Inicio > Escalada deportiva > Peñas de San Fausto, Estella / Lizarra (Navarra / Nafarroa), agosto de 2012.

Peñas de San Fausto, Estella / Lizarra (Navarra / Nafarroa), agosto de 2012.

2012 Agosto 23

Fotos de escalada deportiva en San Fausto, Estella / Lizarra (Navarra).Escalada deportiva en Peñas de San Fausto, Estella / Lizarra (Navarra /Nafarroa).

Buscabamos un sitio fresco que nos permitise escalar en rocha durante o verán, así que San Fausto, en Navarra / Nafarroa, parecía unha boa opción, xa que ademais a maioría das súas vías son de sexto grado, e hai moitas de quinto grado. Sen embargo, as vagas de calor que tivemos eses días non nos permitiron aproveita-la escola como quixeramos, xa que a partir do mediodía, pese á sombra existente ó pé das vías, a calor facía insoportable a escalada.

Perto desta fantástica escola de escalada hai outras como Peñartea e Etxauri (das que se poden atopar croquis na guía de escalada en Navarra), Valdegobía, Oro e Egino (das que se poden atopar croquis na guía Euskalarria. Sport Climbing in the Basque Country, que tamén ten de Etxauri)  e as máis próximas Larraona e Aranaratxe / Eulate (estas en cambio son secretivos, así que salvo que se coñeza a alguén que escale nelas é difícil acadar información fiable).

Estivemos un par de semanas escalando cáseque tódolos días nos diferentes sectores de San Fausto, pero tamén achegámonos un día a Peñaguda, xusto enriba de Estella / Lizarra, outro a Peñartea e outro a Larraona e Aranaratxe / Eulate.

Durante todo este tempo aloxamonos nun camping en Artaza, a uns 15 Km de Estella / Lizarra e uns 15 minutos en coche de San Fausto. É un camping alternativo, moi tranquilo, con pouca xente, que ofrece menús caseiros con alimentos ecolóxicos e obtén a súa propia electricidade mediante placas solares e un muíño eólico. A súa antítese é o camping Lizarra, ubicado nas aforas da localidade (a uns 8 Km de San Fausto)  e que conta con tenda, piscina, wifi,…

A panadeira viña tódalas mañás polo camping, así que para o resto das compras íamos a un supermercado na entrada de Estella / Lizarra, perto do Hospital, de tal xeito que só tiñamos que entrar no casco urbano se queríamos “contacto coas multitudes”, porque coincidiu que eran as festas locais, así que durante unha semana estaba todo cheo de xente que participaba nos “encierros de vaquillas” e disfrutaba dos sabrosos pinchos dos seus bares.

Croquis e guías de escalada:

Peñas de San Fausto.

Esta magnífica escola deportiva está excelentemente ben equipada e cáseque tódalas vías están identificadas co seu nome escrito nun canto rodado pegado na súa base. Hai varias paredes en San Fausto, pero as tres principais son Bargagorria (cos sectores Berria e Arkezulo), Altikogaña (cos sectores PrehistoriaEoceno, CaracolaUrtxintxa Oeste, UrtxintxaUrtxintxa Txoko e Bota) e Lazkua (cos sectores Mirador de LazkuaPikutxis e Luna Norte); todas elas unidas por unha senda, pero dependendo de a que sector se dirixa un, resulta mellor aproximarse dende un aparcadoiro ou outro. Así, para ir ós sectores Pikutxis, Prehistoria e Eoceno, o mellor é achegarse dende a localidade de Eraúl, namentras que para o resto convén face-lo dende xunto ó edificio de tratamento de augas que está no quilómetro 1´4 da estrada que sube a Eraul.

  • Aproximación dende Eraul.
    • Esta pequena localidade ten unha chamativa fonte con lavadeiro, xunto a unhas árbores baixo as que pódese aparcar. Dende aí mesmo parte o camiño, seguindo a rúa Ticularrenta, ata que esta se converte nunha senda que deixa á esquerda uns campos de cereais e á dereita un bosque de carrascas. En 5 minutos, un intérnase neste precioso e mesto bosque logo de pasar por unha cancela, no que tamén é posible aparcar nalgún dos lados da senda, aproveitando a sombra do bosque.
      Seguindo a senda durante 10 ou 15 minutos, chégase a un punto no que un sinal indica que o camiño continúa de fronte cara ós sectores Prehistoria e Eoceno, ou desvíase á dereita cara ós sectores do Mirador de Lazkúa, Luna Norte e Pikutxis.

