Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección > Espolón Canales e El Placer (El Pincuejo, León), 9 de xullo de 2013.

Espolón Canales e El Placer (El Pincuejo, León), 9 de xullo de 2013.

2013 Xullo 9

Fotos de Espolón Canales e El Placer (Peña del Pincuejo, León) Espolón Canales (MD, 6a, 200 m).

Xa facía tempo que atopara en Internet o croquis desta vía realizado polo propio aperturista, e que me chamou a atención pola súa boa factura, así que dende entón tiña esta vía na “carpeta” das “futuras”… Cando o miraba non tiña moi claro onde estaba situado o espolón de marras e cría que debía estar máis ó interior do desfiladeiro, sen embargo o día que Mundi e eu nos achegamos á Peña del Pincuejo co croquis, rapidamente decatámonos de que realmente estaba no lado contrario, no estremo esquerdo da parede onde se concentran as vías. Xa na base da parede foi fácil atopa-lo comezo grazas á inscrición ED situada no inicio da vía. No resto do percorrido o máis salientable foron as dúbidas sobre a ubicación da 3ª reunión e que no primeiro rápel, as cordas quedáronsenos bloqueadas e tivemos que subir por eles ¡2 veces! para liberalas.

Obxectivo:
Espolón Canales (Peña del Pincuejo – Caldas de Luna).

1ª ascensión:

Ramón Canales, o 14 de setembro de 2011.

Acceso/Base/Punto de partida:

Dende Villasecino, achegámonos ata o barrio de arriba de Caldas de Luna, onde deixamo-lo coche e en 5 minutos camiñando hacia a entrada da evidente garganta, chegamos ó pé de parede. Hai unha fonte na parede de enfrente, perto do regato e xunto a primeira mesa do merendeiro, antes de pasa-la ponte. Hai tamén unha fonte dentro do propio pobo.

Data da nosa ascensión:
9/7/2013.

Participantes:
Mundi e eu.

Lonxitude/Desnivel:
200 m. 5 longos e unha pequena trepada para chegar á última reunión.

Descenso:

Un rápel dende a última reunión ata a colladina, logo destrépase ata a reunión final da vía Gran Diedro (que como xa dixera coincide co R4 da propia vía) e remátase con outro par de rápeles de 50 m. e 60 m. pola vía Gran Diedro.

Material necesario:
2 cordas de uso en doble (60 m. c/u), friends, empotradores e drizas.

Observacións:
Escalada en rocha, en terreo semiequipado. Tódalas reunións contan con 2 parabolts.

Percorrido e dificultade:
6a, V+, V+, V+, II, 6a. Caliza de boa adherencia, con moi xenerosos agarres. Itinerario bastante evidente por cerca do borde da arista. As reunións están equipadas con parabolts e cadea, así como os pasos máis difíciles tamén teñen parabolts protexendoos.

Croquis feito polo aperturista Ramón Canales. Fonte: http://enlavertical.blogspot.com.es/2013/05/espolon-canales-la-pena-del-pincuejo.html
 Croquis do Espolón Canales, Pincuejo. Fonte: http://www.infoescalada.es/wp-content/uploads/2013/07/pincuejo-2.jpgL1. 6a, 35 m
. A vía comeza no lado esquerdo da parede, enriba duns grandes bloques da senda, na vertical do triangular desplome do lado esquerdo da vía Gran Diedro; é, polo tanto, a primeira vía dende ese lado da parede. O seu inicio está sinalado nunha rocha a ras do chan co espárrago dun parabolt ó que lle quitaron a chapa, xunto a unha inscrición burilada na pedra que pon: ED. Empézase por placa con fendas nas que autoprotexerse primeiro e logo segue xa por unha placa máis compacta con 3 parabolts que reservan unha delicada travesía ascendente á dereita para chegar á reunión situada nunha repisilla herbosa.

L2. V+, 30 m. De seguido ascéndese verticalmente cara a un visible parabolt e séguese rectilíneamente ata a reunión situada na base dos teitos, á dereita dunha raquítica árbore.

