Inicio > Difusión/Divulgación, Escalada clásica ou de autoprotección > Saída de escalada do Club Alpino Ourensán ó Urriellu, 23 e 24 de xuño de 2012.

Saída de escalada do Club Alpino Ourensán ó Urriellu, 23 e 24 de xuño de 2012.

2012 Xuño 24

Fotos da saída de escalada do Club Alpino Ourensán ó Urriellu (Asturias), 23 e 24 de xuño de 2012.

Aló polo mes de marzo, Víctor e Lucas fixeron unha audaz proposta de actividade para o Club Alpino Ourensán: a escalada do Urriellu polo maior número posible de membros do Club.

Con este obxectivo fíxose unha saída preparatoria previa de escalada polas escolas de Cuatro Valles, na comarca de Babia (León), na que participamos máis de vinte persoas.

Con tan alta participación era previsible que tamén fósemos moitos os que nos animaramos a achegarnos ó Urriellu. E así foi; logo do cambio da data prevista inicialmente, e do traballo de organización de Víctor e Lucas, todo quedou preparado para a fin de semana do 23 e 24 de xuño.

Algúns achegáronse xa o xoves ata a Vega de Urriellu, pero a maioría chegamos o venres, nunha xornada de poalla que, afortunadamente, cambiou radicalmente ó seguinte día, no que o sol acompañounos dende primeira hora.

As cordadas e vías xa estaban predefinidas, e aínda que houbo algún cambio de última hora, cada grupo foi saíndo á hora escollida cara ó seu obxectivo, todos pola Canal de la Celada, pero esparcíndonos logo polas caras Norte, Este e Sur do Picu.

A véspera xa houbo quen se adiantara, como Joaquín e Manuel Xosé, que fixeran a Directa de los Martínez, ou Lucas e Víctor, que fixeron un par de longos da Rabadá-Navarro, pero o Sábado era o “gran día” escollido para o asedio. Naturalmente, non estabamos sós, xa que o refuxio e os seus arredores estaban cheos de xente igual de ansiosa por percorrer algunha das numerosas vías que surcan as paredes do Picu Urriellu. Así, aínda que tódalas nosas cordadas completaron cadansúa vía, os “atascos” nalgunhas delas provocaron que non puideramos coincidir todos no cume como houbera sido o noso desexo, de tal xeito que namentras os que ascenderon polas vías menos transitadas, tiveron tempo ata de toma-la sesta no cume, outros rematamos chegando ó refuxio xa de noite e devorando os garavanzos da cea tres horas despois de que pecharan o comedor e xa co refuxio ás escuras.

Ó día seguinte, logo da histórica foto de rigor, Lucas subiu con Elías e Óscar, que non estiveran a véspera, pola Directa de los Martínez, Manu e Ernesto ascenderon coma raios pola Sagitario, e Víctor, Beni e eu aproveitamos para estira-la xornada pola vía Víctor.

En resumo, as vías escaladas e os/as socios/as do Club que ó longo destes días as realizaron, son:

Cordada Primeiros/as Segundos/as Vía
1 Joaquín Manuel Xosé Directa de los Martínez
2 Manu Beni Teógenes
3 Mundi Marga e Félix Directa de los Martínez
4 Joaquín Indi Pidal-Cainejo
5 Ernesto Miguel Amistad con el Diablo
6 Víctor Pedro e Isa Nani
7 Lucas Mero e Chicho Vuelo del dragón + Nani
8 Tino David Nani
9 Ricardo Samuel e Alfonso Martínez-Somoano
10 Manu Ernesto Sagitario
11 Lucas Elías e Óscar Directa de los Martínez
12 Ricardo e Víctor Beni Víctor

Martínez-Somoano (MD inf, V+, 260 m), Picu Urriellu, Asturias.

Croquis da Martínez-Somoano (Urriellu).A vía propiamente dita ten 6 longos logo dos que pódese rapelar pola Espejismo de Verano ou continuar dous longos pola Cepeda e pasar polo furado ó anfiteatro da cara Sur, para rapelar polas instalacións dese lado. A nosa cordada compuñamo-la Alfonso, Samuel e eu,  e decidimos saír polo furado do anfiteatro.