      • Se se colle ó desvío á dereita, logo dun panel informativo da flora, fauna e xeoloxía do lugar, a apenas 200 m. xa se chega ás paredes puidendo escoller entre subir ós sectores de arriba Mirador de Lazkúa e Luna Norte ou quedarse na base da parede, no sector Pikutxis. Pero como o bosque é tan mesto, é difícil tomar referencias da parede, así que hai que fixarse nas marcas pintadas nalgunhas árbores para ir a este último sector, xa que a tendencia do camiño lévanos ó mirador, ó final do que hai unha cruz en lembranza das persoas que -segundo nos contaron-, tiraban ó baleiro dende aí para aforrar balas nas execucións durante a Guerra Civil Española. En todo caso, no mirador un xa pode ver por debaixo del os descolgues das vías de Pikutxis, así que rapidamente pódese retroceder para ir a ese sector se se desexa.
      • En caso de seguir de fronte cara a Altikogaña, ó pouco hai que atravesar un valado metálico e seguir baixando uns 100 ou 200 metros pola marcada senda ata coller un pouco visible desvío á esquerda, marcado cun par de pequenos hitos, que se interna no bosque e nos leva, guiados polas pintadas nas árbores, ós sectores Prehistoria e Eoceno, en apenas 5 minutos dende o citado desvío. Un sector está de seguido doutro, así que a aproximación é a mesma para ambos.
  • Aproximación dende o edificio de tratamento de augas.
    • No quilómetro 1´4 da estrada que sube a Eraul (medindo dende o cruce desta coa estrada que une Estella – Lizarra con Alsasua e Olazagutia), tómase unha pista que sae á esquerda xunto a un pequeno edificio marrón de pranta baixa e con tellado chan, no que se realiza o tratamento das augas, e que ten unha fonte fronte á súa entrada. Por esta pista séguese recto durante 150 m ata un aparcadoiro no borde do bosque, onde pódese deixa-lo coche e no que xa se ve a cancela pola que se inicia a senda. O camiño vai ascendendo durante uns 10 minutos e nel hai algúns desvíos que normalmente teñen unha liña de pedras no chan para indicar que non se tomen. Ó cabo deste tempo, nun clareiro do bosque, pódense ver á dereita as paredes do sectores Bota e Urtxintxa. Neste punto a senda vira á dereita cara a estes sectores, ou tamén pódese seguir de fronte e empezar a baixar cara ós sectores Berria e Akerzulo. En ambos casos, as vías de escalada están xa moi próximas, a apenas 5 minutos.

O bosque de carrascos e acibros chega ó pé de tóda-las paredes de escalada, polo que proporciona unha excelente sombra e algo de frescor fronte a esas paredes quentadas polo sol a partir do mediodía. É ademais tan mesto que un non ve a rocha ata que practicamente bate de fociños con elas. Asemade, chama a atención que apenas teña maleza, polo que este tipo de bosque debe de manterse limpo de forma natural. Pese a elo, en verán o sol pega duro en tódolos sectores, polo que o recomendable nesa época é escalar pola mañá cedo ou a última hora da tarde.

Algunhas paredes teñen fendas polas que discorren vías nas que as rochas están descompostas e algo soltas, polo que, pese a que esas pedras e bloques están pegadas con resinas químicas, da “mal rollo” escalar por aí. É unha pena renunciar a algunhas desas vías, pero considerando a cantidade de alternativas que hai, coido que sería recomendable evita-las vías que percorren esas fendas descompostas.

A auga, pódese coller no inicio dos dous puntos de aproximación ós sectores descritos anteriormente. En Eraul hai unha excelente fonte, pero no outro punto de aproximación ás vías, xunto ó edificio de tratamento de augas, hai un grifo no que a auga non é tan fresca nin boa, pero é potable.