L3. V+, 30 m. Dende a reunión xa se ve un parabolt á esquerda cara ó que se vai facendo unha travesía para arrodea-los teitos e seguir logo polo outro lado do espolón fora da vista do/a asegurador/a por unha placa cun par máis de parabolts. Paréceme lembrar que logo de dobra-lo espolón había algunha instalación que me fixo dubidar se se trataba da reunión, pero esta componse tamén de 2 parabolts embaixo dun novo muro e enriba dunha pequena repisa herbosa.

L4. V+, 45 m. Súbese polo muro, empezando primeiro con tendencia á dereita onde vese un parabolt e logo séguese polo medio da parede cara un pequeno arbusto, que se pasa pola súa esquerda, visible na parte final do muro. Logo continúase ata a reunión que é común coa última da vía Gran Diedro e que, polo tanto, atópase xusto onde remata o diedro que ven do outro lado do espolón. Esta reunión ten 2 anelas para poder rapelar.

L5. II, 30m. Séguese camiñando cara a unha colladina na base do pilar final onde, nunha ancha terraza herbosa atópase un parabolt que fai a función de reunión inicial do último longo.

L6. 6a, 45m. Dende a terraza xa se ve un parabolt sobre un bloque que presenta a maior dificultade do longo, e que supérase mellor pola dereita da chapa. De seguido altérnanse grandes bloques e tramos herbosos ata acada-la última reunión. Este último longo non o recomendaríamos xa que logo dos primeiros metros o terreo vólvese bastante descomposto. Dende aquí pódense subir camiñando os poucos metros que separan do cume da peña.

Máis información desta vía na Peña del Pincuejo:

El Placer (MD, 6a, 200 m).

Namentras comíamos algo xunto á fonte, logo de face-lo Espolón Canales, vimos que a parede quedaba por fin en sombra, así que pensamos en facer algunha vía máis antes de que anoitecese. Como non o tiñamos previsto, non tiñamos máis información que a duns croquis xenéricos da parede, así que acometimo-lo seu ascenso un pouco dubitativos e metemo-la zoca ó final do 1º longo cando fomos demasiado pola esquerda, chapando un parabolt da veciña vía Gran Diedro demasiado alto e distanciado da nosa reunión que nos obrigou a unha “incómoda” rectificación. Logo, a vía xa non tiña perda e só salientaría a dificultade dalgúns dos seus pasos nos seguintes dous longos.

Obxectivo:
Espolón Canales (Peña del Pincuejo – Caldas de Luna).

1ª ascensión:

27 de setembro de 2003 por Miguel A. Fernández Villa e Miguel Ángel Adrados.

Acceso/Base/Punto de partida:

Dende Villasecino, achegámonos ata o barrio de arriba de Caldas de Luna, onde deixamo-lo coche e en 5 minutos camiñando hacia a entrada da evidente garganta, chegamos ó pé de parede. Hai unha fonte na parede de enfrente, perto do regato e xunto a primeira mesa do merendeiro, antes de pasa-la ponte. Hai tamén unha fonte dentro do propio pobo.

Data da nosa ascensión:
9/7/2013.

Participantes:
Mundi e eu.

Lonxitude/Desnivel:
120 m. 3 longos.

Descenso:

Rapelando pola mesma vía.

Material necesario:
2 cordas de uso en doble (60 m. c/u), friends, empotradores e drizas.

Observacións:
Escalada en rocha, en terreo semiequipado. Vía equipada con parabolts nas placas e pasos máis difíciles, e con parabolts con cadeas e anelas para rapelar nas reunións.

Croquis do Pincuejo. Fonte: http://www.foropicos.net/foro/viewtopic.php?t=10465Percorrido e dificultade:
V+, 6a+, V+

L1. V+. A vía comeza un pouco á dereita da Gran Diedro, cun tramo máis fácil que logo vai aumentando de dificultade por fendas e placa cara á reunión que está á esquerda dun arbusto na vertical do inicio da vía.

L2. 6a. Séguese unha fenda ata o diedro polo que se chega a un pequeno desplome protexido por parabolt, e remátase cun paso difícil -tamén protexido- nun muro para chegar á reunión.

L3. 6a+. Sáese cara a unha chapa ben visible enriba da reunión e séguense os seguintes parabolts que protexen o tramo máis complicado do longo, para rematar pasando por unha ponte de rocha, chea de vellos cordinos e cintas, ata a reunión situada uns 6 m. por riba dela, xa no filo do espolón.

Info sobre as vías:

Advertisements