Espolón Tabuyo e Con Sangre de Cebolla (La Mesa, macizo de Ubiña), 6 de xullo de 2013
Cando Víctor propuxo facer unha escalada no pico de La Mesa, aínda que eu nunca estivera nel, ben sabía a cal se refería: a súa cadrada forma distínguese perfectamente dende os altos de Ubiña, así que situalo non resulta difícil. O acceso máis fácil é dende Asturias, por Tuiza, xa que polo lado leonés a pista que vai dende San Emiliano ó Alto de la Cubilla é de usos agrícolas e gandeiros e, en principio, só é apta para todo-terreos.
Durmimos a víspera en Tuíza, a resgardo do resío da noite, e especulando sobre se os que botan petardos a horas intempestivas son tolos ou simplemente idiotas. 😦
Primeiro fixemo-lo Espolón Tabuyo, aínda que en lugar de pola entrada orixinal, pola variante de entrada directa, que fai a vía algo máis longa e así aporta algúns metros extra de escalada. Empeza cun curto longo duns 15 metros en artificial sobre estribos que nos deixa ben quentiños e logo segue nos restantes longos xa en libre. A vía está repleta de cravos e vellos cordinos, así que seguila non ten perda. En canto á rocha, o son oco das laxas e os bloques soltos, de maior e menor tamaño, son bastante habituais, así que non nos deixou demasiada boa sensación.
Unha vez baixamos do cumio polo destrepe da vía normal, voltamos á canle de partida para, tras descansar e poñernos á sombra un rato, elixir outra vía. Eu tiña pensado face-lo Gran Diedro (máis fácil que a que acababamos de escalar), pero Víctor propuña a Pájaro Loco (con demasiado artificial para o meu gusto), ou a Tiempo de República (que con algún paso de 6b facíaseme demasiado grande para min). Así que… -nin para ti, nin para min…-, decantámonos por Con Sangre de Cebolla, que era máis difícil que a que eu propuña, pero menos que as de Víctor e, ademais, era bastante longa, así que poderíamos escalar algo máis. Ó final a calidade e estado da rocha causounos similares “incómodas” sensacións que as que tivemos na primeira vía, especialmente nunha segunda reunión bastante precaria, e vímonos sorprendidos cunha inesperada excesiva dificultade no V+ do último tramo do quinto longo, que non fumos quen de resolver sen “azerar”. Polo demais, só resaltarei que pareceunos máis difícil o paso de saída do nicho da 1ª reunión -aínda me temblan as pernas- que o posterior desplome dese mesmo longo.
En resumo, un par de interesantes escaladas, nunha rocha que dada a súa descomposición non nos gustou demasiado. ¿Recomendables…?, pois non me atrevería a dicir que si…
A aproximación ás paredes faise partindo do Puerto de La Cubilla (tamén chamado Alto del Palo), onde remata a estrada que ven de Tuíza nunha cancela aberta que ten un paso canadiense para que non escape o gando. Tras atravesa-la cancela co coche, doutro lado a estrada bifúrcase en dous ramais; o que segue á dereita remata en “Casa de Mieres” (é un “curioso” bar ¿refuxio?), e logo convértese nunha pista na que con tempo seco e un todo-terreo é posible chegar ata San Emiliano. O ramal da esquerda que nós collemos, vai cara ós Puertos de la Ballota, por unha pista bastante boa pola que se chega a unha segunda cancela, na que xa se advirte que a circulación só se permite a vehículos autorizados, polo que o recomendable sería aparca-lo coche no sitio acondicionado para elo xusto ó pasa-la cancela. Dende aí, a pista segue ata unhas cabanas e un curral chamado Mayá Vieya (andando leva uns 15 minutos) xusto embaixo da parede fácil do pico La Mesa. Xa só resta camiñar outros 15 minutos máis para subir ata á pequena golada do lado esquerdo do pico, dende o que cae unha canle da que parten as distintas vías desta vertente.
Espolón Tabuyo, pola variante de entrada directa, D sup (V+ / A2), 220m.
A vía orixinal foi aberta por Jorge Marquínez, Leopoldo Campo e Jorge Luis Agüero, o 28 de agosto de 1972.
Aproximación:
Dende a golada descéndese pola empinada canle 5 minutos ata a base do espolón, puidendo escoller entre acada-la terraza de entrada baixo o gran diedro para empeza-la vía pola súa ruta orixinal, ou baixar uns metros máis ata o comezo do espolón e facer así un par de longos máis.
A variante de entrada directa empeza máis abaixo da entrada normal, nunha visible liña de enferruxados spits pola que se supera o desplome inicial.
Dificultade:
V+/A2, V, IV+, V+, IV, V+.
Material necesario:
2 cordas de uso en dobre (60 m. c/u), un xogo de friends e fisureiros pequenos e medianos, algúns cordinos para pontes de roca, e demáis equipo de escalada de autoprotección.
