Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección > El Torozo, serra de Gredos (Segovia), do 22 ó 24 de xuño de 2013

El Torozo, serra de Gredos (Segovia), do 22 ó 24 de xuño de 2013

2013 Xuño 25

Fotos de El Torozo, Serra de Gredos (Segovia).Cando Víctor propuxo que aproveitaramo-los tres días que tiñamos libres para ir a El Torozo, o primeiro que fixen foi buscar por onde quedaba iso, porque nin me soaba o nome. 🙂

Resulta que tanto El Torozo (2.026 m.) como a anexa La Albujea, sitúanse na serra de Gredos, moi perto de Galayos, e constan dunha serie de paredes de granito de ata 300 m. con placas e fendas con moitísimas posibilidades e diferentes dificultades. Na Albujea destacan as súas placas, fendas e diedros que conforman este peculiar “gran bolo” que seica proporciona unha escalada similar á da Pedriza madrileña (e que para os nosos referentes, debe ser parecido ás vias do noso Budiño pontevedrés). No Torozo están as vías máis longas repartidas principalmente polo seu contraforte oeste, a cara sureste e a norte do seu cumio Sur. O calor e o sol débense de ter en conta e é preferible aproveitar algo de sombra pola mañá na cara suroeste, ou pola tarde na cara Norte.

Para chegar ás paredes hai que deixa-lo coche no Puerto del Pico (Ávila), na N-502, moi perto do pobo de Villarejo del Valle (camiño do máis coñecido Arenas de San Pedro). Neste alto hai un aparcadoiro e un restaurante, detrás do que sae a senda que leva ata as paredes.

Para durmir, é habitual aproveita-lo aparcadoiro na entrada do restaurante, pero nós fixémolo moi comodamente nun pequeno merendoiro ó que se chega por unha curta senda (apenas 50 m.) que sae xunto á fonte que hai na estrada 100 m. máis abaixo do alto en dirección ó pobo antes indicado. Tamén hai algunhas pequenas covas nos bloques da base das paredes nas que vivaquear, pero tendo en conta a proximidade da estrada (aproximadamente 1 hora de camiño), non coido que compense subi-los bártulos de durmir e xantar para pernoctar arriba.

En canto á auga, ademais da fonte xunto á estrada hai outra de camiño ás paredes, 5 minutos despois do refuxio da Majada del Tío Manteca, pero recoméndase non beber dela porque tamén é usada por animais (nós non coñecíamos a advertencia así que bebímos dela e non tivemos ningún problema).

A senda comeza detrás do restaurante seguindo os sinais da ruta que leva ata ó Alto del Torozo, pero ó chegar ó refuxio da Majada del Tío Manteca, desviámonos á dereita nun pequeno descenso que pasa xunto a citada fonte e continúa logo ascendendo seguindo a evidente senda ata as paredes de La Albujea, dende as que, ó arrodeala, xurde a gran mole de El Torozo.

A noite anterior chegaron aló Lucas, Alfonso e Luis, que durante estes días fixeron a vía Galayos pola variante de entrada do Espolón Quercus, e a Golum, tendo que retirarse da Pan con Membrillo porque un derrumbe de rochas dun tempo atrás, “barreu” unha reunión e parte da vía, segundo se enteraron posteriormente.

Pola nosa conta, Víctor e eu, subimos pola Gran Diedro e El Niño e retirámonos dende a primeira reunión da Tirachinas, cando non nos atrevimos a meternos na suxa fenda pola que comezaba o segundo longo.

Croquis e infos:

Gran Diedro, cara SO (220m, D sup, V+)

El Torozo, cara SO, Vía Gran diedro. Fonte: http://www.caranorte.com/resenas/directorio/europa/espana/castilla_y_leon/torozo/torozo_SO_via_grandiedro.phpAperturistas:
Emilio García Viel e Eduardo Sánchez Martín, en 1972.

Descenso:
Hai que acada-lo cume para baixar pola vertente Noroeste da montaña, primeiro cuns curtos destrepes por unhas placas (uns 50 m., evitables mediante un rápel duns 25 m. dende un par de cáncamos instalados a tal efecto) que conducen á canle Suroeste, dende onde se chega camiñando ata a base da parede nuns 20 minutos de baixada.

Resumo: 
Uns 220 m. repartidos en 6 longos. O equipamento consta de parellas de cáncamos negros nas dúas primeiras reunións, as restantes alguén as desequipou, supoño que porque pódense montar bastante facilmente. Tamén pódese aproveitar como 4ª reunión a da vía Gollum, que queda nunha cómoda repisa un pouco á esquerda na saída do gran diedro por baixo do gran teito que arrodeamos. Tamén hai algún cravo e parabolts nos primeiros longos.

