Inicio > Escalada deportiva > Primeira visita á zona escola de escalada de Oia, 11 de maio de 2013.

Primeira visita á zona escola de escalada de Oia, 11 de maio de 2013.

2013 Maio 15

Fotos da escola de escalada de Oia (Pontevedra).…E abofé que non será a última…

Oia é unha escola á que, pese a estar bastante cercana a Vigo (ó redor dunha hora en coche), nunca me achegara. Na agotada guía Galicia Vertical, figuraban tres sectores e nunca reparara demasiado neles. Sen embargo, a través do Facebook enterárame de que un grupo de xente moi activo da Guarda, Os Amigos do Grilo, estaba revitalizando a escalada na zona, mediante reequipamentos e acondicionamento do acceso ás vías, así que xa levaba un tempo con ganas de dar unha volta por aí. Pois ben, este Sábado achegámonos David, Beni e máis eu ata o sector Monasterio, no que segundo nos indicaron cáseque tódalas vías eran quintos e sextos baixos. Empezamos polas primeiras da esquerda, que teñen un granito un tanto descomposto, pero segundo vas pasando ás vías de máis á dereita a rocha faise máis sólida.

Ó principio estivemos sós, pero foi chegando xente habitual da zona que moi afablemente achegáronse para charlar e darnos información sobre as vías e sectores da zona. -Estupendo o ambiente do lugar e o carácter extrovertido destes Amigos do Grilo– 🙂

Como a escola está situada no alto do monte que se levanta diante da costa, as vistas do mar son fantásticas, así que aínda que só sexa por darse un paseo pola serra, a viaxe xa vale a pena. E dado que nós só estivemos nun dos sectores, seguro que pronto volveremos para “cheirar” que hai nos outros…

Para chegar ó sector Monasterio, no que estivemos, indo dende Vigo pola estrada PO-552 (Baiona – A Guarda), ó chegar a Oia, hai que coller unha estrada á esquerda, cara a Lourenzá. Uns quilómetros máis adiante, no alto, cóllese nun cruce en dirección á mesma parroquia. Ós poucos metros cóllese a segunda pista de terra que sae á nosa dereita (un pequeno cartel indica “zona eskala”). A pista de terra pasa ó lado do Curro da Valga e segue ata un cruce de 4 pistas. Collemos a primeira á nosa dereita uns poucos metros para deixa-lo coche nunha explanada (ata aquí uns 6 quilómetros dende o cruce da estrada da costa, en Oia). Séguese andando pola senda aproximadamente medio quilómetro ata o sector, que está ós nosos pés logo de arrodear unha finca pechada.
No plano que colgo de Google Maps, non estou seguro de que esté todo ben situado, pero en canto faga unha segunda visita á zona, tomarei algunha referencia para correxi-lo que estea mal.

Advertisements