Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección > Por los Clavos de Cristo (Gilbo), Riaño – León, 19 de abril de 2014.

Por los Clavos de Cristo (Gilbo), Riaño – León, 19 de abril de 2014.

2014 Abril 19

Fotos de Por los Clavos de Gristo (Gilbo, Riaño).Por los Clavos de Cristo, MD inf (6a).

Logo do noso paso polo Friero apetecíanos encaramarnos a algunha tapia que nos quedase de camiño a casa, así que Alfonso, Víctor, Mundi e eu decidimos pasarnos polo Gilbo, perto de Riaño, para facer algunha vía das reseñadas no noso inseparable libro Cordillera Cantábrica. Escaladas selectas en roca”,  de Miguel Ángel Adrados. Aínda que hai  máis de media ducia de liñas nese pico, só se detallaban algo un par delas: a Meigas e a Por los Clavos de Cristo;  4 ou 5 longos que nos permitirían remata-la nosa viaxe dende un cumio afamado polas súas vistas.

Chegamos a Horcadas, o pequeno pobo onde deixamo-los coches, cáseque a media mañá e en apenas unha hora de camiñada por unha senda que conducía á parede (o camiño pasa xunto a unha fonte, dende onde xa resulta evidente cara a que punto da parede dirixirse), atopámonos ó comezo das nosas vías.

Alfonso e Víctor apresuráronse a prepararse para inicia-la escalada, namentres Mundi e eu relaxámonos e agardamos a que ascenderan o 1º longo da Meigas, xa que a nosa vía compartía ese primeiro tramo. Mundi houbera preferido que nos aproveitaramos dos nosos amigos para ir detras deles pola mesma ruta e así evitarnos embarques, pero a min, como estabamos en plena Semana Santa, tíñame gracia a relación do nome da outra vía coa época na que estabamos, así que apetecíame máis meterme na Por los Clavos de Cristo, ademais de que sempre é interesante “bruxulear” un pouco por recorridos menos evidentes para ir gañando experiencia: naturalmente, equivocámonos de ruta… así que incrementamos a nosa desexada experiencia ;-D -que fortuna a nosa, hehehe…-

E como fin de xornada, unhas gotiñas de auga que empezaron a caer cando rematabamo-la vía acabaron convertíndose nun chaparrón de granizo que nos empapou non só a Mundi e a min, senón tamén a Alfonso e Víctor que remataran a súa vía moito antes ca nós, pero que estiveran esperando pacientemente por nós para regresar todos xuntos. O peor desta molladura foi que como necesitabamos secarnos e acomodarnos canto antes, non puidemos agardar a que remataran as misas de vixilia desa noite da Semana Santa, na igrexa de Horcadas, para acomodarnos no seu soportal, así que cambiámonos dentro dos coches e arrancamos cara a un bar de camiño a casa.

 

Aperturistas:

Marcos Romero, Javier Rincón e Alfredo Peralta, en 1995.

Resumo:

A vía comparte o primeiro longo coa Meigas, empezando por un evidente diedro, cáseque cheminea, bastante descomposto, polo que é recomendable non meterse moito nel e ir algo pola súa dereita. O segundo longo segue un pequeno tramo de camiñada cara á dereita para subirse a unha terraza de viras dende onde se inicia o 3º longo. Nós pasámonos camiñando e, como consecencia delo, fixemos un 3º longo por un espolón dende o que logo tivemos que destrepar facilmente para acada-la base do auténtico 3º longo da vía (no croquis aparece de cor amarela o percorrido errado). Para rematar, penso que a reunión que montamos para inicia-lo último longo, debímola de facer antes de tempo, porque non fumos capaces de distingui-las 3 variantes de saída que figuraban nos nosos croquis. Só víamos unha opción directa que resultou meternos nunha placa improtexible pola que ascendimos aferrándonos tremorosamente a uns arbustos do seu lado esquerdo.

A verdade é que salvo o precioso penúltimo longo, o resto da vía non resultou moi interesante.

Dificultade:

V, II, IV+, V+ e V ou 6a.

Croquis da Por los Clavos de Cristo

L1. V. Empézase verticalmente por un evidente diedro, cáseque cheminea, procurando evitar ir demasiado polo seu interior xa que a rocha está bastante descomposta. O longo remata con tendencia á esquerda enriba do contraforte, nunha cómoda repisa cun spit.

L2. II. Sáese camiñando por unha fácil vira cara ó lado dereito que primeiro descende e da que, antes de que comece de novo a ascender, débese de abandoar para subir verticalmente por onde resulte máis fácil para chegar á base dun diedro no que un spit sinala o comezo do seguinte longo.

L3. IV+. Súbese polo evidente diedro, algo herboso, ata o seu remate, e continúase uns poucos metros máis por unha vira cara á dereita ata a base dunha visible longa fenda, onde varios vellos cordinos ó redor dunha ponte de rocha sinalan o comezo do novo longo.

L4. V+. O mellor longo da vía segue verticalmente pola fenda ata o seu remate e logo sáese cara á dereita camiñando por riba de arbustos ata unha ponte de rocha reforzada cun cravo. Aquí penso que cometimos un novo erro ó monta-la reunión en vez de proseguir uns poucos metros máis camiñando sobre os arbustos para monta-la reunión máis adiante.

L5. 6a. Para este último longo pódese escoller entre 3 alternativas: pola esquerda e pola dereita son de 6a e polo medio é de V por placa protexida por varias chapas. No noso caso, coido que montamo-la reunión varios metros á esquerda de onde deberamos e non vimos máis posibilidade que ascender recto ata que nos atopamos nunha placa improtexible dende onde víamos, varios metros á nosa dereita, a liña de chapas que supoñemos debía de corresponder coa alternativa de V deste último longo. Como non podíamos acadar esa liña forzamos o ascenso polo noso lado esquerdo axudándonos dunhas vellas sabinas que conformaban uns arbustos polos que pasamos pregando -ou máis ben chorando- que aguantasen… A reunión final compúñase dun par de spits que atopamos enriba dos arbustos que atravesamos e na vertical da liña de chapas correspondente ó longo de V que viramos á dereita de por onde nós foramos. Dende á reunión final, chégase ó cume trepando xa facilmente.

 

Material necesario:

2 cordas de uso en dobre (60 m. c/u), un xogo surtido de friends e fisureiros ata tamaños medianos, algúns cordinos para pontes de roca, e demáis equipo de escalada de autoprotección.

Cordada:
Mundi e eu

Data da nosa ascensión:

19 de abril de 2014.

Punto de partida:

>Moi perto de Riaño hai un desvío cara ó pobo de Horcadas, onde pódese aparcar para, xa camiñando, atravesalo, pasando xunto á igrexa, e tomar unha evidente senda que leva cara á visible parede do Gilbo. A ruta leva algo menos dunha hora e pasa xunto a unha fonte onde proveerse de auga.

Noite intermedia:

Nós víñamos de Posada de Valdeón, onde durmiramos no soportal da súa igrexa, pero a igrexa de Horcadas tamén parecía que podería ser axeitada para durmir discretamente baixo o seu soportal…

Descenso:

O descenso faise andando seguindo durante un rato a crista en dirección contraria a Riaño, ata que un fito marca onde comeza-lo descenso -nalgún tramo bastante pendente- cara á esquerda, ata a base da parede. O descenso dura uns 20 ou 30 minutos.

Máis info:

Advertisements