A 1ª ascensión fixérona o 14 de agosto de 1974 Tomás Martínez Carretero e Juan Luis Somoano García, sendo a primeira vía que ascendía pola cara Este, que era a única que, ata daquela, non contaba con ningún itinerario.

  • 1º longo (40 metros, III+). Por canalizos ata a 1ª reunión, por riba da gran lastra. Esta reunión é común coa Amistad con el Diablo, aínda en realidade, a orixinal da vía faríase algo antes, pero é millor face-lo así para aproveitar que aí hai 2 parabolts.
  • 2º longo (50 metros, IV). Sáese cara á dereita por canalizos nos que hai un paso de travesía para pasar dun a outro, ata unha pequena terraza ó pé dun diedro. A reunión orixinal está a metade deste longo, pero agora séguese ata un pequeno cómodo saliente no que é posible lazar un par de bloques.
  • 3º longo (30 metros, IV+/V). Súbese en bavaresa vertical, por un diedro cun cravo que é protexible con friends, e remátase bordeando un gran bloque pola esquerda (pola dereita tamén se pode). A reuníon faise enriba dun gran bloque con 2 cravos que tamén pódese lazar, algo precariamente, e aínda que de pé, resulta cómoda.
  • 4º longo (50 metros, V+/6a). Descéndese en travesía á dereita ata chegar a un cravo e logo súbese para seguir en bavaresa protexible ata un cravo. Séguese por un muro con chorreira negra protexida por unha chapa, logo dun pequeno nicho con 2 cravos moi inseguros (eu equivoqueime e fun demasiado á dereita seguindo unha liña de 3 chapas -creo- da vía Pájaro Loco, antes de rectificar). Séguese por unha placa tumbada de canalizos, protexible por fenda ata un parabolt cun paso de adherencia para chegar á reunión (tamén aquí equivoqueime, porque metinme polo diedro da dereita en vez da chorreira -que pegado á parede non se distingue ben-, e tiven que destrepar algo para rectificar). A cómoda reunión faise nun gran nicho cunha chapa e unha boa ponte de roca xa lazada cun vello cordino.
  • 5º longo (40 metros, V+). Sáese do nicho en travesía descendente á esquerda, ata unha pequena repisa dende a que xa se observan as chapas de Amistad con el Diablo. Séguese pola placa en travesía ascendente á esquerda, puidendo chapar un dos parabolts da vía citada -coido que debe de se-lo último antes da súa reunión- e un cordino metido nuns furados que forman unha ponte de roca, e séguese con tendencia ascendente buscando a imprecisa ruta pola placa -deixando moi perto, á dereita, a reunión de Amistad con el Diablo- ata acada-la fenda protexible dunha lastra pola que ascender enriba dunha plataforma que serve de cómoda reunión. Dita reunión está sobre a plataforma da lastra e ó pé dun diedro, contando cun cravo facilmente reasegurable con friends.
  • 6º longo (45 metros, V). Ascéndese por un diedro facilmente protexible ata un nicho cun cravo e ponte de roca. Logo séguese en travesía á dereita ata unha ampla plataforma inclinada na que xa se pode aprecia-la reunión formada por 2 spits unidos por un cordino. Sen embargo é millor seguir cruzando a plataforma, apenas 6 metros máis, ata uns bloques, enriba dos que se monta a comodísima 7ª reunión da Cepeda, nunha ponte de roca.

Croquis Martínez-Somoano (Urriellu)

  • 7º longo (40 metros, IV). Séguese verticalmente ata penetrar no interior dunha cheminea que se percorre ata o seu remate e logo verticalmente por unha placa de canalizos que remata nunha repisa baixo o desplome do paso Rompetobillos. Atención ó roce das cordas, porque as cordas tiran moitísimo unha vez na placa.  A moi cómoda reunión está conformada por 3 cravos, un par de metros embaixo do desplome.
  • 8º longo (25 metros, V+/6a). Un parabolt con cordino protexendo a fenda que bordea o desplome, indica a ruta a seguir. Desta vez non tiven forza de brazos de abondo para superar en libre o paso Rompetobillos, así que logo dunha perigosa caída na que fíxenme bastante dano nun xeonllo, aínda tiven que sufrir para supera-lo en artificial metendo tres ou catro friends. Salvado o paso xa só resta seguir pola evidente fenda uns poucos metros máis ata chegar a un pequeno furado á esquerda que da paso, con bastantes dificultades para colarse, ó anfiteatro Sur. A reunión ten dous parabolts, é cómoda, pero ó estar xa na outra cara do furado, non permite ve-la progresión dos compañeiros.
  • No 4º longo hai que ter coidado para non despistarse e irse demasiado á dereita seguindo as tentadoras chapas de Pájaro Loco, así como para distingui-la chorreira negra e non meterse demasiado polo diedro da dereita.
  • Asemade, a travesía do 5º longo é moi difícil de intuír e resulta bastante exposta pola falta de seguros intermedios.
  • Rapélase buscando as 5 reunións de Espejismo de Verano, aínda que para elo hai que descender un longo pola Cepeda ata o tinglado. A mellor opción é a de continuar dous longos pola Cepeda e pasar polo furado ó anfiteatro da cara Sur, para rapelar polas instalacións dese lado.

