación e produtos varios e unha tenda con material de escalada (nela pódese mercar tamén unha guía con croquis da escola). Por certo, está bastante perto do Torcal de Antequera, unha zona de espectacular paisaxe con máis de 200 vías.

Capileira, Granada.

Capileira é un bonito pobo branco típico das Alpujarras, cheo de fontes e aínda máis enchido de aloxamentos e restaurantes para o turismo. Conta con panadería, caixeiro, farmacia, cuartel da Garda Civil,… O primeiro sector de escalada está a apenas 10′ do pobo. A roca é unha pizarra que está bastante rota e ten unha apariencia bastante dubidosa, pero a escalada resulta moi montañeira, así que a min gustoume bastante. Non hai demasiadas vías e nós non atopamos tódolos sectores, así que non é un lugar para botar máis dun día ou dous. Pasamos bastante frío escalando pola mañá á sombra, porque está bastante alto (1.500 m) e moi perto das neves do Veleta e Mulhacén.

Nos aloxámonos e ceamos no Hotel restaurante Ruta de las Nieves, por 30€ a habitación dobre, e disfrutamos dunha rica cea e almorzo.

Para chegar dende Vélez-Málaga, hai que botar unhas 2 horas por estrada, pasando por Motril, Lanjarón e Orgiva.

Alfacar (Granada).

Esta escola ten moitísimas vías repartidas e pareceunos do máis recomendable. Está apartada do pobo, pero as vías aparecen en varios sectores moi perto da estrada. Hai auga xunto ó sector Cantera, pero cando nós estivemos non era máis que unha charca oculta entre herbas. Seguindo a estrada, máis arriba, hai tamén un camping con bar.

O sector Cantera, ten unha vías teoricamente fáciles, de IV e V, pero están tan pulidas que estou seguro que deben ter máis grado.

Estivemos un par de días nesta zona e aloxámonos en Alfacar, na Hospedería restaurante Ruta de Lorca, por 40€ a habitación dobre, que debe ser practicamente o único aloxamente desta vila, pese a que parece bastante grande.

Loja (Granada).

A pouco máis dunha hora de Vélez-Málaga, está Loja, que conta con dúas zonas de escalada separadas polo mesmo pobo. Un día estivemos na zona de El Hacho, pero só localizamos o Tajo del Diedro e o Peñón de las Cinco, e non fomos capaces de atopar como chegar ós sectores, excepto ó primeiro, que era demasiado difícil para nós.

Ó seguinte día fumos á zona de Las Zorreras, que ten moitísimas vías, aínda que eran moi poucas as que tiñan o grado suficientemente baixo para nós. A roca é unha caliza abrasiva rica en agarres.

Aloxámonos no Hotel restaurante Las Terrazas, na estrada vella Málaga-Granada, por 40€ a habitación dobre, e ceamos bastante ben nun dos varios restaurantes que había perto del.

__________________________________________________________________________________________

A Guía de escalada deportiva Andalucía, de David Munilla, editada por Desnivel, está ben para coñecer moitos sitios e ter croquis de moitas zonas, pero está chea de erros e imprecisións (seguindo as súas indicacións, ata houbo sectores que non fumos capaces de atopar). Hai outra guía, editada por Rockfax, que inclúe outros sectores nas proximidades de El Chorro, pero que tampouco me recomendou o dono da tenda de deportes Aventur El Chorro onde se poden mercar tódalas guías.

Advertisements