Inicio > Difusión/Divulgación > As Leis da Montaña, segundo Luis Trenker.

As Leis da Montaña, segundo Luis Trenker.

2014 Marzo 22

Por Deror avi [CC-BY-SA-3.0, GFDL or Attribution], via Wikimedia Commons


Recoñezo que apenas leo nada que non me sexa estrictamente necesario, así que foi por casualidade que me topei cun antigo texto dun escritor tirolés chamado Luis Trenker, coñecido como as Táboas da Lei da Montaña (extraído da súa obra do ano 1931, Meine Berge), que se traduciran ó catalán no Butlletí del Centre Excursionista de Catalunya do mes de agosto de 1934.

Anacronismos e tópicos aparte (está claro que nin o contexto material e social, nin moitos dos ideais e doutrinas que se citan caben, hoxe en día, na nosa mentalidade), merece a pena darlle unha lectura a este decálogo que nos achega interesantes -e moi razoables- reflexións coas que achegarnos ás nosas montañas -de todos e todas- dun xeito máis humilde e respectuoso. Aí vo-las deixo para que, de cando en cando, nos asalte algunha delas no noso deambular polas montañas -e, como non, tamén pola vida…- 😀

I. Non emprenderás ningunha ascensión que estea por enriba das túas forzas. Has de ser superior á montaña: non a montaña superior a ti. Teste que propor retos en consonancia coas túas forzas, pero tamén tes que saber renunciar e da-la volta a tempo se fai falta. Teste que conceder moito tempo, e nunca pretender facerlle a competencia ó cronómetro nin establecer records. Non devores cumios, non te perdas ningún acontecemento das montañas.

II. Prepararás cada ascensión cos cinco sentidos, coidadosamente, tanto se vas só, como con amigos ou con guías. Un ignorante ou un desvalido que colga do regazo dunha neneira montañeira, resulta unha patética imaxe. A túa equipaxe moral ten que ser tan completa como o teu equipo de montaña. Tes que estar familiarizado co mundo que te arrodea; coñecer e comprende-las súas manifestacións. Non sobrecargues o teu estómago excursionista, nin tampouco queiras vivir de caviar ou de ostras. O teu ideal montañeiro tenche que permitir celebrar unha pequena excursión domingueira coa mesma alegría coa que, a próxima vez, atacarás unha difícil parede de rocha. Tes que saber estar por alá coa mesma naturalidade que trepando por aquí. Non te convertas nun deses que, entre tantas paredes de rocha, non ven as montañas. Tampouco tes que esquecer que as montañas están cheas de perigos, se ben has de saber que, cun pouco de precaución, seriedade e experiencia, os podes salvar.

III. Na montaña, non esquecerás a túa educación. Rudeza, grosaría e severidade discordan da forza e vitalidade. Dende a mesma estación e no tren, tes que exhibi-la túa educación montañeira e persoal. Podes asaltar cumios se queres, pero non asaltes nunca os vagóns do tren: non te subas nunca nos estribos dun tren en marcha, nin sequera aínda que sexas unha persoa segura e afeita a transitar por relanzos insignificantes de rocha. Non consideres a corda e os crampóns como un anuncio dos do teu gremio. Non poñas en perigo os vestidos ou os ollos dos demais cos teus trastes: esquís, piolet, crampóns e outros aparellos. Tampouco tes que violentalos seus oídos con labia ou alboroto excesivamente sonoro. Saúda os peóns solitarios que atopes, e devólvelles o seu: se tes que facer observacións desfavorables do seu aspecto, espera a que estean lonxe e que non te oian. Non creas que resulta necesario para o bo ton do montañeiro a utilización dun dialecto do oficio, con modismos que parecen extraídos a partes iguais dos barrios baixos da cidade e das cabanas dos leñadores. Tampouco é necesario soa-lo nariz cos dedos, nin practicar costumes salvaxes similares, posto que non era esta a intención do poeta cando dixo que nas montañas hai liberdade.

