Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección > Elixir para Calvos e La conjura de los Fatos (Peña del Fresnidiellu, Sotres, Asturias), 22 e 23 de agosto de 2013.

Elixir para Calvos e La conjura de los Fatos (Peña del Fresnidiellu, Sotres, Asturias), 22 e 23 de agosto de 2013.

2013 Agosto 23

Vista da Peña del Fresnidiellu dende o camiño que vai cara ós Portos de Áliva

A Peña del Fresnidiellu (o Fresnidiello), de 1.477 metros de altura, é unha bonita parede con vías de ata 300 metros de lonxitude, situada na parte baixa do macizo central dos Picos de Europa, ó lado do coñecido pobo de Sotres (perto de Arenas de Cabrales) en Asturias, casi no camiño ó Picu Urriellu, así que pode ser unha boa alternativa escalatoria para evita-las aglomeracións do Picu, ou simplemente para aforrarse a súa longa aproximación. Un quilómetro antes de chegar ó pobo nunha curva moi pechada á esquerda, tómase unha pista que sae á dereita cara ós portos de Áliva e a Pandébano. Séguese pola pista durante quilómetro e medio, pasando de longo o desvío para os invernales de Cabao (por onde se iría cara a Pandébano, de camiño ó Urriellu), e un pouco máis adiante xa se ve á dereita a parede do Fresnidiellu, puidendo aparcar no lado esquerdo da pista, xunto a un panel informativo das súas vías de escalada.

Subir dende o coche ata a base da parede leva uns 30 ou 40 minutos por unha senda bastante evidente que vai dende o outro lado da estrada, logo de atravesa-lo seco cauce (en verán) do río Duje.

Cáseque tódalas vías teñen algúns parabolts bastantes alonxados entre si e as reunións están equipadas con 2 parabolts inoxidables e dobre anela para poder rapelar dende todas elas. A escalada está a medio camiño entre a deportiva e a de autoprotección, xa que pese a que hai algunhas chapas onde non é posible protexe-la ruta con seguros flotantes, estas distancian bastante e en moitos tramos non hai ningunha outra posibilidade así que, en xeral, é unha escalada bastante exposta. No Fresinidellu danse uns característicos canalizos cunhas curiosas formacións de “gotas de auga” polos que progresar. Hai ó redor de 30 vías, dende pouco máis de 100 metros ata supera-los 300 metros de lonxitude, e de diferentes dificultades (dende o IV ata o 7c+); algunhas vías crúzanse entre si, así que é importante contar con croquis actualizados, pero isto pode resultar difícil.

Croquis:

Para durmir e comer hai varios hostais, bares e restaurantes en Sotres, pero non hai máis que unha tenda para mercar lembranzas para turistas, na que tamén é posible mercar algún alimento. Pola mañá pasa unha furgoneta vendendo pan e -supoño- outros alimentos. Hai tamén un par de parkings públicos nos que deixa-lo coche. Nós durmimos a primeira noite no albergue Peña Castil, que ten algunhas prazas en liteiras con colchón e mantas (por 15 €/noite) e conta cunha zona onde cociñar, ducha e ofrecen xantares (12€), ceas (10€) e almorzos. As restantes noites durmimos nun dos aparcadoiros de Sotres e nun prado ó seu carón, xa que lin que fai algún tempo multaron a algunha xente por vivaquear na pista perto das paredes, así que non quixemos arriscarnos.

Fotos de Elixir para calvos (Fresnidiellu, Sotres, Asturias)

Elixir para calvos (MD, V+, 300 m).

1ª ascensión:
Félix Gómez, Javier López e Andrés Villar, o 1 e 13 de marzo de 1985.

Resumo:
Vía que percorre unha excelente caliza con pasaxes de placa, canalizos e as características “gotas de auga” ata acada-lo cume Norte (o da dereita) da parede. As reunións están equipadas con 2 parabolts inoxidables e dobre anela para rapelar.

