Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección, Escalada deportiva > Ailefroide (Écrins), Hautes Alpes, Francia, xullo e agosto de 2013.

Ailefroide (Écrins), Hautes Alpes, Francia, xullo e agosto de 2013.

2013 Agosto 16

Fotos de Ailefroide (Les Ecrins)O pobo de Ailefroide está dentro do parque natural de Écrins, e durante o inverno a estrada que leva a el está pechada. Realmente só debe de ter tres ou catro casas, porque o resto son os negocios da súa actividade veraniega: o camping municipal, un par de tendas de alimentación (unha delas tamén é bar), un par de hoteis con restaurantes, algún albergue ou gite, dúas tendas de material de montaña ben surtidas, a oficina dos guías da zona e pouco máis. Non hai caixeiros, nin outros servizos, pero si hai buzón para o envío de correo postal e pódense mercar selos e postais nas tendas. Tamén é posible pagar con tarxeta en tódolos establecementos, incluídas compras menores (por riba dos 5€) nos supermercados.

Os prezos dos alimentos son bastante razoables e, salvo peixe, hai variedade de produtos tanto para comer como de úteis de calquera tipo.

Tamén pódense mercar en calquera das tendas, diversas guías de escalada tanto específicas desta zona como algo máis xenéricas que abarcan toda esta parte dos Alpes.

Durante o inverno a actividade mantense na próxima localidade de Pelvoux, na que hai unha estación de esquí e, polo tanto, aloxamentos e servizos para a persoas que se achegan aló a práctica-lo esquí.

As previsións do tempo elabóranse especificamente para a zona, colócanse tódolos días entre as 15h. e a 16h. na oficina dos guías en Ailefroide, e son bastante exactas. Por Internet pódese consultar a web de Meteofrance, en concreto, a estación máis próxima a Ailefroide é a de: France -> Alpes du Sud -> Hautes-Alpes – > Puy St Vincent, http://france.meteofrance.com/france/montagne?MONTAGNE_PORTLET.path=montagneprevisionville/051101

O  camping municipal de Ailefroide é o último dos varios campings que hai na estrada dende Pelvoux, e é o máis grande de Europa situado nun espazo boscoso natural, puidéndose acampar en pleno bosque, xunto ós numerosos regatos que o cruzan, ou nunha gran explanada. Moi perto de varios cumes reseñables para a práctica do alpinismo como a Barre des Ecrins (4.102m), o Pelvoux (3.946m), ou Ailefroides (3.847m), tamén hai numerosas vías de escalada en rocha de todolos niveis, grandes vías de ata incluso 400m e numerosas rochas para a práctica da escalada de bloques, ademais de rutas de senderismo, trekking e BTT; e algunha ferrata.
A partir de primeiros de Agosto notouse unha maior afluencia no camping, así que supoño que seguramente a xente en Francia ten máis costume de colle-las vacacions nese mes. Onde máis notamos ese incremento foi nas duchas, onde en certos horarios formábanse colas e algunha vez a auga só saía morna. Coido, pois, que a mellor época para ir ós Alpes é durante o mes de xullo, tanto porque hai menos xente, como para tentar asegura-lo tempo (na segunda quenda de agosto, a climatoloxía pode ser máis inestable).

O peor, sen dúbida foron as picaduras dos mosquitos: sobre todo nas primeiras horas da mañá, e nas últimas da tarde, o seu acoso era constante e, se non se está vixiante para acabar con eles en canto se pousan sobre un, o “sufrimento” está garantido.

Escalada deportiva de vías curtas.

Ó respecto dos sectores de vías curtas e puramente deportivas, hai que sinalar que a maioría das vías só requiren dunha corda de 60 m., pero hai algunhas que precisan de máis lonxitude. Nós apañámonos levando sempre unha corda extra que ó final só tivemos que usar nunha vía. O mellor para evitar sorpresas e usar unha corda de 70 m. Naturalmente, no caso de facer algunha das vías de varios longos de deportiva, o recomendable será levar dúas cordas para poder rapelar. En canto ó número de expreses, con 14 foron de abondo agás nun par de longos.

