Inicio > Alpinismo, Neve > Dôme de Neige des Écrins (Les Écrins, Hautes alpes, Francia), vía normal da cara Norte polo Glacier Blanc, 4 e 5 de agosto de 2013.

Dôme de Neige des Écrins (Les Écrins, Hautes alpes, Francia), vía normal da cara Norte polo Glacier Blanc, 4 e 5 de agosto de 2013.

2013 Agosto 5

Fotos de Dôme de Neige des Écrins, vía normal da cara Norte polo Glacier Blanc.Dôme de Neige des Écrins (4.015 m.), vía normal da cara Norte polo Glacier Blanc (F).

O Dôme de Neige des Écrins (4.015 m.) non é unha cima destacable, xa que é apenas unha estribación no estremo da aresta que vai dar ó cumio da Barre des Écrins (4.102 m.), pero a ausencia das dificultades técnicas que si ten a cima principal desta montaña a converten nun obxectivo interesante para os coleccionistas de catromiles ou, simplemente, para os que gustan das travesías glaciares.

1ª ascensión: Non se coñece a data exacta nin o nome do seu primeiro ascensionista, xa que esta cima secundaria non se tivo en consideración durante os tempos da conquista dos Écrins. A referencia máis habitual é a de que o 26 de agosto de 1862, o célebre guía Michel Croz acadou a Breche Lory (a apenas un minutos de fácil percorrido por neve), durante un intento de escalada á Barre des Écrins. En todo caso, a primeira data na que se constata unha ascensión ó seu cumio é a do 21 de xullo de 1877, por parte de Emmanuel Boileau de Castelnau e os guías Pierre Gaspard pai e fillo.

A nosa ascensión:

Estando nos Alpes non podíamos deixar de tentar facer algunha escalada alpina, así que logo de buscar algún obxectivo próximo a Ailefroide, onde nos atopabamos acampados, escollemo-la Barre des Écrins, pola súa vía Normal da cara Norte, a través do Glacier Blanc, ou ben -se as condicións o permitisen-, polo couloir de Barre Noire. Esta segunda alternativa era a que me parecía máis atractiva xa que requiría de ascender uns 300 m. dun corredor duns 50º como máximo -segundo tiña entendido- e logo permitía varias alternativas: subir ó Barre Noire, ou ascender á Barre des Écrins, por un estremo ou por outro da súa aresta.

De calquera xeito, antes de nada é precisa unha xornada de aproximación a pé dende Pré de Madame Carle (1.874 m.), consistente nun ascenso por senda ata algo máis arriba do refuxio do Glacier Blanc (2.542 m.), e logo séguese pola superficie xa do glaciar ata o refuxio dos Écrins (3.175 m.). Tra-la preceptiva pernocta nel (por chamarlle algo, porque un déitase ás sete da tarde e levántase ás dúas ou tres da madrugada…), séguese polo glaciar ata o pé da cara Norte (3.300 m.) do pico, e dende aí ascéndese tamén por neve ata a Bréche Lory (3.974 m.), onde realmente escomezan as dificultades técnicas, xa que precísase de escalar por rocha (con dificultades de ata grao III) e mixto (tramos de neve) uns 500 m. de aresta para supera-los apenas 150 m. de desnivel que quedan ata o cume (4.102 m.). O regreso faise normalmente pola mesma ruta de subida, aínda que hai un par de alternativas de descenso máis directo dende a aresta ata a rimalla da mesma.

Naturalmente unha cousa é velo sobre o papel e outra ben distinta é facelo… 😉 Así foi que, á hora da verdade, conformámonos con chegar ó Dôme.

A primeira xornada collemo-lo coche para achegarnos dende Ailefroide ó gran parking situado na explanada do Pré de Madame Carle (leva uns 15 minutos pola estreita estrada), onde por 2 € pódese estacionar durante 48 horas e, por cada día adicional abónase 1 € máis. Dende aí comeza unha senda claramente sinalizada que leva ata os refuxios da nosa ruta. En teoría, nunha 2 horas acádase o refuxio do Glacier Blanc e, noutras 2 horas máis o refuxio de Écrins, pero a nós levounos unha 6 horas (2 horas e media ata o primeiro refuxio e máis de 3 horas ó seguinte), en lugar das 4 indicadas. Ademais de que os tempos estimados deben estar pensados para xente aclimatada e sen carga (xusto o contrario de nós, que non fixemos aclimatación ningunha e subimos bastante cargados), nós tomamos a ruta alternativa que evita parte do glaciar indo pola ladeira durante un bo tramo, e que supón unha maior distancia e desnivel (é a que se recomenda cando a do glaciar resulta perigosa e coma nós non tiñamos referencias do seu estado, decantámonos por minimizar posibles riscos). Outra cuestión é o feito de que só a aproximación supón uns 1.300 m. de desnivel, para ir durmir por riba dos 3.000 m., polo que en todo momento estivemos atentos a posibles efectos do mal de altura, por se fose convinte aborta-lo noso obxectivo.

