Inicio > Sétimo grao > Progresión e consolidación do nivel de escalada: saíndo da zona de confort.

Progresión e consolidación do nivel de escalada: saíndo da zona de confort.

2013 Decembro 24

A consolidación das capacidades nun nivel dado require de que se estableza previamente cal é a base ou punto de partida, a partir do que defini-la barreira da “zona de confort” -que constantemente haberá que sobrepasar- para ir forzando e ampliando o noso límite. Pódese definir como zona de confort, aquela situación ou circunstancias na que nos sentimos cómodos e controlamos tódolos factores que nos arrodean. Saír desa zona de control supón asumir riscos fronte algo descoñecido que pode ser distinto para cada persoa; por exemplo escalar a vista para un escalador que escala siempre vias ensaiando, ou ir con alguén de menor nivel que o noso cando acostumamos a ir con xente dun nivel superior na que confiamos en que irá de primeiro ou montará a vía se nós non podemos, ou simplemente ir escalar a un lugar novo do que non temos apenas información en vez de ó noso lugar habitual… A diferencia esencial entre cada persoa e a súa zona cómoda son as aspiracións e expectativas de cada un. Permanecer na zona de confort é sinal de conformismo, medo ou falta de confianza. A nosa zona de comodidade supón un escalón de descanso na escaleira da nosa progresión, dende o que parten outros escalóns; cada vez que subamos un escalón, ampliarase a nosa zona de confort.

Ó pretender subir de nivel de escalada será necesario saír constantemente da nosa zona de comodidade. Iso suporá realizar moitas vías de dificultade próxima ó máximo nivel dun/dunha, co que ir construíndo uns sólidos alicerces para progresar cara a graos superiores. A este respecto parece preferible a escalada a vista fronte ó rotpunkt (aínda que de ambas obtéñense valiosas aprendizaxes). En todo caso, non hai que “deixarse levar” nin pola comodidade, nin por unha excesiva ambición, ó meternos en vías demasiado por embaixo do noso nivel ou -pola contra- en vías demasiado difíciles. O recomendable sería, para ir consolidando un certo nivel, escoller vías de entre 3 medios graos por embaixo e medio grao por riba do máximo grao a vista e, en cambio para traballar vías en rotpunkt, deberan de escollerse dende medio grao por riba ata -como moito- dous graos por riba.  No meu caso actual, considerando que o meu máximo nivel é de 6b, procuro tentar vías a vista entre o V+ e o 6b+, e en rotpunkt do 6b+ ó 7a (aínda que nunca tentei nada máis duro dun 6c, xa que non quero arriscarme a sufrir algunha lesión por sobreesforzo).

Unha técnica que me pareceu moi interesante é a de utilizar pirámides de grao, nas que ir anotando o nome da ruta e a data de cada vía en cadanseu bloque. A idea é ir recheando tódolos bloques de cada ringleira, para ir pasando á seguinte. Un pode ser máis ou menos estricto na construción de cada pirámide, e incluso face-las por separado para vías a vista e en rotpunkt, pero o máis interesante -dende o meu punto de vista- é que proporciona unha clara representación gráfica tanto do nivel actual, como da consolidación que este ten, e da progresión cara ó nivel que é o noso obxectivo.

Advertisement
Categorías:Sétimo grao
A %d blogueros les gusta esto: