Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección > Fissure D’Ailefroide (Ailefroide, Pelvoux, Hautes Alpes, Francia), 25 de xullo de 2013.

Fissure D’Ailefroide (Ailefroide, Pelvoux, Hautes Alpes, Francia), 25 de xullo de 2013.

2013 Xullo 29

Fotos de Fissure D'Ailefroide, 25 de xullo de 2013.Fissure D’Ailefroide V, D (pola variante de saída da dereita, 6a) / 280 m..

Aperturistas:
Lionel Terray e compañeiros, ó redor de 1941.

Resumo:
A lonxitude que se lle soe dar á via é duns 280 m. repartidos en 8 longos que discorren pola evidente fenda visible dende o lonxe, que divide a parede en dúas metades; sen embargo sumando a lonxitude indicada en cada longo, sae unha distancia maior, debido a que son medidas aproximadas. Asemade, nós optamos pola variante de saída da dereita, co que fixemos unha reunión máis que pola ruta orixinal.

Tódalas reunións están equipadas con parabolts, así como tamén hai algúns parabolts e cravos para protexer pasos clave.

Dificultade:
IV, IV+, IV, V, IV+, IV, V, 6a, III+

Material necesario:
2 cordas de uso en dobre (60 m. c/u), un xogo de friends e fisureiros medianos (só se usan 3 ou 4), algún cordinos para lazar roca, e demáis equipo de escalada de autoprotección.

Cordada:
Beni e eu

Punto de partida:
Deixamo-lo coche, xunto ó camping e cruza-lo torrente pola ponte do camping, para seguir por senda evidente ata a base da vía (hai moitas vías de escalada e sectores por aí, así que hai que ir escollendo os desvíos).

Noite intermedia:
Durmimos no camping municipal de Ailefroide.

Descenso:
Dende a última reunión, sáese camiñando por entre penedos e monte ata a senda da parte superior pola que, nuns 30 minutos pódese descender camiñando ata os prados da base da montaña. Tamén é posible rapelar dende algunha das liñas instaladas a tal efecto xunto ás vías Snoopy e À Tire d’ Ailefroide, pero iso require de 6 rápeles. Nós preferimos descender pola senda, aínda que ten un par de tramos delicados: o primeiro -o máis peliagudo- en parte protexido por un cable a modo de pasarela e o segundo é unha zona onde é fácil esbarar en caso de que estean molladas as rochas.

O gran paredón da Fisura de AilefroideComentarios:

A primeira vez que un mira ás paredes do redor do camping de Ailefroide, xa chama a atención ese enorme bloque semiesférico que o domina. Logo un empeza a fixarse máis nos seus rasgos distintivos e enseguida percorre cos ollos -cáseque sen querer- esa vertical liña que o surca de abaixo a arriba, dividíndoo pola metade. Inmediatamente pensas se será posible escalar seguindo ese itinerario que debuxa no granito e, naturalmente, cando miras na guía de escalada da zona xa aparece coma unha das clásicas xoias, co valor engadido de ser das primeiras vías abertas -se é que non a primeira- e, aínda por riba, por nada máis e nada menos que por un escalador mítico desa época dourada do alpinismo, coma foi Lionel Terray.

Pero nós, que acabamos de chegar, aínda non nos plantexamos a súa escalada, hai que ir paso a paso e o primeiro é tantear este granito que tan familiar nos tería que ser ós galegos, pero no que costounos empezar a confiar. Para elo, adicamos os primeiros días a ir pasando por diferentes sectores e -de paso…, por se acaso,… xa que está aí…- buscar algo de información sobre a vía. 😉 E cumpridos con tódolos “trámites”: cando chegamos ó pé da vía había unha cordada na segunda reunión, outra empezaba a vía e aínda había unha terceira xa á espera, así que tomámonolo con calma e sentámonos a agardar pola nosa quenda. Ós primeiros nin os vimos, pero os segundos resultaban algo lentos, así que a seguinte cordada foilles comendo o cu todo o tempo. Nós, sen embargo, só os “presionamos” no primeiro longo, xa que logo do tempo que adicamos nunha maniobra para iza-la mochila evitando ter que levala na cheminea do segundo longo e -sobre todo- unha hora que adiquei infructuosamente a tentar recuperar un friend que atopamos encaixado nunha fenda no cuarto longo, xa non nos vimos ralentizados por eles.

