Dese xogo de abrir vías…

2013 Novembro 21

Xosé abrindo víaToquei a rocha por primeira vez no intre en que o Xosé tensou a corda coa que me aseguraba dende a reunión que acababa de instalar. A sensación non foi boa en absoluto…: terra, liques e unha grosa capa de po alternábanse cubrindo a superficie na que infrutuosamente tentaba atopar puntos de adherencia.

O son oco aló onde comprobaba a solidez dos agarres, as fendas nas que os seus bordos tan pronto cortaban coma coitelos, como descompúñanse coa soa presión dos dedos, e algúns bloques soltos foron a pauta deste longo.

Así que, unhas veces agarrándome ás cintas e outras directamente izado a tiróns do Xosé, fun elevándome penosamente ata xuntármonos nesa primeira reunión da vía.

Tocaba agora abrir o segundo longo empezando cara a unha fenda en travesía. Tras colocar un friend mediano e un cravo, o Xosé instala un parabolt e estírase sobre os estribos para colocar un microfriend ben alto na fenda. Metódico, comproba primeiro que aguanta o seu peso enganchándolle un dos estribos e pasándose con precaución a el; logo, tras pasa-la corda tamén por ese novo seguro, ízase, paseniñamente, ata quedar asegurado dende el, advertíndome que non tire moito da corda para evitar sobrecargalo.

Cada vez que se colga dun estribo eu póñome tenso; prepárome para dete-la eventual caída e non perdo detalle dos seus movementos -para alguén que, coma min, non gosta nin de colgarse das reunión, cargar co propio peso calquera seguro intermedio é motivo de nervios e preocupación-. Observo como coloca os pes buscando unha adherencia imposible sobre a sucia superficie da rocha e levántase o máximo posible buscando un emprazamento axeitado para a seguinte protección. Movo os dedos que aferran a corda coa que o aseguro, tentando relaxalos, namentres comprobo que non hai nada de comba na corda que vai ata el. Recoloco os pes e flexiono un chisco os xeonllos, inutilmente porque xa estaba correctamente posicionado, pero libero así algo da tensión que me embarga. O colo moléstame de estar tanto tempo mirando cara arriba, pero nestes intres non me atrevo a baixa-la cabeza, non sexa que me sorprenda unha caída que… ¡ocorre!.

O microfriend sobre o que se estiraba salta sen que, aparentemente, sufrise agora unha carga distinta da que viña soportando. Apenas me decato que o Xosé cae, instintivamente aperto a corda coas mans e tiro dos brazos cara a min para acurta-la caída -¡ó carallo co do freado dinámico…!-. O dispositivo de aseguramento cumpre coa súa función e detén a caída inmediatamente. Foi un voo curto -apenas un par de metros- e limpo -nen sequera rozou a parede ata que a corda o deteu-, así que eu asústome máis que o Xosé, que asúmea con naturalidade, como algo normal e coa seguridade que supón caer cando hai un parabolt cercano presto a soporta-la caída. Durante un rato aínda noto as palpitacións no meu peito…

Especulamos sobre porqué saltou o microfriend e sospeitamos que seguramente rachou a capa de superficie do interior da fenda. Non hai máis que falar… en vez de volver a coloca-lo friend instala outro parabolt e súbese sobre os estribos con plena confianza, coma se non tivese pasado nada… -forma parte do xogo…-

…¿Xogo?… A min aínda se me acelera o pulso ó lembralo… ;-D

Advertisements