Percorrido e dificultade:
MD. V+/6a, V+, V-, V, V, V-, IV. Son 7 longos, aínda que pódese facer un 8º longo dividindo o 5º en dous tramos montando unha reunión nun parabolt reforzable cunha ponte de rocha ó pé dun diedro. Hai algúns parabolts distanciados en cada longo, pero en xeral é posible poñer algunha protección intermedia máis, sobre todo pontes de rocha.

Croquis de Elixir para Calvos. Fonte: http://www.todoescalada.net/fresni02.htm

L1. V+/6a, 30m. O inicio da vía está sinalado por un pequeno canto rodado pegado nunha oquedade que seguramente perdeu a tinta do seu nome co paso do tempo. Empeza na vertical do estremo esquerdo dunha característica laxe e sube verticalmente por unha chorreira conformada polas típicas formacións de gotas de auga moi habituais nesta caliza.

L2. V+, 30m. Arrodea pola dereita unha pequena zona herbosa e segue logo verticalmente por unha nova choreira de gotas de auga ata a reunión.

L3. V-, 30m. Subir verticalmente ata embaixo dun pequeno desplome.

L4. V, 40m. Supérase o pequeno teito e séguese cunha certa tendencia diagonal dereita cara arriba por canalizos ata atopa-la reunión.

L5 (divídímolo en dous longos) 1º. IV+, 25m. Ascendemos con certa tendencia diagonal dereita cara a un pequeno diedro baixo o que montamos reunión nun parabolt refonzándoo cunha ponte de rocha semioculta entre matogueiras.

L5 (divídímolo en dous longos) 2º. V, 30m. Superado o diedro séguese por placa de forma bastante rectilínea ata a reunión situada baixo unha placa con moitas rugosidades.

L6. V-, 45m. Longo tamén rectilíneo por placa con moitas rugosidades ata a reunión un pouco por embaixo dun teitiño.

L7. IV, 50m. Arrodéase o teito pola dereita e séguese cara ó cumio esquivando matogueiras.

Data:
22/08/2013.

Participantes:
Mundi e eu.

Croquis de Elixir para Calvos. Fonte: http://lanochedelloro.com/reseespana/astu_frafres.html#Acceso/Base/Punto de partida:
A un quilómetro da entrada de Sotres cóllese a pista que sae á dereita cara ós portos de Áliva e séguese por ela durante quilómetro e medio, pasando de longo o desvío para os invernales de Cabao (por onde se iría cara a Pandébano, de camiño ó Urriellu), e un pouco máis adiante xa se ve á dereita a parede do Fresnidiellu, puidendo aparcar no lado esquerdo da pista, xunto a un panel informativo das súas vías de escalada. Dende aí proséguese a pé por unha senda durante uns 30 ou 40 minutos para achegarnos ó pé de parede.

Lonxitude/Desnivel:

300 m. 7 longos.

Descenso:

Rapelando pola mesma vía ou descendendo a pé polo que se considera a ruta Normal: entre a antecima á que se chega pola vía de escalada e o cume principal, baixa unha pequena senda cara a unha agulla á dereita algo máis baixa que arrodeamos polo seu lado esquerdo para subir ata a forqueta xunto a ela, e na que hai unha visible instalación para rapelar un pequeno tramo duns 7 metros que tamén pódese destrepar con precaución; logo séguese baixando por unha moi inclinada pendente herbosa (onde é fácil esbarar) ata a base da parede (ata aquí, uns 30 ou 40 minutos), dende onde retómase o camiño para volver á pista.

Material necesario:
2 cordas de uso en doble (60 m. c/u), unha ducia de cintas exprés, algúns friends e empotradores de tamaño pequeno e medio e algúns cordinos para pontes de rocha.

