Inicio > Difusión/Divulgación > Boletín informativo da Federación Galega de Montañismo. Cumes nº 3. Revista dixital. Ano 2012.

Boletín informativo da Federación Galega de Montañismo. Cumes nº 3. Revista dixital. Ano 2012.

2012 Outubro 14

A mediados do pasado mes de setembro publicouse o terceiro número de Cumes, o Boletín Informativo da Federación Galega de Montañismo.

Neste número é portada Sechu López, do que se publica unha entrevista, e parte do seu diario da ascensión ó Annapurna deste ano, que supuxo a primeira vez que un galego acada este sempre complicado oitomil. Noraboa ó noso paisano!

Tamén se da conta da celebración da asemblea xeral ordinaria da Federación, aínda que se bota en falta que, unha vez máis, non se fagan públicas nin as contas da Federación, nin tódolos acordos acadados e asuntos tratados.

Infórmase, iso si, das estatísticas de afiliacións á Federación, que no ano 2011 acadaron as 2.078 licenzas. Será interesante saber a participación de federados e federadas nas Actividades Oficiais, e distinguir estas “Actividades Oficiais” doutras, xa que, de cara óvindeiro ano, esas serán as que sirvan de “filtro” para determina-lo censo electoral do ano 2014.

Hai que lembrar que para poder formar parte do censo electoral non basta con estar federado, senón que a normativa da Xunta esixe da participación nalgunha “actividade oficial” no ano pre-electoral. Unha norma que dada a ausencia por parte da Federación de propostas de actividades variadas, que abrangan a tódalas diferentes especialidades dentro do mundo da montaña, impide de facto, que a meirande parte das persoas federadas poidan exerce-lo seu dereito ó voto.

Lástima que a Federación Galega de Montañismo non amose ningún interese en solucionar esta circunstancia, plantexando perante a Xunta a necesidade de considera-lo peculiar carácter das moi diferentes actividades na montaña, radicalmente distinto na maioría dos casos, do concepto competitivo ou estritamente deportivo doutra federacións.

Advertisements