Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección > Lobishome (Peñas del Prado, Valle de Arbas, León), 10 de xullo de 2013.

Lobishome (Peñas del Prado, Valle de Arbas, León), 10 de xullo de 2013.

2013 Xullo 10

Fotos de Lobishome, Peñas del Prado (Valle de Arbas, León).Lobishome. MD (V+), 250 m.

En Peñas del Prado xa escalaramos varias vías na parede Sur, así que pensei que agora tocaba facer algunha polo Suroeste e -de paso- evitar así algo a calor deses días de verán, aproveitando as primeiras horas de sombra que ten esa vertente. Ademais, o percorrido ata o pé das vías pouco tempo máis levaba que as vías do estremo esquerdo da parede Sur: dende a Collada Aronga só leva uns 10 minutos rodea-lo contraforte da Peña que da acceso a esta zona e situarse no comezo de calquera das súas vías. Así que a víspera chegamos a Cubillas de Arbas con intención de “tomarlle” algo no bar, pero… como chegamos algo tarde xa pechara -é o que ten estar nun pobo tan pequeno-, así que tivemos que conformarnos cunha visita á fonte e unha “comida caseira” feita no noso fornelo :-), antes de botarnos a durmir nos nosos sacos no soportal da escola.

Aperturistas:
José A. Troncoso, Manuel González, Juan Goyanes, Julio Soler, Daniel Mouriño e Antonio Fernández, entre outubro de 1998 e xullo de 1999.

Material necesario: 

2 cordas de uso en dobre (60 m. c/u), algúns friends e fisureiros e demais equipo de escalada de autoprotección.

Cordada:
Mundi e eu

Data da ascensión:

10 de xullo de 2013.

Punto de partida:
Deixamo-lo coche, na cuneta da estrada que vai dende Cubillas de Arbas ó túnel polo que se comunica con Aralla. Dende a estrada séguese a senda que sube ás Peñas pasando por riba dunha fonte no cauce dun regato seco. Un pouco máis arriba a senda segue o tendido eléctrico ata atravesa-la Collada Aronga, dende onde xa se dirixe un directamente á base da parede suroeste. Dende a estrada ata o pé de vía leva uns 40 ou 50 minutos.

Noite intermedia:
Durmimos no soportal do colexio que hai na entrada de Cubillas de Arbas, pequeno pobo con fonte e -alomenos- un bar/restaurante con hospedaxe.

Rápeles na cara Sur de Peñas del PradoDescenso:

Tódalas reunións teñen 2 parabolts con anelas ou mallóns para rapelar, puidendo facerse en catro rápeles, baixando directamente dende a segunda reunión ata o chan, pendulando cara á dereita se as cordas non chegasen. En todo caso o mellor é localiza-la instalación do rápel volado de 60 m. situada a medio camiño entre Lago de Luna e No hay caliza na Galiza, que nos deixaría -penduleando cara ó estremo dereito- xa nunha zona dende onde continua-lo descenso destrepando e camiñando ata a base da parede Sur das vías curtas (tamén é posible baixar más verticalmente para facer un segundo rápel, moi curto, aproveitando a primeira incómoda reunión de Senda Vertical). Nós, sen embargo non a localizamos, así que fixémolo dende unha instalación que atopamos máis ó Este que nos depositou, logo duns 30 m. no lado dereito dunha cómoda terraza por debaixo dunha zona de arbustos. E dende aí, nun segundo rápel de 50 m., á zona dende onde continuar destrepando e camiñando. Hai unha boa foto descritiva en http://www.foropicos.net/foro/viewtopic.php?f=8&t=13362&start=7.

Dificultade:

V, V+, 6a+, 6a, V-.

Croquis de Lobishome nas Peñas del Prado. Fonte: https://cuadernodemonte.wordpress.com/2012/08/31/penas-del-prado-via-lobishome/ Croquis da cara SO da Peñas del Prado. Fonte: http://www.foropicos.net/foro/viewtopic.php?f=8&t=26560L1.V, 50 m. A vía comeza nunha placa con dúas parellas de grandes canalizos paralelos entre os que se aprecian un par de parabolts, e logo segue cun pouco de tendencia á esquerda por unha placa con fisura ata a reunión situada nunha repisa.

L2.V+, 50 m. Empézase recto por unha vertical placa con fenda ata un pequeno resalte protexido cun parabolt que se supera de fronte para seguir pola fenda dunha nova placa ata a reunión situada nunha cómoda repisa.

L3. 6a+, 50 m. Dende a reunión xa se ven un par de parabolts que protexen o paso máis difícil da vía nunha placa pola que séguese con algo de tendencia cara á dereita primeiro, e logo xa máis verticalmente ata a terraza na que se atopa a seguinte reunión, xusto embaixo dunha fenda-diedro.

L4. 6a, 50 m. Ascéndese pola fenda para supera-lo diedro e seguir por unha placa na que o paso clave está protexido por un par de parabolts, logo aínda quedan uns últimos metros pola mesma placa que leva con algo de tendencia á esquerda ata a reunión situada nunha repisa uns metros embaixo dun teito

L5. V-, 45 m. Un cravo na fenda sinala o camiño para o seu ascenso pola esquerda do teito, e logo xa só resta o tramo final por fendas que con certa tendencia á esquerda leva ata a reunión final.

Croquis e reseñas:

Advertisements