Cordada:
Víctor e eu
Percorrido:
- L1 (V+/A2). O primeiro longo é un A2 de 15 m. polo que un limítase a ir colgándose dunha chapa á seguinte. A enferruxada reunión consiste nun aro de cable montado sobre dous buriles.
- L2 (V). O segundo longo empeza por unha placa protexida por un buril e segue directa ata a seguinte reunión baixo o comezo dunha fenda. Esta reunión está tamén formada por un par de buriles unidos por un aro de cable.
- L3 (IV+). O ultimo longo desta variante de entrada directa segue pola fenda por riba da reunión e continúa en liña recta ata pasarse, cun paso delicado, ó lado dereito do espolón, para chegar á reunión da vira de entrada do primeiro longo orixinal.
- L4 (V+). O cuarto longo (segundo longo da vía orixinal), segue polo lado dereito do espolón, primeiro por placa e logo por canalizo, ata unha cheminea sobre a que se monta a seguinte reunión formada por tres cravos.
- L5 (IV). O quinto longo empeza polo lado esquerdo do espolón ata pasarse ó dereito logo dun paso de placa e segue por terreo máis fácil ata agota-la corda e montar reunión sobre un ombreiro no que pódense aproveitar dúas pontes de roca nas que había uns cordinos en bo estado.
- L6 (V+). O último longo supera varios pequenos resaltes, incluído o final que está protexido por algún spit ou cravo (non me lembro) xa que é algo máis difícil, e apúrase a corda para montar reunión lazando algún dos grandes bloques que atopamos unha vez rematadas as dificultades. Dende aí ata a cima quedan poucos metros que se percorren facilmente camiñando.
Descenso:
O descenso faise destrepando en zig-zag pola vertente Sureste, seguindo os hitos e marcas de pintura vermella, que levan nuns 15 ou 20 minutos ata á Mayá Vieya.
Croquis e info:
- No libro de Miguel Ángel Adrados: Cordillera Cantábrica, Escaladas Selectas en roca.
- Boa descrición da vía nas web de elmaquis.net, mendiak.net e enlavertical.blogspot.com.
Con Sangre de Cebolla, MD (6a), 160m.
Aberta por Silvino Falcón, Luis Alba e Manuel A. Fanjul, axudados por Rafael Polonio, Julio Vaquero e Víctor en agosto de 1994.
Aproximación:
Dende a golada xa se está ó carón do comezo das vías da cara Suroeste.
Dificultade:
V+, 6a, V+, V+, V+, IV-.
Material necesario:
2 cordas de uso en dobre (60 m. c/u), un xogo de friends e fisureiros pequenos e medianos, algúns cordinos para pontes de roca, e demáis equipo de escalada de autoprotección.
Cordada:
Víctor e eu
Percorrido:
- L1 (V+). Comeza por unha placa en diagonal ascendente cara á esquerda e logo segue por unha fenda cara ó nicho onde se monta a reunión nunha ponte de rocha do seu teito.
- L2 (6a). Sáese do nicho pola esquerda nun paso que me pareceu moi complicado e logo segue verticalmente. Supera un pequeno resalte ben protexido e chégase á reunión nunha estreita repisa formada por un spit e unha ponte de rocha que só pódese aproveitar se se leva unha cinta suficientemente plana xa que a que hai está podre e o oco é moi estreito. Ó lado esquerdo do spit hai un gran bloque que se pode anudar, pero non é firme!
- L3 (V+). Este é un longo estrano, xa que ascende primeiro ata un teito dende onde descolgarse ou destrepar uns metros para pasarse a unha fenda pola que recupérase a altura perdida e séguese en travesía á dereita ata a repisa na que se monta a reunión aproveitando unha ponte de rocha reforzable en fendas próximas.
- L4 (V+). Súbese con tendencia á dereita ata unha fenda pola que se segue verticalmente ata que é posible pasarse á esquerda e seguir cara ó diedro-fenda no que se atopa a seguinte reunión, formada por unha ponte de roca reforzable na propia fenda.
- L5 (V+). Empézase pola fenda do diedro ata chegar a un par de spits no resalte que se ve dende a reunión. Nese punto abandónase a fenda e supérase o resalte para seguir rectilineamente ata o punto no que se xuntan o diedro-fenda da nosa esquerda con outra fenda que ven polo lado dereito, onde móntase reunión en tres cravos espetados en liña horizontalmente nunha fenda.
- L6 (IV-). Buscando o camiño máis evidente ascéndese ata o cume. Nós empatamos este longo co anterior e seguimos sen problemas ata que remataron as dificultades.
Croquis e info:
- No libro de Miguel Ángel Adrados: Cordillera Cantábrica, Escaladas Selectas en roca.
- A única referencia que atopei: http://www.danihidalgo.es/2012/06/la-mesa-macizo-pena-ubina.html