Máis información desta vía na Peña del Fresnidiellu:

Croquis de Elixir para Calvos. Fonte: http://club-todovertical.blogspot.com.es/2006/06/fresnidiello-via-elixir-para-calvos-md.html Croquis de Elixir para Calvos. Fonte: http://enlavertical.blogspot.com.es/2013/07/elixir-para-calvos-la-pena-de.html
___________________________________________________

Fotos de La conjura de los fatos (Fresnidiellu, Sotres, Asturias) La conjura de los fatos (MD sup, 6a+, 250 m).

1ª ascensión:
Ana Boto, Albero Álvarez e Carlos Vázquez, no verán de 1994.

Resumo:
Vía que percorre unha excelente caliza con pasaxes de placa, canalizos e as características “gotas de auga” ata acada-lo cume Sur (o da esquerda) da parede. As reunións están equipadas con 2 parabolts inoxidables e dobre anela para rapelar. Nós equivocámonos no remate do 3º longo e montamos a reunión no primeiro tinglado que atopamos, sen ver que a uns escasos 6 ou 7 m. por riba e á dereita había unha segunda reunión, xusto na base do muro e un pouco á esquerda dunhas matogueiras grandes polas que sempre corre algo de auga. Coido que o recomendable sería esta segunda reunión, pero como tamén víase un terceiro tinglado xusto enriba noso, e á esquerda da fenda do muro, fumos ata ela sen decatarnos de que as chapas da nosa vía realmente seguían rectas pola fenda. Unha vez na reunión foi cando vimos que dende aí as seguintes 2 chapas ían en diagonal ascendente cara á esquerda, e que nós estabamos fora da nosa vía, xa que esta seguía por un par de chapas na vertical da fenda, o que nos obrigou a retoma-la vía con certa dificultade.

Percorrido e dificultade:
MD sup. V-, 6a+, IV+, 6a, V. Son 5 longos con parabolts moi distanciados en cada longo, entre os que non é posible engadir proteccións intermedias dado o compacto da rocha, polo que hai que asumir certa exposición. Tódolos longos son duns 50 m., agás o primeiro (55 m.) e o último (45 m.).

Croquis da Conjura de los Fatos. Fonte: http://www.todoescalada.net/Fresnidiello/fresni26.JPG
L1. V-, 55 m
. O inicio da vía está marcado por un pequeno cordino podre nunha ponte de rocha a ras do chan, pero hai que empezar nas gradas de enriba ou un pouco máis á dereita da parede, para que as cordan cheguen, xa que este longo mide uns 55 m. Comézase por unha rampa de canalizos  e súbese por un deles superando unha placa protexida por 6 parabolts. Neste longo a vía crúzase coa Los Buitres, que a atravesa de esquerda a dereita cara a unha vira herbosa.

L2. 6a+, 50 m. Sáese cara á dereita e arriba cara ó primeiro parabolt e séguese por placa con bos cantos ata acada-la reunión nun último paso difícil (6a+) cara á esquerda.

L3, IV+, 50 m. Séguese rectilineamente ata embaixo dun muro vertical cunha fenda -no seu lado dereito- con agarres grandes. ¡Coidado!: por aquí hai 3 reunións moi seguidas; a primeira que atopamos debe ser a orixinal, pero supoño que debido a gran lonxitude do longo, montouse unha 2ª reunión uns metros por riba da 1ª -xusto na base do muro da fenda que acabo de describir- para evita-lo problema de que as cordas se poidan quedar curtas. Hai unha 3ª reunión, no lado esquerdo do comezo da fenda, xusto na vertical e a poucos metros de distancia da 2ª, pero esta debe corresponder a outra vía, xa que se desvía da nosa ruta cara á esquerda e dende ela vense as chapas que seguen noutra dirección (nós equivocámonos aquí e acabamos facendo unha rectificación delicada dende esa reunión máis alta, que non foi “agradable”).

