Inicio > Escalada en xeo, Sendeirismo / trekking > Fervenzas de xeo de Truchillas e de La Baña – Trevinca (León), 11 e 12 de febreiro de 2012.

Fervenzas de xeo de Truchillas e de La Baña – Trevinca (León), 11 e 12 de febreiro de 2012.

2012 Febreiro 12

Fotos das fervenzas de xeo de Truchillas e de Trevinca (León), 11 e 12 de febreiro de 2012Ata fai uns días, para escalar en xeo perto de Galicia, só coñecía da existencia das fervenzas de Trevinca, ós pes do Picón, no cordal do Peña Trevinca. Sen embargo resulta que hai outras bastante perto, na Sierra de La Cabrera, tamén en León, no Lago de Truchillas.

Cando me enterei delo busquei algo de información por Internet e pensei en aproveita-las extremadas baixas temperaturas destas dúas semanas para ir un día a Trevinca e outro a Truchillas. Manu, que foi quen soubo delas falando cuns leoneses cos que coincidira o anterior fin de semana escalando nas fervenzas de Trevinca, levoume o sábado ata Truchillas para botarlles unha ollada e o domingo fun con Beni ás outras.

Fervenzas de Truchillas.

Ruta ó Lago de Truchillas. Fonte: http://www.rutasleonesas.com/2010/11/ruta-del-lago-de-truchillas.html

No mapa vese a ruta ata a lagoa de Truchillas, pero tamén pódese ver un pouco ó NE, a ubicación de El Doladeiro.

As fervenzas son duns 50 m., e están xunto á coñecida lagoa (1.700 m.) que está ós pés do Vizcodillo (2.122 m.), e chégase a ela nunhas dúas horas de fácil camiño. A ruta do Lago Truchillas comeza á saída do pobo do mesmo nome, nunha zona habilitada como merendeiro, cun aparcadoiro e unha fonte de pedra. O percorrido comeza nunha pista sinalizada, segue atravesando o río Lago por unha par de pontes de madeira e logo continúa por unha senda en ascenso, na zona coñecida como Costomillón. Por riba do lago está a Laguna de Truchillas, e o Pico Vizcodillo.

A orientación Este das fervenzas e o feito de que non estén protexidas do sol fainas moi delicadas. Tanto é así, que aínda que chegamos antes das 10:30h. da mañá, estivemos esperando cáseque 4 horas a que lles dera algo de sombra para que, alomenos correra menos auga e as estalactitas que pendían sobre as vías “parecesen” máis seguras. Segundo o criterio de Manu, estas fervenzas están en mellores condicións a principios do inverno, cando a forza do sol non as afecte tanto. Neste caso, dado que o sol lles estivo dando dende que saiu, resultaba millor esperar ás últimas horas do día para escala-las, cando o sol xa non incidía directamente nelas e o frío volvía a fortalece-las.

Fervenzas de xeo do lago de Truchillas. Fonte: cmb.forogratis.es/cascada-lago-truchillas-t176.html

A principal debe sé-la número 2 da foto. A liña númeo 3 ten uns 50 metros e é moi vertical. Fórmanse unhas pequenas fervenzas tumbadas á esquerda destas 3 liñas.

As fervenzas de TruchillasFixemo-la liña de máis á dereita, pero sen o último tramo que sae por arriba, xa que non tiña boa pinta. Aproveitamos un par de cravos na parede da esquerda para montar neles a reunión e baixarnos. Logo estivemos un rato practicando no contraforte xeado do extremo esquerdo, antes de regresar a Truchillas a xuntarnos con Mar e Beni.

Para durmir nas proximidades:

  • En Truchas, hai unha señora que aluga algunha habitación da súa casa; preguntar no Bar.
  • En Encinedo, hai un mesón con habitacións.
  • En Quintanilla de Losada, hai un hotel restaurante.

Máis información sobre como chegar:

Fervenzas de La Baña, en Trevinca.

O Domingo Beni e máis eu achegámonos ata o circo glaciar no que están as fervenzas e a Laguna de Lagunallo, onde nace o Arroyo de Cuadro xunto ó que vai a senda que nunhas dúas horas une as fervenzas coa localidade leonesa de La Baña.

Ubicación das fervenzas de xeo de TrevincaHai unha certo lío coa denominación deste circo, xa que en xeral confúndese co circo onde está a Cascada de la Fervienza. De feito, hai unha senda que sae dende La Baña ata esa fervenza, que se pode seguir (na súa variante da dereita, que segue subindo en lugar de baixar cara ó río Cabrera) ata chegar a unha bifurcación, na que hai que abandona-la ruta sinalizada e seguir pola senda da dereita. Máis adiante nunha nova bifurcación, na que xa se vislumbra ó lonxe, o circo ó que nos diriximos, tómase a da esquerda para ir penetrando na parte alta do val das fervenzas.

Logo da camiñata, estivemos practicando un pouco ós pes da Pídenos Permiso, pola que se vía correr bastante auga, antes de regresar de novo a La Baña.

Este circo está casi permanentemente en sombra, o que fai que as temperaturas se manteñan bastante baixas, así que cando as fervenzas se forman, pódense escalar durante practicamente todo o día.

As fervenzas de Trevinca.Aqueles anos que se forman tódalas liñas, hai ata 6 vías no circo:

  • Pídenos Permiso, III-4, 105 m. A máis longa, está situada na parte esquerda do circo.
  • Divine, II-3, 30 m. Curta cascada por riba e á esquerda de Xelo’s Fiestra.
  • Xelo’s Fiestra, III-4+, 90 m. A clásica e máis recomendable.
  • Fervenza Free, III-5, 75 m. Á dereita de Xelo’s Fiestra. No primeiro longo é onde estánn os pasaxes verticais máis mantidos.
  • Terminator 3, IV-4, 85m. Tres longos, pero só os dous primeiros son de xeo: L1: 80/85, 35 m – reunión incómoda, L2: 70/75, 50 m – reunión boa, nun bloque de pedra, L3: dependendo dos anos pode ser máis de matogueiras e neve.
  • Orgasmo Senil, II-4+, 15 m. Na parte inferior dereita do circo.

Máis información:

Advertisements