Croquis da Fisura de AilefroideDescrición da vía:

L1. IV, 45 m. Empezando nos zócalos da fenda, séguese ata introducirse nela e súbese ata a entrada da gruta na que a reunión está situada no lado dereito, cun parabolt e un spit. -No croquis da guía “Escalades autour D’Ailefroide, de Jean-Michel Cambon, figura unha reunión intermedia previa, pero nin a vin, nin parece que a ninguén lle faga falta usa-la-.

L2 IV+, 20m. Entrase na cheminea cara ó seu interior e sáese polo seu estremo externo, nun tramo que hai que facer sen mochila -o segundo debe colga-la entre as pernas ou axudarse dunha corda para que o primeiro a ice ata un parabolt que protexe a saída ó exterior da cheminea e que queda practicamente na vertical da R1-. A reunión está conformada por un parabolt e un spit -reforzables lazando un bloque- no lado esquerdo, a moi poucos metros da saída da cheminea (a uns 10 m. do mencionado spit que protexía dita saída).

L3. IV, 45 m. Seguir por cheminea e fenda ata unha ampla terraza á entrada dun pasillo que conduce a unha nova cheminea. Antes de adentrarse polo pasillo, hai unha vira no lado dereito no que vese un spit para protexe-la entrada na mesma, e a uns 3 ou 4 metros á súa dereita, tamén pódese ver unha instalación de reunión con 2 parabolts -segundo o que indican os croquis, entendo que esta reunión sería para seguir unha variante de V do seguinte longo, que vai polo esterior da fenda; e a reunión propia que deberamos de usar estaría á nosa esquerda, sen necesidade de subir a esta vira, pero eu non a vin, así que usei esta reunión sen ningún problema tanto para asegurar ó longo precedente como o posterior-.

L4. V, 45 m. Supérase a cheminea e séguese ata outra nova cheminea que súbese polo lado dereito para continuar por placa e un tramo estreito de fenda ata a reunión de 2 parabolts no lado dereito, nunha ampla terraza. Algúns parabolts van indicando por onde seguir en cada intre.

L5. IV+, 45 m. Supérase unha cheminea-teito nunha gruta polo lado esquerdo e séguese pola ancha fenda primeiro, ata que logo esta se estreita tendo que percorre-los últimos metros pola placa do seu esterior ata a reunión, á vista dunha nova cheminea.

L6. IV, 45 m. Avánzase cara á cheminea e remóntase polo seu lado esquerdo, logo coido que viña unha característica fenda duns 10 cm. de anchura no lado dereito (ó mellor isto foi no anterior longo), e séguese ata a reunión nunha lousa do lado esquerdo, con dous parabolts ó comezo dunha terraza (ollo que a reunión está diante dos ollos, pero a min pasóuseme e seguín trepando pola terraza ata agota-la corda).

L7. V, 45 m. Ascéndese pola terraza e supérase un teito formado por un gran bloque empotrado, polo lado dereito (un cravo) e séguese para superar pola dereita os grandes bloques característicos da parte superior da vía -ben visibles cando se ve a fisura dende calquera lugar do entorno-. Por riba destes bloques está a reunión (2 parabolts na parede do lado esquerdo) nunha ampla e cómoda terraza (ata podería vivaquearse comodamente aí) á que se accede por un pasillo entre os bloques inferiores e os de arriba.

L8. 6a, 20 m. A vía orixinal segue ascendendo pola cheminea do lado esquerdo, por riba da reunión, nun único longo máis de IV, pero nós decidimos proba-los dous longos da variante de saída do lado dereito, que obríganos a retroceder por onde viñemos e baixar un metro para coller un parabolt dende o que ataca-la base do diedro. Hai catro ou cinco parabolts para protexer este curto tramo difícil que segue unha estreita fenda e require dalgunha adherencia pola placa -pode que poida facerse directamente dende a R7, aforrando así pasar unha reunión e ter que desviarse pola R8 que nós usamos- A reunión non ten perda, xa que está no mesmo diedro, nun incómodo nicho no que non collen dúas persoas.

L9. III+, 35 m. Este último longo extra sae bordeando a placa primeiro cara á esquerda e logo segue por terreo protexido por algunhas chapas ata a última reunión -común coa saída esquerda do L8 da vía orixinal-.

Croquis:

  • En frances non me apaño, pero para o que entenda, pode serlle útil esta reseña: http://cmecl.eclair.ec-lyon.fr/topos/afficher/631
  • Na guía de escalada Escalades autour d’Ailefroide – de Jean Michel Cambon (edición do 2013), non coincide o  croquis co que nós pensamos que fixemos, pero é o mellor croquis que atopamos.
Advertisements