Inicio > Escalada deportiva > Escalada deportiva en Quirós (Asturias), 12 e 13 de outubro de 2013.

Escalada deportiva en Quirós (Asturias), 12 e 13 de outubro de 2013.

2013 Outubro 13

Fotos de Quirós (Asturias), 12 e 13 de outubro de 2013.O certo é que non tiña pensado achegarme ata a fantástica escola de escalada de Quirós esa fin de semana -tiña mellores plans 😉 -, pero a oportunidade de probar que tal andaba na súa caliza, antes de que o inverno entrase, non podía desaproveitala. Coa excusa dunha “quedada” do noso Club, o Alpino Ourensán, enchemo-lo Refugio de El Llano con escaladores e montañeiros. Os primeiros quedámonos nel durante toda a fin de semana para escalar nas súas próximas paredes, e o resto fixeron unha travesía con vivac polo Fariñentu.

Para chegar ó noso destino en Quirós hai que desviarse cara á localidade de Aciera (na estrada que vai de Teverga a Bárzana), onde déixanse os coches no aparcadoiro do bar que hai na aldea, ou súbese con eles ata El Llano,  para descarga-lo material e baixar inmediatamente, xa que non hai moitas prazas de aparcadoiro, e é bastante habitual que a Garda Civil multe a todo aquel que estaciona nas beiras da pista. Se se sube andando dende o aparcadoiro de Aciera, é un paseo de 10 minutos pola estreita estrada asfaltada ata chegar a El Llano. Nesta aldea é onde se atopa o mencionado refuxio da federación asturiana, e noutros 15-20 minutos de andaina ata os pés das paredes, achegámonos á base das primeiras paredes.

O refuxio está bastante ben, pero hai que reprocharlle que o espazo destinado para cociña libre, estea situado no cuarto dos retretes e duchas, no que é outro desagradable exemplo de como á federación asturiana impórtalle ben pouco o que os montañeiros máis “pobres” poidan necesitar… Peor é o sangrante caso do refuxio ós pés do Urriellu, no que moitos meses despois de rematada a súa reforma aínda seguen sen permitir cociñar no seu interior, argumentando que non teñen un espazo acondicionado para elo (pese a que o espazo anteriormente utilizado segue estando aí…) e que ¡TODAVÍA! están pensando en como soluciona-lo: vergoñento e inexcusable, mírese como se mire.

Comidas en retretes aparte, o que a nós máis nos importaba, as paredes, estaban aí, impertérritas e indiferentes ás nosas polémicas, pero dispoñibles para que nos aplicáramos ó noso xogo; así que durante un par de días, esparellámonos por elas e puxémonos a proba nalgúns dos seus sectores.

Advertisements