IV. Non deshonrarás o lugar que percorras, nin tampouco afearás a natureza de Deus con botellas rotas, cascas de ovo, peles de froita, anacos de papel, latas de sardiñas e outro lixo. Non esquezas que os que veñan despois, tamén quererán bebe-a auga fresca da fonte que estás a punto de emporcallar sen pensalo. Non uses os paus indicadores de camiños como brancos para botar pedras, e non coloques os que caesen nunha dirección falsa para gastar unha broma. Non deixes ningún enreixado dos prados aberto, porque podes prexudicar moito a unha propiedade allea, e porque así convertes o montañismo nunha actividade repugnante para a poboación rural. Pola mesma razón, non saltes dentro de ningún valado se non cho piden, nin te introduzas sen permiso nos cercados e alpendres. Podes cantar, se sabes e resulta oportuno, pero sempre con mesura. A miúdo, os ouveos montañosos adóitanse adaptar pouco ás gargantas humanas, e aínda menos ós órganos auditivos dos teus semellantes. Por regra xeral, na montaña non chames moito a atención nin fagas moito ruído. Non acendas ningún lume innecesariamente: o lume que fagas, xa sexa para cociñar ou para quentarte, tanto ó aire libre coma baixo tellado, vixíao ben. Cando o apagues, apágao ben. Non provoques caídas de pedras dende os cumios, nin sequera por descoido, e evita que ó subir ou baixar roden, nin aínda por causas inevitables, ou aínda que as canles de abaixo conduzan a lugares supostamente intransitados, posto que podes ocasionar graves danos. Finalmente, en camiños bastante transitados e en cumios moi visitados, non practiques nin o nudismo ó completo nin o da parte superior, aínda que desexes gozar da soidade e do aire intensamente. Preto dos lugares habitados, segue sempre os costumes establecidos.

V. Ten o compañeirismo en grande estima. Se é-lo xefe dun grupo, non sexas autoritario nin obstinado, non queiras ter sempre a razón, e non mires ós teus compañeiros con superioridade: tes que ser considerado e paciente, e ceder ante os outros sen mingua do ascendente que posúas moral e materialmente. A forza do máis débil, debe da-la medida das túas decisións. Abandonar un ser humano na montaña, pode constituír un asasinato. Se es ti quen é dirixido, adáptate a quen vaia na cabeza, a quen teña maior experiencia, a quen dea o mellor rendemento, e procura aprender alá onde poidas. Non hai ningún mestre que caese do ceo, pero na montaña, serían precisos moitos máis dos que hai. Aínda que sexas o máis débil do grupo, podes mostrala túa firmeza. Tes que saber que os bos segundos son tan raros como os bos primeiros. Calquera estraño que comparta contigo o amor polas montañas, é o teu camarada, e moito máis cando estea en problemas ou necesite calquera tipo de axuda, aínda que só sexa un trago da túa cantimplora ou unha ollada no teu mapa. Tamén tes que ver un compañeiro e un amigo experto no guía de montaña profesional. Non trates, nin a el nin ó seus, con orgullo, nin te queiras facer pasar polo máis sabio, pero tampouco fagas coma se tivésedes comido toda a vida do mesmo prato.