Sobre o refuxio é interesante sinalar que se atopa no alto dun espolón rochoso que esixe dun penoso último ascenso de apenas 125 m. dende o pé do glaciar, que se fan interminables, e que serve de lección para que no caso de que ó seguinte día se vaia deixar algún material para a volta, este se coloque entre as rochas da súa base para aforrarse ter que subir novamente ó refuxio a por el.

O refuxio de Écrins está moi ben: é quente, ten unha zona de entrada para deixa-lo material duro e outra intermedia onde descalzarse, hai un par de retretes exteriores pero tamén outro par deles interiores xunto a un lavabos, pódese cociñar nun pequeno rincón acondicionado para elo, conta con auga recollida directamente da montaña polo que advirten que non está “tratada” (recomendan mercala embotellada por 4€ a botella de litro e medio), hai varios dormitorios limpos e acolledores con liteiras que contan con colchón, mantas e almofada, e tamén ofrecen ademais do almorzo e o menú diario da cea, unha pequena carta con algún prato a maiores (tortilla, sopa, doce caseiro, bebidas,…).

Nós unha vez no refuxio ceamos algo do que levabamos e o complementamos mercando aló unha deliciosa tortilla de queixo e unha moi rica infusión, coas que nos deitamos inmediatamente, pouco despois de que empezaran a servir a cea ó resto da xente ás 18h.

A noite foi a típica dun refuxio de montaña: moito calor (houbo incluso quen abriu porta e fiestra e, así e todo, a ratos sobraban as mantas que nos proporcionaran) e os típicos ronquidos e ruídos varios que tanto nos molestan cando queremos conciliar un sono que se resiste a deixarse atrapar. Eu como era a primeira noite que durmía nun colchón dende facía máis de dúas semanas, a verdade é que descansei bastante ben -contrariamente ó que é habitual en min-.

Ás 2:50h. da madrugada, o garda do refuxio espertounos para que baixaramos a almorzar os da quenda das 3 da mañá, que é a hora habitual para os que íamos cara á Barre des Écrins. Eu tomei algunha cousa da que levaba, xa que non me gusta o que normalmente se serve nos almorzos dos refuxios e fastídiame pagar tan caro (neste caso 7,50€) por algo que ata me deixa mal corpo. Logo, entre que nos equipamos, descendemos do refuxio e nos encordamos na base do espolón para atravesa-lo glaciar xa nos deron as 4:30h. da mañá.

Seguimos polo glaciar a pegada e as luces dos que nos precedían ata acada-la base da parede Norte (3.300 m.) cos primeiros raios do amencer (unha hora e media de travesía), e polo camiño vimos por fin o couloir de Barre Noire, que ata ese intre non resultaba visible, oculto dende o refuxio por un contraforte rochoso. Decepcionado pola mal aspecto que presentaba, aínda dubidei un pouco buscando algo que parecese facer máis fácil o seu ascenso, pero… tiña moi mala pinta, así que descartámolo 😦

A ruta pola pendente da cara Norte vai cambiando de ano en ano, zigzagueando para salvar fendas e evitar seracs, cara ó estremo esquerdo da rimalla na base da aresta rochosa somital. Dende aí proséguese cáseque horizontalmente ata o estremo dereito da rimalla, por onde se cruza para acada-la Brèche Lory (3.950 m.) -se se vai ó cume da Barre-, ou seguir facilmente por neve para percorre-la pouca distancia que leva ó Dôme de Neige. Nós tardamos algo máis de 2 horas en acada-la citada rimalla, dende onde decidimos conformarnos co Dôme á vista da situación: por diante nosa se encolaban no inicio da trepada pola primeira punta rochosa tres cordadas, outra dúas cordadas víanse descendendo dende o cumio e necesariamente teríanse que cruzar cos que subisen nalgún punto da estreita aresta rochosa, os 500 m. de percorrido por rocha e neve non nos parecían suficientemente fáciles e considerabamos que xa era bastante tarde co que o sol faría perigoso o noso percorrido de volta baixo os seracs e no glaciar.

Unha hora e media de baixada pola cara Norte, encordados cun catalán que tamén decidira retirarse namentres os seus compañeiros proseguían a ascensión, e outra hora e pico de percorrido polo glaciar leváronnos de novo á base do espolón sobre o que se asenta o refuxio. Aí tomamos un descanso e un bocado, recollemo-la mochila que deixaramos entre as rochas e iniciamo-lo longo percorrido dunhas 4 horas ata Pré de Madame Carle.

Reseñas:

Advertisements