Dificultade:

IV, IV+, V, V+, IV, III. O último longo pódese facer practicamente camiñando sen necesidade de ir encordados.

Material necesario: 
2 cordas de uso en dobre (60 m. c/u), media dúcia de Alliens, unha decena de friends ata o nº 3 de Camalot, e un xogo variado de fisureiros, un par de cintas longas para as reunións, e demáis equipo de escalada de autoprotección.

Cordada: 
Víctor e eu

1º longo, IV, 45 m. :

O comezo da vía é un pouco indefinido, pero como referencia debemos situarnos na vertical do gran teito característico deste itinerario. O primeiro longo vai buscando o camiño máis fácil e evidente por unhas fendas algo suxas de herbas e unhas laxas entre placas. A reunión conta con dous cáncamos negros nunha cómoda repisa.

2º longo, IV+, 25 m. :

O segundo longo comeza cunha placa con dúas chapas, ou ben pódese subir máis facilmente pola esquerda da placa. A reunión tamén resulta cómoda e conta con dous cáncamos negros nunha terraza.

3º longo, V, 50 m. :

O terceiro longo segue por un característico diedro que empeza sobre a reunión, cunha fenda no seu lado esquerdo, fácil de protexer. Superado este, apúrase a corda alternando por placas e bloques ata superar unha pequena cheminea sobre a que se monta a reunión na fenda da esquerda dunha cómoda terraza que conta cun cravo uns metros á nosa dereita, que nos pode servir de referencia. Logo vimo-los furados dunha reunión que alguén desequipou uns metros máis arriba.

4º longo, V+, 50 m. :

O cuarto longo segue polo diedro e remata por unha fenda das placas que hai por riba ata xusto embaixo do gran teito, pero como tampouco hai reunión, estirámolo uns metros máis para  arrodea-lo gran teito cunha curta travesía cara á esquerda. Neste punto hai unhas gradas nas que no seu estremo esquerdo está a R4 da Gollum, que podería servirnos tamén a nós, pero non a vimos, ata que estabamos 8 ou 10 m. por enriba, onde montamo-la nosa reunión cunha cinta arrodeando un gran bloque de rocha xunto ó teito que acababamos de esquivar.

5º longo, IV, 50 m. :

Empeza por unhas placas verticais que van perdendo inclinación e pasando a un terreo máis sinxelo, ata que agotada a corda montamos reunión onde cadrou.

6º longo, III :

Seguimos rectos buscando o cume, non recordo ben se un ou dous longos máis, pero xa incluso poderíamos telo feito desencordados.

El Niño, cara SE (320m, MD sup, 6a+, oblig. V+ A0)

El Torozo, cara SE, Vía del Niño. Fonte: http://jonchu.wordpress.com/2007/12/25/torozo-pared-sureste-via-del-nino-320m-md/Aperturistas:
Antonio Garcia, David Calvo e Roberto Toledo, que o 6 de outubro de 2002 fixeron a primeira ascensión.

Descenso:
Hai que acada-lo cume para baixar pola vertente Noroeste da montaña, primeiro cuns curtos destrepes por unhas placas (uns 50 m., evitables mediante un rápel duns 25 m. dende un par de cáncamos instalados a tal efecto) que conducen á canle Suroeste, dende onde se chega camiñando ata a base da parede nuns 20 minutos de baixada.

Resumo: 
Uns 320 m. repartidos en 10 longos, dos que os 3 primeiros son de adherencia sobre placa, e os restantes van enlazando sistemas de fendas e diedros, no que os dous últimos son comúns con Cada vez que Ladras, Cobras. O equipamento consta de parellas de parabolts con anelas en tódalas reunións da vía (agás os cáncamos das dúas últimas), e algúns parabolts nos tres primeros longos de placa.

Dificultade:

6a+, V+, V+, IV+, V-, V+, 6a, 6a+, IV+, V.

Material necesario: 
2 cordas de uso en dobre (60 m. c/u), media dúcia de Alliens, unha decena de friends ata o nº 3 de Camalot, e un xogo variado de fisureiros, un par de cintas longas para as reunións, e demáis equipo de escalada de autoprotección.

Cordada: 
Víctor e eu

1º longo, 6a+, 35 m. :

O inicio da vía está xunto á evidente gran canle que dende o cumio chega ó chan, dividindo esta cara en dúas paredes. Empeza cun paso duro protexido por parabolts e segue pola placa cos seguros algo distanciados, bastante paralelamente á canle.