L4, 6a, 50m. Sáese da reunión cara á dereita para colle-la fenda, pisando algo a permanentemente húmida zona herbosa da dereita, e continúase logo rectilinea e verticalmente por un muro con agarres e boa rocha de dificultade moi mantida ata a reunión, situada xunto o inicio do espolón final, baixo un diedro (a uns 6 m.por riba e á dereita desta reunión está tamén a última de Los Buitres).

L5, V+, 45m. A nosa esquerda xa se ve o primeiro parabolt no espolón, polo que séguese -máis ben polo seu filo dereito- por agarres romos ata acadar uns bloques amarelentos polos que continuar ata o cume.

Data:
23/08/2013.

Participantes:
Mundi e eu.

Croquis de La conjura de los fatos. Fonte: http://lanochedelloro.com/reseespana/astu_frafres.html#Acceso/Base/Punto de partida:
A un quilómetro da entrada de Sotres cóllese a pista que sae á dereita cara ós portos de Áliva e séguese por ela durante quilómetro e medio, pasando de longo o desvío para os invernales de Cabao (por onde se iría cara a Pandébano, de camiño ó Urriellu), e un pouco máis adiante xa se ve á dereita a parede do Fresnidiellu, puidendo aparcar no lado esquerdo da pista, xunto a un panel informativo das súas vías de escalada. Dende aí proséguese a pé por unha senda durante uns 30 ou 40 minutos para achegarnos ó pé de parede.

Lonxitude/Desnivel:

250 m. 5 longos.

Descenso:

Rapelando pola mesma vía ou pola de Los Buitres (seica que as reunións son máis cómodas). No 2º rápel de La conjura de los fatos é fácil que as cordas se enganchen nun corno a uns 10 m. por iba e á dereita da reunión ó tentar recuperalas.

Material necesario:
2 cordas de uso en doble (60 m. c/u) e unha ducia de cinta exprés. Os friends e empotradores resultan inútiles porque practicamente non hai nada onde poder colocalos.

Máis información desta vía na Peña del Fresnidiellu:

O susto:

O erro na elección da 3ª reunión non sería o único problema nesta vía. Para baixar máis rápido decidimos face-lo cunha cordada granadina coa que coincidimos na vía, de tal xeito que namentras rapelábamos uns, outros xa fosen montando o seguinte rápel. Logo dun primeiro conato de enganche das cordas no 2º rápel, estas si que quedáronnos bloqueadas no seguinte rápel debido a que se entrelazaron entre si e non corrían, así que Toni, un dos granadinos, ascendeu 100 m. (2 longos) por elas para desenredalas. Namentras el empezaba o ascenso, eu tentei lembrar como era o procedemento de ascenso pola corda mediante pedais e como non me salía empecei a facer algunha proba, de tal xeito que nun momento dado soltei o meu autoseguro da reunión e… ¡NON ME LEMBREI DE VOLVER A POÑELO CANDO DESMONTEI O TINGLADO DOS PEDAIS!

PERIGO

Non sei canto tempo estiven na reunión simplemente de pé apoiado contra a parede, totalmente inconsciente da miña precaria situación, sobre unha repisa de apenas a anchura do pé e dunha lonxitude que non nos permitía estar a dúas persoas sobre ela.

Logo dun rato de charla cun dos granadinos, namentras o outro seguía subindo, este rapelou á seguinte reunión xunto a Mundi e eu empecei a ordena-lo material no meu arnés. Cando xa tiña todo colocado estrañeime de que non estivese utilizando o meu cabo de vida e busquei na reunión que era o que me unía a ela: estaba baleira… De inmediato, agarreime ás anelas de rapelar e ancoreime, antes de pensar sequera no que podería terme ocurrido ou de como cheguei a cometer ese imperdoable erro. Logo non quixen pensar nelo durante o resto dos rápeles, e só á noite non puiden evitar darlle voltas ó asunto -como para non pensar nelo…-.

En fin, un susto que afortunadamente non tivo consecuencias e que espero que me sirva para facerme máis coidadoso e manterme alerta no futuro.

Advertisements