Inicio > Alpinismo, Escalada clásica ou de autoprotección, Rocha > Curso de escalada en fendas da Escola Galega de Alta Montaña (EGAM), en Budiño, o 21 e 22 de xullo de 2012.

Curso de escalada en fendas da Escola Galega de Alta Montaña (EGAM), en Budiño, o 21 e 22 de xullo de 2012.

2012 Xullo 23

Fotos de Curso de escalada en fendas da EGAMCurso de escalada en fendas da EGAM (Escola Galega de Alta Montaña).

Tras adiarse varias veces por mor do mal tempo que sempre aparecía nas fins de semana, por fin puido celebrarse este fantástico curso de escalada en fendas, programado pola Escola Galega de Alta Montaña (EGAM) en Faro de Budiño (O Porriño), e impartido por José Juan Domínguez, un instrutor da EGAM de recoñecido nivel na escalada en solitario e de grandes paredes.
É, dende logo, un curso recomendabilísimo, para toda aquela persoa interesada na escalada en rocha clásica que aspire a percorrer tanto as vías máis modernas abertas en grandes e míticas paredes, coma calquera outra ruta dos tempos dos pioneiros, que normalmente aproveitaban as fendas coma puntos febles polas que acada-los cumes das montañas.

O obxectivo era o de asimila-las técnicas de progresión e seguridade empregadas na escalada en fendas dun o varios longos. Para elo, Jose Juan, amosounos maxistralmente a técnica xestual de escalada en fendas, o material de autoprotección a usar e cuestións tácticas; namentras percorríamos numerosas fendas de diferentes tipos, por todo Faro de Budiño.
O resultado final foi, ademais de lacazaduras por todo o corpo :-D, unha experiencia fantástica, que ademais permitiunos coñecer unha chea de vías polas que nunca antes se nos houbera pasado pola cabeza ascender.

O Sábado empezamos facendo un par de cortas vías, duns 14 m, no sector El Refugio: un offwith sen nome e un diedro chamado Yastaba (V), polo que subimos en X. Logo achegámonos ata o sector La Carra, para facer un curto tramo da Elena de Pablos (6b), ata o seu primeiro descolgue (ata ese punto o grado non debe pasar de V), mediante bavaresa e empotres de mans.

Moi perto, no sector La Cabaretera, ascendimos tamén a ENAM (6a), unha vertical e estreita fenda de doorosos empotres de dedos e mans, na que protexémonos vendándonos con esparadrapo.

E para remata-la mañá, voltamos ó sector La Carra, onde escalamo-la Crucigrama (6a), por unha laxa en bavaresa invertida e mediante empotres de mans e dedos.

Logo dun relaxado xantar á sombra, no merendeiro, baixamos 200 m. pola pista ata un bloque xunto á mesma, no que pelexámonos cunha fenda (V) vertical de empotres de dedos e de man ancha.

Como remate da xornada, collemo-lo coche para achegarnos ata o sector Canteira de Insuas, no que fixemos un curto diedro (IV-) tumbado mediante bavaresa e unha fenda (V) de palmas e dedos.

Xa ben “mansos”, ceamos e logo dunha animada parola, deitámonos baixo un piñeiro que nos protexese do resío da noite para vivaquear aló mesmo, perto do merendeiro.

Así como o Sábado pasámo-lo facendo só primeiros longos para coñece-las técnicas e practica-las con tranquilidade, o Domingo era o día no que aplicaríamolas na escalada de vías de varios longos.

O noso primeiro destino foi no sector La Carra, onde combinamo-lo primeiro longo da Cicatriz (IV) por un diedro en oposición ou en X, ata a reunión do carballo, cun seguinte longo da Kuki (6a+), polo que íanse aplicando todo un variado repertorio de diferentes técnicas: primeiro en X, logo en bavaresa, un resalte novamente en X, en oposición, bavaresa invertida e remátase cuns pasiños sobre placa.

Dende aí, baixamos novamente ó punto de partida cun rápel de 60 m. e achegámonos ó sector La Pinos, para subir pola vía do mesmo nome, pero substituíndo o seu primeiro longo por unha variante de entrada (6a+) á súa esquerda que é unha fenda offwith e bavaresa, pola que arrastrámonos coma vermes, centímetro a centímetro, incapaces de emular a demostración de Jose Juan. O segundo longo (IV+) segue unha fenda de mans que ó seu remate vai en diagonal á esquerda por placa. O terceiro longo (V+) continúa por un empotre ancho nunha fenda vertical, que logo do piñeiro, require de bavaresa e remata cun paso por placa. E o último longo (IV+) ascende ata unha ancha cheminea na que se entra descolgándose un par de metros dende unha chapa, e pola que se ascende en X, puidendo aproveitarse unha fenda auxiliar no lado dereito.

Rematada esta vía, saímos por arriba para camiñar ata o sector El Casco, onde acomete-lo ascenso da Quicos. Esta vía ten un primeiro longo (6b) de apenas 9 m, que vai por unha laxa con cazos e unha fenda en desplome. E dende a reunión, o seu segundo longo (6a), vai pola esquerda por un empotre de pé, tra-lo que segue unha travesía e finaliza por unha laxa tumbada. Desta reunión sáese camiñando á zona alta de Faro de Budiño, dende onde as súas fantásticas vistas son o mellor premio ó noso esforzo (e abofé que foi premeditado que o remate da escalada tivese como colofón chegar practicamente ó cume, algo que sempre fai máis completa a experiencia da escalada).

En resumo, un curso fantástico, no que Jose Juan amosounos unha perspectiva inaudita deste lugar de escalada e encheunos de inspiración para o futuro.

En canto á bibliografía na que consultar croquis de Faro de Budiño, a única referencia que coñezo é a agotada guía de escalada Galicia Vertical, de Miguel Seoane e Javier Carreras,  editada xa en 1997.

ACTUALIZACION:

Máis información e infinitamente mellor detallada sobre as vías de autoprotección de Faro de Budiño na baratísima (só 15€) guía “Escalada tradicional en Faro de Budiño”, de Jose Juan Domínguez; pedidos a jjbudinho@hotmail.com (tamén é posible obter croquis que non figuraban na 1ª edición desta guía no seu blogue: http://noroestetrad.blogspot.com.es/p/resenas.html).

 

Advertisements