En canto a onde “tomarlle unha” ou comer algo, na última vivenda a man dereita, cando se percorre a rúa Ticularrenta, saíndo de Eraul, ofrecen unhas riquísimas pizzas artesás, feitas en forno de leña, e tamén pódese tomar algunha bebida e xelados.

Esta pizzeria, Panpinela, non está anunciada e acaban de empezar, pero é unha casa moi grande, cun enorme ventanal e un forno exterior ben visible dende a pista.

En canto ós sectores:

  • O sector Pikutxis é o mellor para iniciarse xa que nel hai unhas 20 vías de 4º a 5º grado. É ademáis, probablemente, o sector que está á sombra durante máis tempo.
  • No sector Berria hai 24 vías do V- ó 6a+, permanecendo pola mañá á sombra durante máis tempo, as que están á esquerda dun gran bloque característico que divide o sector en dúas partes. Aquí, caeu algunha rocha da cima da vía Sugadila, que impide chegar ó seu descolgue, polo que dende o último químico hai que ir á reunión da Tecnopolis.
  • Nos sectores Bota e Urtxintxa, Urtxintxa TxokoUrtxintxa Oeste e Caracola as vías van dende o V ó 6c+ e son moi recomendables as vías Urtxintxa, considerada coma o mellor 6a de Heuskal Herria e Tulipones, un V+/6a que me gustou moito. Para os que teñan a 3ª edición (febreiro 2012) da “Guía Completa. Escalada en Navarra“, de Carlos Velázquez, convén sinalar que nos croquis do sector Urtxintxa Txoko, baseándonos na numeración del gráfico, están mal identificada-las vías na táboa, xa que a nº 1 correspóndese con Secretos del Cosmos, en vez do nº 6, como figura na táboa. A partir deste erro, as seguintes vías, en vez de te-los números 1, 2, 3, 4 e 5, que figuran na táboa, deberan te-los números 2, 3, 4, 5 e 6 respectivamente. Na 1ª edición (octubre de 2001), sen embargo, están correctamente identificadas.
  • Os sectores Prehistoria e Eoceno contan cun bo número de vías de grado 6º alto, permanecendo á sombra durante algo máis de tempo pola mañá, as vías orientadas ó Oeste do sector Eoceno. No Prehistoria encadeei o día 11, os meus primeiros 6b a vista: Iñakiren sorbalda (a espalda de Iñaki) e Mantangorri (mariquita).
  • O sector Txikipark ten unha aproximación curta dende enfronte da estrada que vai a Eulz, no seu cruce coa estrada que une Estella / Lizarra con Alsasua e Olazagutia. Neste cruce pódese deixa-lo coche ou subir con el uns poucos metros máis ata un pequenísimo aparcadoiro (só caben un par de coches) e logo continúase uns minutiños por unha senda bastante pechada pola maleza, ata chegar ó evidente mogote de rocha, separado das paredes. Se se rodea pola esquerda, a senda conduce nuns poucos minutos máis, ó sector Berria.
  • O sector Erreka tamén ten un acceso independente, dende a estrada que une Estella / Lizarra con Alsasua e Olazagutia, pero como non nos achegamos a el, non podo dar máis detalles.

Peñaguda (Estella / Lizarra).

É unha pequena parede situada xusto enriba de Estella /Lizarra, cáseque no casco urbán. Só ten unha decena de vías que en xeral non son moi interesantes, pero de abondo para entreterse unha tarde ou unha mañá -iso si, coidado co sol-.

Atopamos algunha diferencia co indicado na guía de Escalada en Navarra, como por exemplo que a vía Galduta Nabil, que teoricamente debía de estar equipada con parabolts, ou non existe ou nunca chegou a reequiparse, porque nós só distinguimos un par de cravos polo espolón no que teoricamente debera de estar. Tampouco nos deu boa sensación a rocha, nalgunha das vías porque estaba bastante descomposta e había varias que se reforzaron con resina sintética.

O certo é que parece un pouco abandoada, pero o feito de que na base da parede a maleza non ocupe os inicios das vías, supoño que se debe a que séguese escalando nela.