Máis información da Martínez-Somoano:

Víctor (D inf, IV+, 180 m), Picu Urriellu, Asturias.

O 31 de agosto de 1916 Víctor Martínez Campillo, natural de Bulnes e quen sería o primeiro guía do Picu, abriu esta vía no que foi a terceira ascensión tra-la da Pidal-Cainejo e a Schulze.

Croquis de Víctor e Directa de los Martínez (Urriellu). Fonte: http://deaquinopasamos.blogspot.com.es/2012/07/via-directa-de-los-martinez-200m-d-v.htmlPosteriormente, os seus fillos fixeron unha variante máis directa, que evitaba os dous primeiros longos e proseguía en común polos restantes.

  • L1 (40 m, IV+). Comenza á esquerda da vía Directa de los Martínez. Sube por unha fenda con tendencia á esquerda e pronto continúa cara á dereita baixo un desplome alaranxado, para acadar cara á ezquerda una lastra, sobre a que se fai reunión con dous cravos e unha ponte de roca.
  • L2 (30 m, IV). De seguido crúzase unha placa con canalizos cara á dereita acadando a segunda reunión, con 2 parabolts, da Directa de los Martínez. Dende este punto continúase 3 longos máis xa comúns a ambas vías.
  • L3 (30 m, III+). Ascéndese recto por unha evidente diedro-fenda que se protexe ben ata chegar á reunión montada con 2 parabolts e cadea, xusto antes de meterse cara á parede da esquerda.
  • L4 (40 m, IV+). Pódese saír ascendendo en diagonal con tendencia á esquerda, que resulta algo máis fácil, ou tirar recto pola placa e facer algo de travesía máis arriba. A reunión está situada nunha plataforma e tamén está equipada con 2 parabolts e cadea.
  • L5 (40 m, III+). Este último longo segue por unha placa tumbada con tubos de órgano. Subindo cun pouco de tendencia á dereita e seguindo unha longa canle cun par de nichos entre medias acádase a última reunión, tamén equipada con parabolts e cadea.
  • A partir de aquí xa se pode seguir sen corda, xa que non hai máis reunións e é fácil (II). Subir cara a unha repisa inclinada á esquerda dende onde sae unha canle-fenda por onde súbese ben, primeiro en diagonal á esquerda e logo cara á dereita ata acada-la crista cimeira.
  • En canto ó descenso, para acada-los rápeles de baixada (R5), hai que destrepar con coidado pola canle que está na parte centro-esquerda (no sentido de baixada) da parede. Con 2 cordas de 60 metros, en tres rápeles báixase directamente, saltándose a 3ª e a 1ª reunión. Realmente é máis conviente baixar polos rápeles situados a uns poucos metros á esquerda das propias reunións da vía, evitando as aglomeracións nas reunións así como a caída de pedras, que por certo, son frecuentes. Non hai que quitarse o casco ata estar algo apartados da parede.

Croquis das vías Vías Víctor, Directa de los Martínez e Paso Horizontal (Urriellu). Fonte: http://entretenimientovertical.blogspot.com.es/2010/12/picu-urriellu-sur-directa-victor-y-paso.htmlInicio das vías Víctor, Soldados de Fortuna e Directa de los Martínez. Fonte: http://www.foropicos.net/viewtopic.php?t=13380 e tamén en http://bulnesland.blogspot.com.es/2008/09/invicto-y-laureado-1997.html

 

 

 

 

Máis información da Víctor:

Advertisements