Inicio > Montañismo, Neve > Travesía por Ubiña (de Puerto Ventana a Torrebarrio, por Agüería), 13 e 14 de abril de 2013.

Travesía por Ubiña (de Puerto Ventana a Torrebarrio, por Agüería), 13 e 14 de abril de 2013.

2013 Abril 17

Fotos da travesía por Ubiña (León), de Puerto Ventana a Torrebarrio, do 13 ó 14 de abril de 2013.O Club Alpino Ourensán, propuña para o fin de semana do 13 e 14 de abril, unha travesía con vivac polo macizo de Peña Ubiña, preparada por Ángel e á que apuntámonos  7 socios/as, Mero, Samuel, Isabel, Pedro, Mundi, Beni e eu.

Eu non tiña pensado ir porque ultimamente ando bastante “descolocado”, así que non me apetece preocuparme cos detalles da intendencia dunha saída, pero aproveitando  que Ángel xa se ocupaba da organización e de guiarnos pola ruta, apunteime á saída a mesma víspera: é outra das cousas boas que ten ir de cando en cando a unha actividade do club 🙂

Sen embargo, como non tiña nada do meu material comigo, Beni tróuxome todo o que teño ó refuxio da federación en Torrebarrio, onde xuntámonos todos para pasa-la noite do Venres, e como chegaron algo tarde, non metín na mochila todo o que debera, aínda que -pese a que logo botase en falta algunha cousa- foi suficiente para o par de días de travesía.

A ruta prevista, dada a época en que estamos supuña un percorrido en condicións invernais, que partía dende o Puerto Ventana ata Torrebarrio pasando por xunto dos Picos Huertu del Diablu, e internándonos no Jou Llongo, entre Las Torres e o Peña Redonda. Neste jou fixemos un vivac, baixo as paredes dos Fontanes é ó seguinte día descendimos polo Canalón Cimero de Peña Redonda cara ós Puertos de Agüerías, para xirar e ascender polos Jous de Cueva Palacios, e remontar polo Canalón del Buey, ata a Horcada del Fontán, dende onde retornamos a Torrebarrio. Un percorrido longo, con bastante desnivel, así que conviña non ir demasiado cargados, cousa que non amilanou a algúns que cargaron con varias cervexas para disfrutalas no vivac previsto (menos mal que se decidiron polas latas, e non polos barrís ;-D porque algún falou deles).

Ás 9:40 da mañá do sábado deixabamo-los coches en Puerto Ventana e iniciabamo-lo percorrido, nun día nuboso e cun incómodo vento que nalgún momento fixo difícil incluso manterse en pé namentras avanzabamos por rampas e arestas. A neve, ó principio estaba bastante ben, pero cando empezamos a descender polos Huertos del Diablo, empeorou e o resto da xornada progresamos incomodamente debido ó brando do seu estado. Afortunadamente, a partir das 15h, aínda que o vento persistiu, as nubes fóronse esvaíndo e deixaron un ceo limpo no que o sol quentaba e compensaba o frío das rachas de vento.

Ó redor das 17h estabamos baixo as paredes dos Fontanes, no Jou Llongo, e aínda que era cedo, decidimos prepara-lo noso vivac xunto a unha gran pedra no medio da neve, aproveitando a protección contra o vento que ofrecía un dos seus lados. Estivemos entretidos un bo rato cavando unha cova para durmir a cuberto, pero finalmente non a usamos xa que non deixaba de gotear auga no seu interior porque as temperaturas non eran demasiado baixas (de feito, durante a noite rondaron os 5ºC). Iso si, aproveitamo-la auga procedente da neve que se derretía para aforrar gas e prepararnos unha cea quente co fornelo. Ás 21h xa estabamos  todos metidos nos nosos sacos, ben enfundados por mor das fortes rachas de vento que de cando en cando se levantaban e tentando concilia-lo sono.

Pola mañá, puxémonos en marcha ás 8:30h, descendendo primeiro  polo Canalón Cimero de Peña Redonda, para remontar logo os Jous de Cueva Palacios ata a súa parte superior, onde Mero, Samuel e Isabel decidiron dirixirse cara á Forqueta del Portillín para baixar polo Meicín ata Tuiza, e o resto remontamos penosamente o Canalón del Buey, debido ó mal estado da neve (levounos máis dunha hora ascender por esta rampa de neve branda, na que o sol, ás 13h, cando empezamo-la subida, pegaba con toda a súa forza). Xa arriba, comimos algo e preparamonos para subir con crampóns (xa que aí había neve dura) os últimos 20 m. que nos separaban da aresta que dende os Fontanes chega ó Ubiña, conformando a súa coñecida Integral.  Xa só nos restou facer un pequeno rápel para situarnos na Horcada del Fontán e colle-la rampa do Prau (a iso das 14:30h) e descender por ela ata os Llanos del Fontán, dende onde continuamos xa pola senda ata Torrebarrio, onde chegamos ó redor das 17h, para colle-lo coche que deixaramos aló, e ir recupera-los outros coches en Puerto Ventana.

O peor foi para Pedro que aínda tivo que conducir ata Tuiza para recoller ós nosos outros 3 compañeiros de ruta, que -a bo seguro- estarían ben “alegres” esperando nalgún bar 😉 .

En resumen, unha boa fin de semana para recargarnos de enerxía positiva disfrutando do ambiente da alta montaña que en Ubiña sempre está garantido.

Advertisements