Hai moita afición ó bloque, practicándose incluso en familia...Entre os chamados sectores de Parois écoles (paredes escola) que veñen a ser os sectores de deportiva pura, con vías normalmente dun longo (aínda que algunhas teñen varias) e equipadas completamente, empezamos no sector Sous la fissure (baixo a fisura), na parte de abaixo da gran fisura de Ailefroide, no que o grao vai dende o terceiro ó 6a (e un par de 6b), e a verdade é que non saímos moi satisfeitos porque costáronnos bastante esforzo incluso os quintos; pode que fose debido a que os dous días que fomos, a rocha estaba algo húmida, e incluso mollada, xa que levaba un par de días chovendo, ou porque ó ser un sector habitual de iniciación, se cadra, as vías estaban moi pulidas; o caso é que non lle collín o xeito á adherencia do seu granito e paseino mal nos seus cuartos e quintos: non nos gustou moito.

Decidimos cambiar a outro sector e os tres seguintes días, xa con bo tempo, fomos ós da chamada Ecole de la Draye, que se subdividen en varias zonas.  Empezamos no lado esquerdo, no chamado Amigo, e logo seguimos por aí de esquerda a dereita dende o Draye Gauche ó Draye Droite, e as sensacións xa foron moito mellores e empezamos a disfrutar máis das vías e da súa adherencia. Aínda houbo algunha na que o pasamos mal, pero en xeral, as vías gustáronnos moito máis que os do primeiro sector que visitamos e xa empezamos a facer máis 5c e algún 6a. Na zona Amigo Gauche, entre as vías que nos gustaron moito, recomendaríamos a Fissure trou-trou (5b), Amigo (5c), Diable Rouge (5c) e Flore del Fango (6a), por exemplo. Na seguinte zona, Draye Gauche, destacaríamos as vías Cherche surfeuse (5c), Grimper Tranquille (6a) e Magnésie manie (6a+). E na primeira parede da zona Draye Droite, con vías dende o 4c ata un par de 6b, gustáronnos tódalas que probamos, pero poderíamos citar a Néodalle (6a) e a Dalle à Robin (6a+).

Tamén dímoslle unha pasada ó sector Chlorophylle, que ten unha roca moi adherente que daba moita confianza, e ó sector de Les Étoiles, que estaba bastante suxo e tiña un pequeno neveiro na súa base que impedía acceder a algunha das súas vías.

Pero onde o peor o pasamos foi no sector Les Petites Dalles, no que o seu pulidísimo granito e ínfimas presas fixéronnos cambia-lo concepto de adherencia polo de fricción (a que se produce cos gatos ó esbarar sobre o granito). 😀

Escalada de vías longas.

Antes de meternos en parede para percorrer algún dos seus moitos itinerarios de varios longos, tanto de deportiva como de autoprotección, estivemos uns primeiros días nos sectores das vías curtas para afacernos ó tipo de rocha e estilo de escalada da zona, pero en canto nos sentimos un pouco comodos no granito e coa súa adherencia, empezamos a buscar vías máis longas.
Respecto dos sectores de paredes máis altas, nas que as vías, tanto de deportiva como de autoprotección son de varios longos, empezamos -como non- polo da Fissure d’Ailefroide, facendo unha vía con equipamento de deportiva como a Tire d’Ailefroide (5c, 5c, 4c, 4c, 5c, 5c e 5c) e logo unha gran clásica como é a “histórica” Fissure d’Ailefroide (4c, 4b, 4c, 4b, 4b, 4c, 4b, 5b e 3b -se se toma a saída orixinal, ou 6a e III+, se se toma a variante de saída da dereita-), que xa é de autoprotección. baixada pola senda marcada por hitos que atravesa a garganta.  O descenso dende esta parede pódese facer camiñando un 30 minutos ata os prados da súa base, por unha senda ben clara na que hai un par de zonas delicadas, especialmente perigosas se están molladas (unha delas ten un tramo protexido con cable).

