Peña Ubiña por canle suroeste e Elixir de la Suerte, Ubiña (León), do 18 ó 22 de febreiro de 2012.
A semana anterior caera unha nevada importante que conseguiu cubrir nunha soa noite todo o macizo de Peña Ubiña, así que aproveitando as vacacións do Entroido, Beni e máis eu achegámonos ata alá.
O Sábado chegamos xa tarde, así que simplemente subimos ata a base da Pasada de Puerta de Arco para ver como estaba a neve no paso e botar unha ollada á diagonal que une a base da parede co Tercer Castillín. Non sabía que existía esa conexión entre os Llanos del Fontán e o Castillín, ata que fai uns días mo comentara Manu, así que quería ve-lo por se tivese que utiliza-lo algunha vez para outra retirada da tentativa da Integral de Ubiña, como a que fixéramos fai unhas semanas.
Durmimos no refuxio da Federación Galega en Torrebarrio e, o Domingo non madrugamos. Tiña pensado tentar Elixir de la Suerte, na cara Suroeste do Ubiña, e como a víspera vira que había bastante neve e pensaba que a noite sería fría, contaba con que estaría en boas condicións. Pero resultou que esa noite entraron nubes e néboa e ata estivo chovendo algo, así que non foi demasiado fría. De feito, namentras ascendíamos ata o pé do corredor, estivo orballando e o día foise volvendo máis desapacible. Máis arriba a choiva converteuse en pequenas folerpas de neve e ó chegar ó inicio do corredor resultou que a neve era demasiado escasa e branda para empeza-la vía. Estivemos un rato mirando como supera-lo primeiro tramo, pero cada vez caían máis trozos de xeo e neve procedentes dos tramos superiores da ruta, e nas paredes empezaban a formarse chorreiras coa auga procedente da desconxelación da neve, así que decidimos retirarnos.
Así e todo achegueime tamén ata o comezo do Corredor de la Aguja, só para comprobar que estaba en similares condicións e que, ademais, non tiña nada de xeo no seu primeiro resalte.
Vista a situación, volvímonos ó refuxio a Torrebarrio, namentras que o día foise despexando e o sol acabou por gaña-la partida ó mal tempo.
Para esa noite esperábase que volvese a facer moito frío e que despexase completamente o ceo, así que pensamos en ascender ó Ubiña pola Normal do Collado de Ronzón, e tentar descender pola crista ata a Pasada de Puerta de Arco.
Ascenso ó Peña Ubiña polas canles suroeste (III/2, 50º, 500 m).
Saímos de mañá con bastante fresco pese a que o sol non tiña a pantalla de ningunha nube. Ó chegar ó alto de Chandanai (nos mapas figura como Llandanay, pero pregunteille a un paisano polo topónimo e el pronunciouno como reproduzo, e asegurou que sempre foi así como o chamaron), desviámonos pola senda da dereita que vai cara a Collado del Ronzón.
E cando tivemos á vista as canles da cara suroeste do Ubiña Grande, puxémono-los crampóns e empezamos a ascender por unha delas, evitando os resaltes e tramos onde aparecese a rocha.
A neve era abundante e consistente, así que progresamos sen problemas sempre por ela, ata un último resalte rochoso polo que gañamo-la aresta nun punto en que se pasaba á vertente do Canalón Suroeste. O certo é que non teño moi claro se saímos á aresta antes de tempo desviándonos demasiado á dereita, ou se realmente rematamo-la canle no seu punto máis alto.
Xa na aresta seguimos ata o cumio e logo baixamos polo Canalón Suroeste, sempre longo e pesado baixo o inclemente sol , pero que ofrece un descenso bastante seguro e directo para regresar a Torrebarrio.
Elixir de la Suerte (III/2, 50º, M3, AD, 550 m).
O corredor máis asequible da vertente Noroeste resultou moito máis complicado do esperado 😉 Polas informacións que tiña, non esperaba que a nosa progresión resultase tan lenta, nin pensei que necesitaramos áncoras de neve (que houberan vido ben, sobre todo na pala final, para non depender dos escasos puntos de seguro da rocha), así que fumos cunha soa corda, un piolet cada un (aínda que eu levei outro na mochila), un par de parafusos de xeo (que non houbo ningunha oportunidade de poñer pola total ausencia de xeo en todo o percorrido), tres cravos (que non tiveron lugar onde encaixar), un xogo de fisureiros e de friends pequenos, ademais das correspondentes cintas, cordinos e mosquetóns.
Ás 10:30h. da mañá estabamos ó pé do corredor vendo como no seu comezo non había demasiada neve, nin dura de abondo como para subir con comodidade polo seu primeiro tramo de mixto. Así que no primeiro lugar en que tivemos ocasión encordamonos para chegar á primeira reunión composta de dous cravos unidos por un cordino.
Dende aí, fixemos outro curto tramo por neve ata unha rocha na que aproveitamos un cravo con cordino para monta-la seguinte reunión.
O seguinte longo empezaba por neve e logo atravesaba un resalte en mixto no que non había xeito de poñer ningún seguro intermedio, así que levounos moito tempo dar uns poucos pasos por el, debido á escasa e mala neve que apenas cubría as rochas do chan. E logo, para rematar, tampouco a reunión que montamos resultaba fiable, así que este longo e o seguinte resultaron bastante tensos xa que non podíamos permitirnos unha caída.
Esa foi a tónica nos seguintes longos: reunións precarias nunha pésima rocha que non ofrecía fendas nas que meter algún friend, ou sequera un cravo, e tramos de mixto con escasa e deleznable neve, nos que perdíamos moito tempo. Tanto foi así que, non acadamo-la pala de neve que ascende directamente dende a metade da vía á aresta, ata as 19:30h., coas últimas luces do día.
A partir de aí, o resto do corredor discurriu por catro ou cinco longos de neve cun pequeno tramo mixto nun estreitamento practicamente ó final. Aínda que a neve estaba ben e a inclinación non era excesiva, non quixemos correr riscos, así que seguimos na escuridade, progresando encordados por longos durante as 3 horas que áinda tardamos en acada-la aresta, ás 22:30h.
Decidimos baixar polo Canalón suroeste, aproveitando que a víspera xa o percorreramos, polo que tiñamos claro o seu estado. Con todo, non chegamos a Torrebarrio ata as 3:15h da madrugada, así que é facil supoñer como saboreamo-la sopa de sobre que nos fixemos no refuxio antes de deitarnos. ¡Suculenta…! ;-D
Enlaces con información en:
-
2015 Xaneiro 3 ás 00:50Corredor de la Aguja e Elixir de la Suerte, Ubiña (León), do 29 ó 31 de decembro de 2014. | Trepadas: alpinismo, montañismo, escalada e aventura