Inicio > Alpinismo, Mixto, Neve, Rocha > Curso de Alpinismo-Corredores da EGAM (Escola Galega de Alta Montaña), en Ubiña, o 25 e 26 de marzo de 2012

Curso de Alpinismo-Corredores da EGAM (Escola Galega de Alta Montaña), en Ubiña, o 25 e 26 de marzo de 2012

2012 Marzo 25

Fotos de Curso de Alpinismo-Corredores da EGAM en abril de 2012.Curso de Alpinismo-Corredores da EGAM (Escola Galega de Alta Montaña).

Durante a fin de semana Beni e eu fixemos un curso de alpinismo en corredores realizado pola Escola Galega de Alta Montaña (EGAM) en Ubiña (León).
Estaba dirixido a persoas con experiencia alpina que desexasen mellora-las técnicas de protección, progresión, e seguridade de alpinismo de dificultade.

Participamos 8 persoas e contamos cuns profesores de excepción: o director do curso era Jose Romay, “Josito”, e os outros dous técnicos eran Juan Goyanes e Gustavo Vázquez, “Gus”. -Todo un luxo…-
Durante a primeira xornada achegámonos ata os Llanos del Fontán, onde repasamos nocións básicas de alpinismo, autodetención, emprazamento de seguros e  montaxe de reunións en neve e rocha. Tamén comentaron algún material técnico específico e explicaron as técnicas de progresión en cordada por terreo alpino de dificultade. Logo dalgunhas prácticas en neve e rocha, rematamos no refuxio da Federación Galega de Montañismo en Torrebarrio cunha charla sobre táctica e estratexia.
A segunda xornada dividímonos en tres cordadas, e repartímonos por un corredor distinto cada unha controladas por cadanseu profesor. Uns fomos ó Catoute, outros ó Carvelino e os outros coido que ó Corredor del Espolón. Lamentablemente as condicións non eran as óptimas, xa que non había xeo e nalgúns tramos tamén escaseaba ou faltaba a neve. Pese a elo disfrutamos dun fantástico día na montaña e a práctica nos corredores de Ubiña foi moi instructiva baixo a supervisión de tan excepcionais técnicos.

O corredor Carvelino (225m, 60 graos, III/2+ IV-) foi aberto por en 1991 por Juan Goyanes (co que agora nos adentrábamos nel), José Francisco, Eva e Toli (info publicada por Juan Goyanes, no ano 2001, na revista Desnivel nº 172, páxina 89). Son 5 longos, dos que nós non fixemo-lo último, que é onde está unha cheminea co paso de IV+ e que remata na crista cunha reunión equipada, dende a que normalmente inícianse os rápeles para descender pola mesma vía. Tódalas reunións están no lado esquerdo do corredor, no sentido de ascenso.

O primeiro longo é duns 50 m. e empeza superando un pequeno resalte antes de continuar por un tramo de neve, para rematar montando a reunión nunha fenda vertical con dous cravos, que pode reforzarse metendo algo máis noutra fenda paralela. O segundo longo é de 50 m. moi xustos (hai que levar cordas de 60 m. para evitar problemas), e segue por neve, supera outro breve resalte e remata montando reunión sobre dous cravos que non dan demasiada confianza. O terceiro longo empeza practicamente cun novo resalte algo máis pronunciado e longo que os anteriores, e chega, cáseque 50 m. máis arriba a unha reunión conformada por un espit e un cravo. O cuarto longo escomeza ós pés dun novo resalte algo máis vertical e difícil que os anteriores e, que como neles, tamén estaba sen neve. A reunión á que se chega ten un espit e un cravo, e dende ela vese a cheminea que polo lado dereito do corredor leva ata a crista, e que onde está a maior dificultade da vía (IV+),

Nós, sen embargo, rapelamos dende esta penúltima reunión, unha vez “acadados os últimos obxectivos militares…” 😀

Enlaces de interese:

Advertisements