Inicio > Escalada deportiva > La Marxuquera e Tallat Roig (Valencia), e Sella (Alicante) abril de 2012.

La Marxuquera e Tallat Roig (Valencia), e Sella (Alicante) abril de 2012.

2012 Abril 6

Fotos de escalada deportiva en La Marxuquera e Tallat Roig (Valencia) e Sella (Alicante).Escalada deportiva en Valencia e Alicante.

En Semana Santa dispuñamos dun aloxamento en Valencia, así que Beni e máis eu decidimos darnos unha volta por aí a probar  algunhas das súas moitísimas zonas de escalada.

Dende Vigo a Valencia hai uns 1.000 quilómetros que percorrimos nunhas once horas de condución por estrada. E unha vez aló, tivemos sorte co tempo porque estivo algo anubado, así que non sufrimos demasiado a forza do sol nas paredes.

La Marxuquera (Valencia).

Antes de saír de Galicia preguntamos a algunha xente que zonas coñecían perto da capital valenciana e un dos lugares que nos recomendaron foi La Marxuquera, a uns 60 Km de Valencia e ó redor dunha hora por estrada. Para ir ós sectores de escalada non é preciso ir ó pobo; ó pasa-los túneles da nacional N-334 á altura de Gandía sae un desvío en dirección a Barx, que se toma para, a uns 3 quilómetros coller un camiño asfaltado á dereita que ó pouco déixnos baixo a parede, xunto a uns campos de laranxeiros. Pódese aparcar nos laterais do camiño, sen obstaculiza-lo, xa que é unha zona de paso.

Esta parede, que está nun alto dende onde se disfrutan dunhas boas vistas dos campos cheos de laranxeiros que cubren todo, ten un cómodo acceso xa que só hai que ascender 5 minutos dende que se deixa o coche ata á súa base.

O grao das vías pareceunos bastante esixente, así que non nos atrevimos a tentar máis alá do V+.

Tallat Roig (Valencia).

No Tallat Roig, só estivemos no sector Big Wall, pero coido que é un lugar recomendabilísimo. Ademais de teitos e vías de dificultade, tamén había vías de varios longos de grado asequible (IV e V) tanto para deportiva como para clásica, nunha caliza xenerosa en agarres, e nun lugar no que disfrútase dunhas preciosas vistas…

A verdade é que disfrutamos dunha escalada moi montañeira e a única pega que lle puidemos poñer é que cando o sol pega, a calor é pode resultar abafante.
Sectores de Tallat Roig (Valencia). Fonte: http://www.enlavertical.com/escuelas/view/49Para chegar á zona de escalada dende Valencia (uns 50 quilómetros que se percorren nuns 40 minutos), pódese colle-la autovía A7 con dirección a Alicante, e saír na primeira indicación de Alzira, logo seguir cara ó Hospital de la Ribera. Na rotonda do hospital tómase a saída a Corbera e Favara e séguese pola estrada ata un desvió á dereita cun cartel pouco visible que indica cara ó cemiterio e Paraje de la Murta. Ó chegar ó cemiterio tómase o desvío á esquerda para deixa-la entrada do cemiterio a man esquerda e séguese recto, pásase por unha chamativa rotonda cunha fonte no lado dereito e chégase a un desvío no que se toma rumbo a Aixavegó Alt, para subir por unha pista de formigón pola que chégase ó seguinte desvío, no que séguese en dirección Solana. Nunha curva á esquerda na que finaliza a pista de formigón, déixase o coche para subir a pé por unha pista de terra durante 5 minutos ata atopar unha senda á esquerda (hai que estar atento para non pasa-la), na que, un poco máis arriba hai unha estaca de cemento cun indicador de “T. ROIG“, pola que se ascende suavemente durante uns 10 minutos arrodeando a parede ata a súa parte central, por onde se chega á rocha.

A apenas un par de quilómetros hai outra escola, Corbero, á que non nos achegamos pero que pode ser interesante para aproveita-la viaxe á zona, se se botan varios días.

Sella (Alicante).

Sella é a zona máis coñecida das que visitamos, e, á vista do seu gran número de vías e da beleza do lugar no que se atopa, é moi comprensible. Ata a zona de escalada hai uns 140 quilómetros dende Valencia que se percorren nunhas 2 horas por estrada. Dende o cemiterio de Sella restan 4 quilómetros e 10 minutos ó refuxio de Font de l´Arc, que xa non funciona como tal por problemas coas esixencias da normativa para este tipo de establecementos; sen embargo, pódeselles pedir un sitio para durmir, sen que poñan ningunha pega, a cambio de “la voluntad” 😉 (nós dímoslles 2´5€ cada un, por unha noite). Tamén hai varias explanadas a ambos lados da pista que vai dende o refuxio ós distintos sectores, nas que é habitual que a xente estacione coas súas furgonetas para pernoctar ou quedarse varios días pola zona.

Para chegar dende Valencia, pódese colle-la autovía A7 e logo de Llanera de Ranes, seguir en dirección ó Muro de Alcoy e Cocentaina. Á altura desta última localidade cóllese a estrada CV70 que, pasando por Benilloba e Alcoleja, chega a Sella. Unha vez neste pobo de estreitas rúa, séguese ata o cemiterio e pásase por diante do mesmo seguindo a estrada durante 4 quilómetros máis ata o refuxio de Font l´Arc.

A escola está nun precioso val cuberto de bosques que chegan ata a base das súas paredes, así que en moitas vías pódese asegurar á sombra. Non hai croquis actualizados da zona, xa que dende a última edición, feita precisamente polo refuxio de Font de l´Arc, abríronse numerosas novas vías. Asemade, tamén hai vías de varios longos e diferentes estilos nas próximas paredes de El Peñón del Divino e  de Alt de Tafarmach, situadas a ambos lados da escola. Nesta última parede vimos 4 ou 5 cordadas escalando, aproveitando a súa orientación á sombra.

As vías máis fáciles están moi “lavadas”, así que non son as máis recomendables, porque a falta de adherencia nalgúns pasos, coido que as fai máis duras do que o seu grao indica (por exemplo, claramente no lado dereito do sector Cabeza de Rino).

Advertisements