Inicio > Difusión/Divulgación, Escalada clásica ou de autoprotección, Escalada deportiva > Saída de escalada do Club Alpino Ourensán a Rabanal de Luna, Pincuejo e Peñas del Prado, 12 e 13 de maio de 2012

Saída de escalada do Club Alpino Ourensán a Rabanal de Luna, Pincuejo e Peñas del Prado, 12 e 13 de maio de 2012

2012 Maio 13

Fotos da saída de escalada do Club Alpino Ourensán a Rabanal de Luna, Pincuejo e Peñas del Prado (León), 12 e 13 de maio de 2012.

Como preparación para a futura ascensión simultanea ó Urriellu, por varias cordadas do Club Alpino Ourensán, Lucas, Víctor e Mar convocaron unha saída de escalada polas escolas de Cuatro Valles, na comarca de Babia (León).

E como a convocatoria tivo moito éxito, máis de vinte persoas enchemo-lo refuxio de Torrebarrio durante un par de noites e copamo-los sectores de escalada aló onde fomos. 🙂

O primeiro día achegámonos ata Rabanal de Luna, e namentres uns adicábanse a escalar pola zona, aqueles que quixeron aprenderon e practicaron as técnicas básicas de aseguramento e descenso, necesarias para a escalada clásica. Primeiro fixéronse unhas prácticas na base das vías e logo aproveitouse o seu equipamento para aplica-lo aprendido realizando algunhas escaladas coa máxima seguridade.

Croquis do Pincuejo. Fonte: http://www.foropicos.net/viewtopic.php?t=10465

Unha vez visto todo o necesario achegámonos ata a Peña del Picuejo, onde cada cordada fixo unha vía de varios longos, na que aplica-las técnicas aprendidas. Así, Lucas, Mero e Chicho escalaron La Línea Blanca (MD inf, V, 120 m); Víctor, Isabel e Miguel tamén a fixeron máis tarde; Mundi e Marga escalaron o Espolón Pioneros (MD inf, V, 110 m); Tino e Beni fixeron Los Nichos (MD, 6a, 110 m); Manu, Míriam e Jou escalaron El Placer (MD, 6a+, 140 m); e nós, Alfonso, Samuel, Elías e eu, fixemo-lo Gran Diedro (MD inf, V+/6a, 110 m), unha vía de 3 longos, que poderíase facer en só dous, unindo nunha mesma tirada os dous primeiros. ¡Toda unha horda invasora! 🙂

Croquis de Lago de Luna, Peñas del Prado. Fonte: http://www.elmaquis.net/escaladas/webesroca/penasprado-lagoluna.htmÓ día seguinte fomos a Peñas del Prado para continuar practicando a escalada clásica de varios longos nun lugar distinto e con moitas máis vías. Novamente fixéronse varios grupos e cada un escolleu diferentes obxectivos, creándose un gran ambiente, xa que por todas partes do sector de La Collada había xente escalando. Lucas, Chicho e Mero completaron a escalada de Lago de Luna (D, 240 m), por detrás da cordada de César e Fran (que non sendo do noso Club, atopáronse rodeados por nós); Víctor e Miguel, por un lado, e Samuel, Alfonso e eu, polo outro, fixemos cadansúa vía, pero non teño claro cales eran xa que penso que fumos pasando dunha a outra sen decatarnos (coido que eles fixeron Gatos Pretos e nós Martes Trece); Tino e Beni fixeron os dous primeiros longos da Lago de Luna e logo seguiron outro par de longos máis pola Entre Amigos (MD inf); Manu, Pili e Jou déronse a volta na Arista de los Cuervos (D sup) e empezaron Lago de Luna; e Alfonso, Mundi e eu, fixemo-lo primeiro longo de Entre Amigos.

Para remata-la xornada, antes de emprende-lo regreso a casa, concentrámonos no bar de Villafeliz onde “tomámoslle” algo e despedimonos, ata a vindeira, que probablemente sexa cando vaiamos ó Urriellu.

El Gran Diedro (MD inf, V+/6a, 110 m), Peña del Pincuejo, León.

Croquis Gran Diedro, Peña del Pincuejo. Fonte: http://interbenavente.es/not/5132/pena-del-pincuejo-el-gran-diedro-y-los-nichos-A nosa cordada de cuarteto, Alfonso, Elías, Samuel e eu,  fixemo-la vía en 3 longos:

  • O 1º (30 metros, IV/IV+ e un paso de V sobre placa). Ten un par de parabolt, un cravo e a reunión con 2 parabolts.
  • O 2º (30 metros, IV/IV+ e un paso de V). Ten 2 parabolts e un arbusto para lazar, e a reunión conta con dous parabolts con cadea e anelas. Estes 2 longos pódense empalmar sen problema.
  • O 3º (50 metros, V cun paso de v+ na entrada do diedro e outro de V+/6a, a metade do diedro). Hai bastante canto para pes e mans, e os dous pasos máis difíciles estan protexidos. A reunión é de dous parabolts con anelas.
  • Rapélase pola mesma vía en 2 tiradas de 50/60 metros.
  • Atención ó primeiro rápel, porque é fácil que o nudo das cordas se atasque nalgunha das fendas que hai xunto á reunión. A nós pasounos e tivemos que ascender medio longo por elas para conseguir libera-las.

Máis información de vías na Peña del Pincuejo:

Advertisements