Inicio > Difusión/Divulgación, Escalada deportiva > Maratón de escalada 12 horas, no canón do Sil, organizado polo Club Alpino Ourensán

Maratón de escalada 12 horas, no canón do Sil, organizado polo Club Alpino Ourensán

2013 Xullo 2

O vindeiro Sábado 6 de Xullo, o Club Alpino Ourensán celebrará unha maratón de 12 horas de escalada por parellas aberto a toda persoa federada, que se celebrará no Canón do Sil.

O máis peculiar desta competición é que pondérase o grao de cada equipo para iguala-la competición e posibilitar que, independentemente do grao máximo dos/as escaladores/as, calquera poida gañar. Para elo, cada equipo indicará cando se inscriba o seu máximo grao escalado no actual ano 2013 (presuponse a boa fe dos/as participantes), de tal xeito que cando se iguale ou supere ese grao máximo daráselle o dobre da puntuación correspondente a esa vía. Iso si, para poder anotarse unha vía como feita, ten que ser escalada polos dous membros da cordada (só un deberá facela en libre).

A inscrición está aberta e pódese facer no local social do club ou cumprimentando o formulario e enviándoo a través do correo electrónico do club: clubalpinoourensan@gmail.com (asunto:  Inscrición maratón).

Máis información no blogue do club:

Por certo, atención ó acceso ata o canón, xa que a estrada dende os Peares está cortada polas obras da empresa eléctrica (onte día 1, seica volaron un tramo dela, así que hai que tomar unha ruta alternativa, por Luíntra, para chegar dende Ourense).

Advertisements