VI. Respecta o chalé refuxio coma se fose o teu propio fogar. Se humilde e non teñas esixencias que soamente pode satisfacer un hotel. Non esquezas que levar unhas moedas non significa nada aquí arriba, e que, ante a montaña, todos temos que ser iguais. Non introduzas no comedor os piolets, os esquís, a choiva, a caladura, o frío, o xeo, a neve e a sucidade, e se pode ser, tampouco a suor. Non rebaixes a cabana á categoría dunha tasca, posto que é un lugar de descanso e de repouso para todos os montañeiros. Non ocupes todos os bancos ou as mesas coa túa mochila, piolet, provisións, mapas ou pernas. Aínda que sexas moi novo, tes que saber que ata nos chalés de maiores dimensións, non cabe unha parella de felices namorados. Deixa en paz os gramófonos, e non toques ningún instrumento se non é que realmente sabes. Non enzoufes as libretas-rexistro con ditos obtusos, observacións parvas ou versos malos: escribe alí con claridade o teu nome, de onde vés e onde vas, e antes de efectuar ascensións de envergadura, deixa datos co fin de que, en caso de accidente, se che poida levar socorro, ou que, noutros casos, ninguén pase inquietude ningunha pola túa sorte. As rochas e muros dos edificios non son material de escritorio. Podes esixir un lugar para durmir, e mesmo podes escolle-lo mellor, se acabas de facer ou pensas emprender unha ascensión, pero, en caso necesario, telo que ceder con boa cara ás persoas que o necesiten (esgotados, enfermos, persoas de idade). Non te metas nas liteiras cos zapatos postos e non te deixes caer coma un tolo coas solas ferradas escaleiras abaixo, especialmente pola noite e a primeira hora do día. Se es unha persoa que ronca, non elixas o cuarto colectivo para realiza-las túas durmidas e roncadas. Ten en conta a luz e o lume na cabana. Non te fagas ilusións de se-lo amo e señor do refuxio, e pensa que o arrendador ou garda é o administrador dunha institución para o ben do colectivo: tes que segui-las súas instrucións, dado que é o responsable. Cada lugar e cada cousa que uses, déixaas tal e como te gustaría atopalas. Especialmente en refuxios libres, tes que extrema-la consideración cara ós teus semellantes, compañeiros de refuxio presentes e futuros, e non esquecer que o refuxio e os seus aparellos son uns bens que che foron confiados. Economiza a leña, que ás veces ha de ser transportada con grandes fatigas. Deixa a cabana limpa e ordenada ó irte. Has de pechala coidadosamente, sen que se che esqueza paga-la cota pola cabana e pola leña.

VII. Non roubes. Tampouco has de roubarlle ó demais a paz e a tranquilidade montañeira, a soidade ou a vista dos cumios. Nin tampouco os bastóns de esquí, as correas das fixacións nin outras cousas. Nin tampouco a herba para o leito, recollida por outros con dificultade, nin a leña coidadosamente traída. Ademais, procura sempre tratar con coidado as flores e os campos, as árbores e a herba dos prados, e non desacougues ó gando. Non arranques ningunha árbore para procurarte leña ou polo gusto de desafogarte. Non destrúas os formigueiros por curiosidade. Non trates ás toupas, ras e outros bichos coma se fosen feras acredoras de ser exterminadas. Considera a montaña como un paraíso no que Deus te puxo, e coopera para conserva-la súa fisionomía e pureza.

VIII. Non mintas. Non uses ningún mal ton, non sexas fanfurriñeiro. Ata a máis difícil ascensión montañosa, é cousa doada comparada con outros feitos humanos. Non sexas pretencioso e deixa que todo o mundo sexa feliz ó seu xeito, aínda que sexan persoas doutra entidade. Tampouco tes que renegar, nin maldicir do tempo, nin da hospedaxe, nin das fixacións de esquí. Non traias á montaña nin a política nin as polémicas. Non te mofes nin critiques as crenzas, costumes e usos da xente de montaña. Non esquezas nunca que es un hóspede entre a xente de montaña, na montaña, e mesmo neste mundo.

IX. Garda a honra do teu club, non soamente o da devandita entidade, dese escudo tras o cal marchas, senón a honra de toda a comunidade que te encamiñou cara ás montañas, que serve ós grandes ideais e non á túa comodidade persoal, a que traballa polo colectivo. O mero feito de pertencer a ela, constitúe xa unha honra. Has de estar orgulloso de ser un membro desa asociación, e de poder conservar semellante posesión. Mira de non a deshonrar, nin tampouco ós que a crearon, a eses precursores, os mestres doutros tempos, que abriron o primeiro camiño cara ós cumios, onde puxeron fitos, así como as últimas pedras no edificio da conquista das montañas.

X. Non profanes as montañas co afán de bater récords. Busca a súa alma.

 

Advertisements