Peñartea.

A uns 3 Km de Tiebas está esta interesante escola, á que nos achegamos un día con Mundi e Marga. Moi perto de Muruarte de Reta, hai que pasar por dúas circunvalacións consecutivas e segui-las indicacións cara ás canteiras para, inmediatamente, continuar por unha pista que arrodea unha pranta de asfaltos por unha pista paralela á autopista e logo tomar un desvío á esquerda que pasa por diante dunha estación eléctrica e leva directamente á entrada do canón no que están as vías de escalada.

Ten sectores a ambos lados da foz, así que sempre se pode ir pasando dun lado a outro, escapando -ou buscando- o sol.

Estivemos no sector La Y, onde non nos quedou claro que as vías coincidisen coas sinaladas na guía de Escalada en Navarra. Logo tamén fomos ó sector El Portillo, e tamén parecéunos que un par de vías, La Loca e La Roya, eran máis difíciles que o grado dado na citada guía. Como dato reseñable, hai que mencionar que nas paredes hai unha chea de pintadas con números que non teñen nada que ver coa numeración das vías na guía de Escalada en Navarra, xa que foron feitas con anterioridade polos militares dun cuartel próximo, e que son tamén os responsables de que inicialmente se coñecese esta zona de escalada como El Carrascal.

Larraona.

Nesta localidade do val de Améscoa, hai que deixa-la estrada principal para coller unha pista que sube ó monte. No cruce da estrada coa pista hai un sinal indicador da empresa Urbasa Abentura, que ten as súas instalacións dun parque-aventura uns metros máis arriba. Debérase de deixa-lo coche xa nos primeiros metros desta pista, porque ó pouco hai un sinal que prohibe a circulación, baixo pena de multa, dos vehículos, pero … Nós subimos co coche, porque non sabímos como chegar ós sectores e resultou que o traxecto é algo longo (un par de quilómetros). Séguese pola pista ata que despois de deixar á esquerda a fonte do porto de Larraona, chégase a unha curva cunha gran árbore morta cuberta de enredadeiras, xusto antes de pasar unha cancela denantes da capela de San Benito;  nesa curva, unha pouco visible senda intérnase no bosque polo lado esquerdo (ó lado dereito tamén hai unha senda máis visible) levando ás zonas de escalada.

As primeiras vías, están apenas a 100 m da pista, e a senda continúa polo bordo das paredes, unindo os diferentes sectores a través dun impresionante bosque de faias, que se coñece coma o bosque encantado de Artea. Non hai croquis editados desta escola, xa que debe ser un secretivo, así que salvo que se teña contacto con alguén que a coñeza, non a recomendaría como destino de escalada (iso si, a paraxe é preciosa e vale a pena visita-la aínda que só sexa para facer sendeirismo). Nós copiamos a man uns croquis que estaban expostos no camping de Artaza, e foinos imposible concorda-los coa realidade das paredes. Xa no primeiro sector había menos vías que as que figuraban nos croquis e faltaba algún descolgue, e nin sequera fomos capaces de diferencia-los sectores.

A única fonte de información con croquis, que posteriormente atopei por Internet, é o blogue de Andoni Pérez, que apenas son un boceto, pero… algo é algo.

Aranaratxe – Eulate.

Logo do noso fracaso en Larraona, aproveitamo-lo mesmo día para achegarnos tamén no val de Amescoa a esta outra zona que quedaba de camiño pola mesma estrada, e, alomenos, coñece-la súa ubicación.

Pódese comer bastante ben en Eulate, no restaurante Alai Taberna, anunciado cun cartel na estrada, iso si, para achegarse ás vías andando é millor face-lo dende Aranaratxe, xa que dende Eulate, salvo que se salte un a prohibición de circular pola pista que leva a elas, é un camiño moi longo.

Tamén neste caso, parece tratarse dun secretivo, polo que tampouco tiña máis información que uns croquis impresos e expostos no camping de Artaza. Posteriormente atopei por Internet, uns croquis no blogue de Andoni Pérez, que apenas son un boceto, pero… algo é algo.

Advertisements