2º longo, V+, 35 m. :

Este longo segue a tónica do primeiro e tamén vai por placa con parabolts moi distanciados para o meu gusto.

3º longo, V+, 35 m. :

Este é o último longo por placa, e como nos anteriores, paseino mal polo escaso número de parabolts que o protexían.

4º longo, IV+, 45 m. :

Neste punto rematan os parabolts polo que deixa de ser evidente o itinerario. Séguese recto cara a unha terraza baixo unha visible fenda, na que unha nova reunión de parabolts substitúe un oxidado cravo que aínda conserva un podre cordino no interior da fenda do estremo esquerdo da terraza.

5º longo, V-, 30 m. :

Séguese a fenda enriba da reunión polo itinerario máis evidente, ata atopa-la seguinte reunión.

6º longo, V+, 30 m. :

Aupámonos ás fendas enriba nosa para gañar un diedro fisurado, superar un pequeno teito á esquerda e rematar por un último fácil tramo de diedro (ollo con deixa-las cintas algo longas antes, xa que do contrario o rozamento da corda daranos problemas) no que se atopa a reunión.

7º longo, 6a, 45 m. :

Este longo é tamén evidente e moi parecido ó anterior: seguimos por unha serie de fendas e diedros, superando outro pequeno teito e atopa-la reunión (algo incómoda) logo dunhas expostas últimas fendas, xusto embaixo do teito clave da vía.

8º longo, 6a+, 55 m. :

No teito, hai un cravo con cordino que permite asegura-lo paso clave e pasar a un novo sistema de fendas polo que se alcanza unha cómoda gran terraza cunha reunión equipada, desta vez, cun pár de cáncamos negros.

9º longo, IV+, 60 m. :

Este penúltimo longo, xa pertencente á vía Cada vez que Ladras, Cobras, segue cara ó cume ata a seguinte reunión de cáncamos negros aproveitando toda a lonxitude da corda.

10º longo, V, 40 m. :

Con este longo acádase o cumio, logo de superar un teitiño tra-lo que se atopa a última reunión da vía.

Tirachinas, cara NE (MD sup, 6a+)

El Torozo, cara SE, Tirachinas. Fonte:http://www.caranorte.com/resenas/directorio/europa/espana/castilla_y_leon/torozo/torozo_SE_tira_chinas.phpAperturistas:
Anastasio Viejo e José Manuel Vilches, nos anos 70?.

Resumo: 
Uns 150 m. repartidos en 6 longos rematados cuns fáciles 60 últimos metros ate o cume.

Dificultade:

V-, 6a+, IV, IV, V, V+,III.

O noso fallido intento:

A cara Norte parece estar bastante olvidada xa que non se atopa moita información de xente que fixese algunha das súas vías. Nós decidimos probar unha vía desta zona por ser máis curtas que outras, pero non contabamos que as súas paredes e fendas estivesen tan suxas e cubertas de terra e vexetación.

Así, cando subimo-la cheminea de inicio e seguimos logo pola fenda ata a primeira reunión, que houbo que montar reforzando cun par de Alliens os dous vellos cravos que atopamos apoiándose o un sobre o outro, xa dubidábamos que fósemos capaces de seguir, porque pareceunos moito máis difícil do esperado.

Deses dous cravos partía un podre cabo de corda (visible dende o chan) que, a modo de pasamáns, os unía con outro cravo, de mal aspecto, no comezo da suxa fenda do 2º longo. A precariedade da reunión e o mal estado do cabo non nos ofrecían confianza polo que tentamos meter algún seguro máis no comezo da fenda, pero non nos atrevíamos a arriscarnos a unha caída que cargase a reunión, así que como non conseguimos que alomenos entrase outro Allien no único oco que vimos xusto logo do paso de placa que daba acceso á fenda, decidimos baixarnos.

Pero baixarse da reunión tamén era algo problemático, xa que -sen abandonar un par de microfriends- non había máis posibilidade que descolgarnos deses cravos, dos que un deles estaba tan metido e pegado ó outro que nen sequera lle víamos o ollal polo que introducir un cordino.  Afortunadamente conseguímolo, sen incluso retira-las febras do desgastado vello cordino que aínda unía os cravos co cabo; tendo en conta o seu mal estado, pensei en cortar ese cordino orixinal e tiralo, pero deixeino por se -en caso de que algo fallase…- un último fío resistise o noso peso… -Xa o sei:  é irracional, pero nestas situacións, se puidese, ata colocaría un clip unindo o tinglado como reforzo 🙂

Aguantamo-la respiración namentras rapelamos e todo saiu ben, así que… haberá que volver, non?  🙂   🙂   🙂   🙂

Advertisements