Outro día, esperamos a que a sombra chegase ó sector da parede superior de Engilberge para face-la vía de deportiva Caramba, mai c’est du VI! (6a, 6a, 6a+, 6a+ e 6a), da que encantounos o terceiro e carto longos que discorren por unhas extraordinarias fendas en diagonal.
No estremo dereito da parede da Fissure seguimos con outra vía equipada como deportiva, a Bleu Pétrole (5b, 5c+, 6a, 6a, 6a, 5c, 5c, 6a+), para, un día despois, ir a pola Snoopy (4c, 5c, 4b, 5b, 5b, 6b ou 5c/A0, 4b, 3c, 4b, 5c), que na guía de escalada da zona figura como de autoprotección pero que logo resulta que está totalmente equipada como de deportiva, así que sufrín unha gran decepción cando nos enteramos ó pé da vía; claro que unha vez feita, a verdade é que había algúns tramos que non houbera sido fácil protexer, así que ó mellor, ata nos conveu 🙂 … En todo caso na guía adícanlle unha páxina a explicar algunha polémica ou historia desta vía, que supoño que aclara que status e situación ten, pero claro… está en francés, así que a ver quen carallo se enteraba do que dicían 😉 Así e todo, non entendo porqué persisten en etiquetala como de autoprotección cando está claro que non o é (hai unha web especificamente adicada ó equipamento/desequipamento da Snoopy: http://www.snoopy-libre.com/1.html).

A estas alturas, decidimos xirarnos e pasar a outra das grandes paredes que se levantan fronte a nós: Palavar. Por aí van algunhas das vías máis longas e era habitual vislumbra-los pequenos puntiños das cordadas que se perdían da nosa vista aló,… moi alto… Primeiro achegámonos unha tarde de descanso ó sector Minus Palavar, só para localiza-los comezos das vías e así coñece-lo camiño á base da parede. Ó seguinte día cando chegamos para escala-la vía elixida resultou que xa había unha cola de xente nela e en cada reunión víase unha cordada agardando que proseguisen os seus respectivos predecesores, para continuar coa súa escalada. Afortunadamente, tamén tiñamos pensado facer posteriormente unha vía de autoprotección chamada Rêveur Prostré (5b, 5c, 5b, 5a, 5b e 5b) situada ó seu carón e que estaba libre, así que simplemente pasámonos a ela e así evitamos as colas e masificación. Un día despois chegamos á parede un pouco antes e así puidemos empeza-los primeiros a vía deportiva Serfouette Express (5c, 5c, 6a, 5c, 5c e 3b); ó seu remate atrevémonos cunha vía de autoprotección chamada RAWC (4c, 5c, 6a, 5c e 5c) cun famoso diedro no terceiro longo que serve de referencia para “catalogar” que clase de escalador/a é un/unha ;-), e no que un “despiste” meu na elección da reunión axeitada á saída do diedro, obrigounos a “abrir” un novo tramo de empalme para retornar á vía. En xeral, as vías neste sector Minus Palavar están bastante suxas, teñen abundante vexetación e terra que ocultan, ou directamente tupen, algunhas das presas. Tamén había moitos bloques e pedras soltas, nalgúns sitios a roca descomponse e ten perigo de desprenderse, habendo varios bloques fixados á parede mediante parafusos. Así que, tendo en conta a multitude de sectores e vías que hai pola zona, eu non recomendaría este sector ó consideralo un tanto incómodo/perigoso; o que non quita que haxa que recoñecer que haxa algúns bonitos longos que é unha pena non probar.

Outra das zonas do Palavar, está xusto por detrás e chámase Palavar-Les-Flotes, e aí rematamo-la nosa estancia cunha vía deportiva de 12 longos (4b+, 4c, 4c, 5b, 4b, 4b, 4c, 5c, 4c+, 4a, 4a e 4a), do mesmo nome que o sector, que salvo no 4º longo, amosaba unha rocha en moito mellores condicións que a de Minus Palavar. Iso si, para descender hai que facer 6 rápeles pola parede á dereita que, dado que non se sube por ela, levounos algo de tempo de máis por mor de ter que ir buscando cada unha das reunións.

Aínda nos quedaban unha chea de vías e varios sectores ós que nen sequera nos achegamos, pero todo ten un final, así que tomamonos un día de descanso antes de colle-lo coche de regreso a casa e dispuxémonos para os dous días de viaxe. Haberá que volver para remata-lo que nos quedou… 🙂

  • Para obter máis información sobre a historia da escalada na zona: http://www.vallouimages.com/lavallouise/ailefroide-escalade-histo.htm
  • Libros de croquis da zona:
    • A guía de referencia é: Escalades autour d’Ailefroide – Jean Michel Cambon – 2013
    • Escalades du Briançonnais – Suzy Péguy, Jean-Jacques Rolland – 1983
    • Oisans Nouveau Oisans sauvage – Livre Est – Jean-Michel Cambon – 2011
Advertisements